O deporte feminino galego I.

Fútbol Feminino de Galicia
Fonte foto: @FfemeninoGaliza-Twitter
G.Figueiredo

O deporte feminino galego comeza ter certa visibilidade na sociedade, aínda non se pode comparar coa que goza o masculino, pero aos poucos as mozas que o practican vanse facendo un oco nos corazóns dos e das afeccionadas. E teño que dicir que temos unhas grandes deportistas que levan ao deporte galego ao máis alto nivel. Mulleres coma Ana Peleteiro,  Nieves  Gamallo, Tere Abilleira, Malena  Mieres ou Susana Rodríguez son deportistas de renome en diferentes modalidades e mesmo foron premiadas na VII Gala del Deporte Feminino Galego correspondente ao ano 2018 que organizou o pasado mes de maio a Deputación de Pontevedra. Con estes premios Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) busca e pretende que os éxitos do deporte feminino sexan recoñecidos pola sociedade. O xurado tivo unha complicada tarefa para decidir os premios, xa que había campioas mundiais en diferentes modalidades, medallistas internacionais, deportistas con magníficas traxectorias , xente moi nova que está a conseguir logros a nivel internacional, e clubs con resultados enormemente meritorios

As premiadas nesta gala foron:

Mellor deportista feminina: Ana Peleteiro.

Mellor deportista feminina con diversidade funcional: Susana Rodríguez Gacio.

Mellor deportista feminina promesa: Teresa Abilleira e Malena Mieres.

Mellor adestradora do deporte feminino: Carla Abad.

Mellor equipo feminino: Atlético Guardés.

Premio á traxectoria: Nieves Gamallo.

Mellor árbitra ou xuíza: Zulema González.

Mellor directiva (máis comprometida/ou co desenvolvemento do deporte feminino): a directiva do Burela FS.

Mellor club: Ciudad de Lugo Fluvial.

Cabe destacar a enorme participación deste ano, máis de 130 propostas, moi superior a edicións anteriores, e nalgunhas modalidades chegaron a presentarse máis de 30 candidaturas. O xurado tivo unha complicada tarefa para decidir quen deberan ser merecedoras destes importantes premios. Nesta primeira xeira de reportaxes sobre o deporte feminino galego quero profundar un pouco máis no Fútbol :

O Noso país conta cun equipo na máxima categoría,a Primeira División Española, O Deportivo. Este equipo Coruñés, dirixido por Manu Sánchez, e logo dunha espectacular campaña o ano pasado, xoga este ano en Primeira División cun arranque espectacular. Levan 10 partidos xogados, nos que acadan 21 puntos, gañando sete partidos, empatando un e perdendo soamente dous. De feito, van terceiras na táboa, parabéns rapazas!.

Pero o Deportivo non é o primeiro equipo feminino en xogar na primeira división estatal, antes o xa fixera o desaparecido Club El Olivo.

Como vedes grandes equipos, e grandes xogadoras que elevan o fútbol feminino ao máximo nivel. Esperemos que nun futuro próximo retransmitan os seus partidos nas televisión estatais e poidamos gozar dos seus éxitos sufrir coas súas derrotas igual ca no fútbol masculino. De feito, as xogadoras de primeira división convocaron unha folga en España o pasado mes de novembro. Folga sen precedentes no mundo, que foi apoiada por todos os equipos acadando un gran éxito, “non se xogou nin un partido e paralizouse a liga feminina toda o fin de semana”, As xogadoras tratan de alcanzar un convenio que será histórico. Tras máis dunha vintena de reunións, non houbo acordo e a folga levouse a cabo. Esixen por convenio dereitos laborais como deportistas e poder equiparalos, un pouquiño, aos que teñen os homes na súa mesma categoría. O que vou a destacar desta negociación é o salario mínimo anual, piden 16.000 € brutos cunha parcialidade laboral do 75%. Desde logo unhas cifran un pouco ridículas se pensamos nos desorbitados salarios que teñen os homes . Piden tamén a inclusión do protocolo de embarazo, maternidade e lactación achegado por AFE, axudas a maternidade de 600 euros, un complemento salarial por Incapacidade Temporal (IT) sexa cal fora a continxencia ao 100% do salario durante todo o período de baixa, e 30 días de vacacións naturais dos cales 21 días de vacacións de verán serían consecutivos, mantendo os días de descanso adicionais en Nadal igual que no Convenio Colectivo masculino. A retribución das vacacións será igual á percibida durante o resto do tempo de traballo, percibindo os mesmos conceptos e nas mesmas contías que viñesen cobrando.

A día de hoxe a folga está desconvocada contando con firmar o seu convenio colectivo regulador o próximo 20 de decembro.

Desde logo non piden nada que non teñamos o resto das e dos traballadores suxeitos ao Estatuto de Traballadores e desde aquí animo a estas xogadoras a que sigan na súa loita para esixir os seus dereitos coma traballadoras, xogadoras e mulleres.

A primeira División Galega Feminina está composta por 16 equipos das provincias galegas, nela compiten o UD Mos, Victoria CF B, Sárdoma CF B, Betanzos CF, PM Friol B, Orzán SD, Villestro SD, Atl Matamá, Arcadia EF, SD O Val, Antas SD, Tomiño, Victoria FC B, CD Valladares B, EFM Boiro e o Alertanavia. O UD Mos vai en cabeza con 35 puntos en 13 xornadas disputadas e o Alternavia vai último con 4 puntos.

No é doado para estes equipos sufragar os gastos de desprazamento para xogar o seus partidos , e para elo a REAL FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE FÚTBOL acaba de convocar un total de 1,5 millóns de euros en axudas. Esta decisión pretende botar unha man aos distintos clubs de fútbol feminino e tamén aos de fútbol sala, que por primeira vez, poden acceder a estas cantidades.

En total, haberá ata un máximo de 1.200.000 euros para os clubs que participaron na Primeira División de Fútbol Feminino e na Copa de S.M. a Raíña na Tempada 2018/2019 e ata un máximo de 150.000 euros para os clubs que participaron na Segunda División de Fútbol Feminino na Tempada 2018/2019.

Tamén se estableceu un máximo de 80.000 euros para os clubs que participaron na Primeira División de Fútbol sala Feminino na Tempada 2018/2019 e un máximo de 70.000 euros para os clubs que participaron na Segunda División de Fútbol sala Feminino na Tempada 2018/2019.

Agardo que estas axudas sirvan para que estas mulleres amantes do deporte, neste caso do fútbol, poidan acadar os seus soños, vivir e gozar da súa ilusión e transmitir os valores da práctica deportiva e do xogo en equipo ás vindeiras xeracións de nenas da sociedade galega e quero agradecer tamén, á “Revista de Fútbol Feminino Galego” a súa labor de dar voz a todas estas xogadoras e equipos de fútbol feminino para que estean visibles e sexan un pilar máis dos amantes do deporte.