A política e a moral

Núñez Feijoo
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

Vivimos tempos complicados nos que a miseria dos que non son capaces de acadar o poder político, porque non lles dan os votos, fai que traten de logralo utilizando perigosos subterfuxios que provocan que a tensión e a polarización se instalen na sociedade de forma e maneira extremadamente perigosa. Estes tempos obrigan a debater, a reflexionar e a lembrar o obvio. Como por exemplo que os conceptos que dan título a este artigo refiren realidades diferentes. A política é a ciencia que trata dos diferentes modelos existentes para organizar a administración dun estado, os seus asuntos e intereses. E a moral é todo o que teña que ver cos actos das persoas en relación co ben e co mal. Unha persoa que sexa solidaria, fraternal, xenerosa e humilde é un ser humano que se comporta de maneira moral ,con independencia da súa posición política.

O comportamento,só o comportamento, que desenvolvemos na nosa vida cotiá é o que debe de ser valorado conforme a criterios morais. A nosa posición política unicamente define a maneira que entendemos máis adecuada para organizar unha sociedade. E a opinión política dos outros só debe de ser valorada conforme a criterios políticos. Podemos asumila se a consideramos correcta, ou podemos confrontala coa que nós estimemos mellor. Sempre en base a criterios políticos pois quen pensa politicamente diferente a como nós pensamos pode ser un ser humano tan íntegro, ou incluso máis do que o somos nós mesmos.

Todos os procesos políticos que provocan que nunha sociedade xurda a peste do fanatismo seguen sempre as mesmas tres fases:1) A confusión do político co moral. En consecuencia se procede a valorar moralmente o que só é unha posición política diferente. Canto máis lonxe estea a opinión do suxeito valorado, máis inmoral será a ollos do fanático que valora.2) A despersonalización da persoa valorada polo fanático á que chega a desposuír da súa condición de ser humano, animalizándoa ou cousificándoa “ Perro Sánchez”.3) A violencia, a terceira e última fase deste problema tan grave é a violencia que se exerce sen ningún tipo de problema moral pois o agredido é a ollos do agresor un suxeito inmoral, que non ten a categoría de ser humano. É o “coletas”, a “rata” ou”Perro Sánchez”.

Todos os avances sociais dos que ao longo da historia se beneficiou a humanidade veñen sempre da esquerda,isto é unha valoración política persoal. A igualdade, a liberdade( a liberdade moral, non o libre mercado económico que é diferente), a democracia, o feminismo, as pensións, a universalización do acceso á cultura, a sanidade, a educación, as bolsas, a memoria histórica, o divorcio, o matrimonio homosexual, o salario mínimo, as lexislación laborais, o dereito á folga, o respecto( polo menos teórico) ás linguas minoritarias, o ingreso mínimo vital, o dereito a unha morte digna, o benestar animal, o respecto polo medio ambiente……… todo, absolutamente todo, o que vai na liña do ben común das maiorías foi impulsado por gobernos de esquerdas. A dereita chega tarde e mal a todo, absolutamente a todo .De feito no estado español cando se promove unha medida deste tipo sempre, ou case sempre, ten votado en contra.

Se contrastamos ambas formas de entender a política, desde a honestidade intelectual, a dereita nunca tería a oportunidade de gañar unhas eleccións porque o seu modelo social é só para minorías, defende os intereses das elites económicas, mentres que a esquerda, con maior ou menor acerto con maior ou peor fortuna, tratar de regular para as maiorías.

Pero a dereita gaña tamén eleccións, e iso é así porque recibe moitos votos de segmentos de poboación que foron prexudicados polas súas políticas. Por que?

Por moitas e variadas razóns das que quixera salientar as dúas que a min me parecen máis importantes:

-A creación de inmensas redes clientelares a través da práctica do nepotismo contra as que é moi difícil combater pois implican a un número moi elevado de persoas. Non só aos directamente beneficiados senón aos seus familiares e amigos.

-A confusión interesada da política e da moral coa que, a través de unha potentísima rede de difusión mediática, se trata de converter en suxeitos inmorais aos adversarios políticos.

Eso, exactamente eso, é o que está a facer o PP a través dos medios de comunicación de masas que digamos “simpatizan” con este partido. Critican como indesexables comportamentos que eles mesmos teñen practicado. Así por exemplo o esperpento da senadora Nidia Arévalo burlándose dun suposto problema co alcohol ao volante dun senador socialista, cando ela foi no seu momento multada con 600€ por conducir con máis alcohol no corpo do que permite a lei, ou de Núñez Feijoo ridiculizando ao presidente Sánchez por tomarse uns días de pausa para decidir o seu camiño cando el fixo en Galicia o mesmo, exactamente o mesmo, son dun nivel de hipocrisía estratosférico. E xa o cumio da loucura, o delirium tremens da práctica política e ver a Feijoo escribindo un artigo de prensa no que se presenta como o paladín de defensa da prensa libre.

Chegados a este punto amigos e amigas tómome a licenza de despedirme cunha humilde suxestión:

Cando teñamos que decidir en quen depositamos a nosa confianza política confrontemos as distintas propostas políticas e elixamos a que consideremos máis xusta para a maioría.

Cando queiramos valorar a alguén teñamos en conta o seu comportamento, só o seu comportamento.

Dedicado ás varias persoas do PP de Galicia que estimo e respecto porque, estando como están nas antípodas do meu pensamento, teño a constancia de que son persoas íntegras.

Primer comentario

Deixa a túa opinión