Xosé Emilio Barros ex alcalde de Mondariz

Emilio Alcalde de Mondariz

Nas eleccións municipais do pasado ano o BNG perdeu a alcaldía deste concello que recuperou Alternativa por Mondariz. O seu alcalde, Calis, leva xa varios meses de baixa laboral e a alcaldía a está a exercer de maneira provisoria a tenente de alcalde Helena Naveira. O actual goberno tirou recentemente unha nota na que acusa ao anterior de deixar ao concello nunha pésima situación económica, mentres que os nacionalistas manifestan que é o goberno actual o que ten sumida á administración municipal nunha situación de parálise. Nós falamos con Xosé Emilio Barros do BNG e anterior alcalde, para coñecer a súa opinión ao respecto.

Cando un partido se constrúe sobre o ultra liderado dunha persoa concreta e, pola razón que sexa, ese liderado desaparece, todo se esvaece porque non existen bases sólidas que o sustenten”

Por que motivo perdestes as eleccións?.

Porque a maioría do pobo de Mondariz decidiu confiar noutra opción política.

Xa. Esa é a razón aritmética, pero detrás da aritmética ten que haber motivos políticos. Vós baixastes tanto en votos como en actas. Cales son eses motivos políticos?

Nós debatemos moito a este respecto e concluímos que non fomos capaces de transmitir con claridade a nosa acción de goberno. Dígoo con toda humildade pero estou convencido de que fomos o mellor goberno que pasou polo noso concello, porque fomos os únicos que tiñamos un proxecto de futuro para Mondariz e un rumbo para executalo. Mondariz precisa con urxencia medidas valentes e un goberno que aposte con firmeza por elas.

Unha vez que se perden as eleccións en que situación queda o BNG local? E ti persoalmente?

O BNG é unha formación política, tanto en Mondariz como en todo o país galego, firmemente chantada na realidade sociolóxica de Galiza. Nós non estamos supeditados a ningunha conxuntura política concreta de ningún grupo, nin por suposto que de ningunha persoa en particular. O BNG de Mondariz, ao igual que fixo sempre, defenderá o mellor que poida e saiba o interese do pobo de Mondariz. A organización local a día de hoxe está máis forte que nunca.

Iso de que estades máis fortes que nunca é real? ou é un cliché?

É total e absolutamente real. Temos moitas ganas de recuperar a confianza da maioría social do noso pobo, e a unidade a cohesión e a afouteza do BNG local están mellor do que estiveron nunca.

E ti?

Eu son un militante máis. Os nomes non son importantes. O relevante é que o BNG de Mondariz goza de moi boa saúde, é unha organización moi sólida que vai tratar de recuperar a confianza do noso pobo. Por outra parte temos moi boas sensacións pois o que percibimos pola rúa vai nesa dirección que che indico.

O goberno actual quitou unha nota moi dura na que responsabiliza ao goberno que ti dirixiches da situación económica na que se encontra Mondariz na actualidade. Que tes que dicir ao respecto?

Atribuír responsabilidades a outros é unha proba palpable da falta de criterio e de proxecto político de Alternativa para a nosa localidade. Tiran ese comunicado en abril do 24 cando xa en xuño do 23 o noso goberno deixara o traspaso de poderes perfectamente detallado con todas as iniciativas que estaban en marcha e cunha folla de ruta clara na que especificabamos todos os pasos a seguir, incluso en materia fiscal. Eles fixeron caso omiso e nin sequera formularon un orzamento. Alternativa por Mondariz non acaba de chegar. Eles gobernaron no mandato 2015-2019 e eles son partícipes da situación deficitaria na que se encontra o Concello.

Pero ese déficit foi incrementado no teu mandato?

Si, porque nós puxemos en marcha investimentos moi importantes e moi necesarios para o noso concello.

O teu goberno deixou arruinado a Mondariz?

Non, en absoluto.

O noso goberno tiña un proxecto para a localidade e tamén un plan realista para levalo a cabo. Este plan económico probablemente comece a dar resultados nos anos 25 e 26.E xa imaxino que nese momento Alternativa por Mondariz tratará de vender boa xestión económica, cando os resultados virán dados polo traballo do noso goberno.

Algún dato concreto que avale o que acabas de afirmar?

A auga e a iluminación. Estimamos que poderemos aforrar, grazas aos nosos investimentos, moitos milleiros de € cada ano..

Agora mesmo quen manda en Mondariz?

O persoal municipal e o funcionariado.

E logo a alcaldesa accidental non exerce a dirección política do concello?

A dirección política no noso concello é nestes momentos mínima. A situación política de Mondariz é de parálise e ten moito que ver coa filosofía dun partido localista e personalista que se constrúe arredor do ultra liderado dunha persoa concreta. Cando desaparece ese liderado todo se esvaece, porque non existen bases sólidas que o sustentan.

Algún exemplo concreto desa suposta parálise que mencionas?

Hai múltiples. Así, a modo de exemplo:

-O desenvolvemento do parque empresarial da Lagoa. Esta é unha importante medida que conseguiu quitar adiante o anterior goberno e que na actualidade está paralizada polo desleixo do goberno actual.

-A expansión dun plan especial de dotacións e equipamentos turísticos para a localidade.

-O baleirado de fosas sépticas, que acaba de paralizar Alternativa por Mondariz.

-As melloras das praias fluviais no Val

-As melloras para o campo de fútbol da Lagoa

Son medidas que, en moitos casos, non precisan de grandes recursos económicos para que funcionen. Só precisan dunha dirección política detrás, o que por desgraza nestes momentos non existe. Agora mesmo o único que fai o goberno de Alternativa por Mondariz é xestionar como poden o día a día. Xestión que en moitas ocasións recae no propio persoal municipal.

Calis púxose en contacto contigo nalgún momento para explicarche o motivo da súa baixa, e as expectativas de recuperación?( desexo e agardo que plena e pronta recuperación).

Fixérono a touro pasado. Non sei cando se reincorporará, pero a baixa dun alcalde non debera de ser ningún problema para que a administración municipal funcione con normalidade.

Quixera preguntarche a túa opinión sobre a política de persoal da administración municipal?

Non existe ningún tipo de política de persoal. Alternativa xa debería de ter perfectamente definidas as necesidades nesta importante cuestión, pero non é así. Nesta materia o goberno tamén é inoperante.