Galegas polo mundo III

Luisa Martínez en México

Luisa Martínez en México

Na terceira entrega desta serie imos ao continente americano para conversar con Luísa. Ela é unha muller de Ponte Caldelas que no ano 1974 emigrou a México despois de casar con outro fillo da emigración, neste caso do veciño concello de A Lama. Hoxe , medio século despois, xa xubilada divide o ano entre Ponte Caldelas e México, os dous sitios nos que se desenvolveron os camiños da súa vida. Nós conversamos con ela para coñecermos un pouco mellor este fascinante país.

México é un país fermoso que paga a pena coñecer sempre”

Onde naciches ti?

Eu nacín en Ponte Caldelas, no centro mesmo da vila.

E agora mesmo onde estás a vivir?

Desde que nos xubilamos repartimos o tempo. Estamos parte do ano en Galicia e parte en México.

Cando fuches a México por primeira vez ?

Eu fixen toda a miña vida no meu pobo ata que cumprín 21 anos. Estou falando do ano 1974.Nese momento fun a México por vez primeira.

O motivo deste tipo de viaxes adoita ser ou o traballo ou o amor. Cal foi no teu caso?

Ha ha ha. Ben, creo que podemos dicir que ambos. En xullo do 74 casei cun mozo que naceu en México, pero orixinario da Lama, Pepe, cuxa familia tiña negocios en México. E en setembro dese mesmo ano alá nos fomos a facermos o camiño das nosas vidas no outro extremo do mundo.

En que localidade de México vos instalastes?

Na capital.

Como levastes pasardes de Ponte Caldelas e A Lama, dúas localidades moi pequenas, a vivirdes nunha das cidades máis grandes do mundo?.

Agora mesmo a capital de México paréceme unha cidade abafante. Pero naquel momento, con 21 anos, entusiasmoume. Por outra parte ,eu que son unha persoa moi familiar, tiña medo de sentir moita morriña, pero a familia do meu home foi encantadora comigo. Foron cálidos, cordiais e acolledores e sempre me fixeron sentir moi cómoda.

Como vos gañastes a vida en México?

O meu sogro tiña, cun socio da Estrada, unha fábrica de colchóns:” Colchones Ideal” e ese foi o noso medio de vida ata a xubilación.

Aínda existe a fábrica?

Non, pechou hai arredor de 7 anos. Pero aínda quedan moitos colchóns “ideal” por distintas zonas de México, incluso algúns viñeron a Ponte Caldelas.

Que clima tiñas no sitio no que vives?

Naquel momento un clima moi agradable e estable, podiamos dicir que primaveral. Agora nótanse os efectos do cambio climático porque vai moita máis calor. A tempada de calor é entre xaneiro e maio. Logo xa refresca porque veñen as chuvias tropicais.

Sobre as comidas que nos podes dicir?

Nós comiamos máis ou menos o mesmo que aquí, aínda que non de tanta calidade. A diferenza nótase por exemplo no peixe. Alá non o hai tan saboroso como o temos en Galicia. Pero nós comiamos case igual que aquí porque na casa dos meus sogros tiñan o costume de comer comida galega: empanadas, polbo…..

Caramba, e é moi caro o polbo en México?

Nos anos 70 era de balde.

Siii¡¡¡. E agora?

Agora está moi caro,vale tanto como o robalo.

Aínda que na vosa casa tiverades o costume de facerdes comida galega , en 50 anos de vida en México tiveches tempo dabondo para probar a comida típica mexicana. Gústache?

Si, claro que si. Gústame moitísimo. Custoume un pouco afacerme ao principio pero acabei por facelo e adoro unhas boas enchiladas. Tamén me gusta moito o Mole.

Nos restaurantes mexicanos de por aquí podemos topar comidas extraordinariamente picantes. Iso correspóndese coa realidade das comidas mexicanas?

Si, absolutamente si. Alí son típicas as comidas moi picantes.

Sobre a situación social:que te encontraches cando chegaches? E como está a situación no momento presente?

A situación social é moi semellante agora a como era cando eu cheguei. Hai moita xente pobre, que vive extraordinariamente mal, e algunha xente que vive extraordinariamente ben. Agora parece que os soldos melloraron un pouco. Aproveito a oportunidade das vosas páxinas para expresar a miña admiración e respecto polas comunidades indíxenas. Eu tiven a oportunidade de traballar con varias e adoitan ser persoas de enorme bondade.

Pódese atopar nas rúas persoas que falen idiomas previos á chegada dos conquistadores españois?

Si, e con bastante frecuencia. O idioma que falan aquí é o náuhatl.

Ti falas algo dese idioma?

Tratei de coñecelo pero non me foi posible. É un idioma moi difícil pois non ten ningunha semellanza coas linguas románicas.

Cales son os sitios máis bonitos para visitar que nos podes recomendar coñecer?

México é un país fermoso de esquina a esquina que , para quen teña a oportunidade, paga a pena coñecer sempre. Hai infinidade de lugares que, se un vai a México,debe tratar de visitar. Así a modo de exemplo:

-O estado de Oaxaca no sur do país no que hai unha moi intensa cultura indíxena e preciosos edificios coloniais.

-Cancún é moi bonita.

-Los Cabos, na Baixa California é un paraíso para quen lle guste o mar.

-Mérida, a capital do Yucatán ten un patrimonio colonial e Maya de enorme importancia.

-A rexión do Bajío, no interior, é igualmente moi agradable para percorrer e coñecer.

-Michoacán con realidades que son patrimonio cultural e natural da humanidade é, ao meu xuízo, unha rexión de obrigada visita

En definitiva, México é un país que posúe innumerables zonas de enorme beleza ás que paga a pena visitar e coñecer en profundidade. Como antes mencionei, Cancún, se cadra o destino turístico por excelencia, é moi bonito, pero quen só visite Cancún perde un universo de lugares, de sensacións, de emocións e de experiencias marabillosas que nos pode ofrecer este gran país.

Ti tes dúas fillas. Elas que expectativas teñen para o seu futuro?

Elas casaron alá as dúas, tiveron fillos en México. Ambas casaron con descendentes de galegos, e ambas teñen a súa vida feita alí xa. Non desboto que algún dos netos si veña a estudar a Galicia.

A Comunidade galega é numerosa?

Si, moi numerosa. E un tanto endogámica tamén. Ás veces vivimos como nunha burbulla relacionándonos só entre nós mesmos.

As fillas xa teñen a vida feita en México, e Pepe e ti que tedes previsto?

Mentres a saúde e as forzas acompañen seguiremos repartindo o tempo entre México e Ponte Caldelas. Cando xa non acompañen , malia termos pasado moitos e marabillosos anos alí, a terra onde un nace tira máis ca ningún outro sitio.

Primer comentario

Deixa a túa opinión