Patricia Mariño-Voceira do BNG no Concello de Salvaterra

Patricia Mariño-Voceira do BNG no Concello de Salvaterra

Tras máis de corenta anos de gobernos populares, o primeiro que faría ao chegar á alcaldía sería unha auditoría”

Avogada de profesión, Patricia Mariño forma parte do grupo municipal do BNG de Salvaterra desde 2007 e, nas pasadas eleccións de maio, concorreu por vez primeira como cabeza de lista. Conseguiu para a formación catro representantes, o mesmo número que obtivo o PSOE, que é a segunda forza. O Concello é gobernado polo Partido Popular de Marta Valcárcel, que logrou revalidar a maioría absoluta ao introducir 9 integrantes da súa lista nunha corporación que, polo aumento de poboación, pasaba de 13 a 17 edís. As catro novas incorporacións repartíronse entre PP e BNG que conseguía así duplicar a súa representación e converterse na forza que máis crecía en apoios. Unha tendencia á alza que se confirmou nas pasadas autonómicas de febreiro.

-Sei que non é o resultado que devecían, porque o obxectivo era que Ana Pontón acadase a Xunta, mais parece que as últimas eleccións autonómicas confirman a tendencia á alza do BNG en Salvaterra.

– Si, eu creo que se está confirmando a nosa tendencia á alza. É certo que o contexto dunhas autonómicas –nacionais, para nós- é distinto, porque a campaña faise desde arriba, temos unha líder que arrastra moitísimo voto e hai que contextualizar; pero tamén é certo que o resultado en Salvaterra foi espectacular, e foi espectacular nun contexto dunha quinta maioría absoluta do PP. Nós quedamos a escasos 80 votos deles, e eu creo que aí si podemos facer unha lectura local. Temos un grupo moi potente, novo, formado nas municipais anteriores, pero que está traballando moi ben e é moi visíbel. E para min é claro que somos a única alternativa, eu creo que se ve, que se sabe que o somos, porque o PSOE, a nivel municipal, aquí soa bastante pouco. – Hai pouco que se coñeceu a dimisión da executiva local socialista. Cre que iso pode afectar, para ben ou para mal, ao funcionamento do grupo municipal?

-Penso que non. Eles xa dixeron que os concelleiros non ían dimitir ningún. Penso que son desacordos internos da organización, que polo tanto son alleos a nós. En todo caso, agardo que se arranxen polo ben de Salvaterra, por se, dalgún xeito, puideran afectar ao traballo da corporación en prol da veciñanza.

-De cara a converter o BNG na alternativa, cal serían para vostede as principais liñas de traballo nos tres anos que restan neste mandato municipal? Cales serían os obxectivos fundamentais?

-O obxectivo fundamental é gobernar de aquí a tres anos. Estamos traballando para iso. Estamos moi activos en batallas que nos parecen fundamentais para o municipio, como a da sanidade pública. Nun contexto xeneralizado de xestión pésima, en Salvaterra foi especialmente preocupante porque se chegou ao punto de pecharnos o centro de saúde. A partir de aí, hai facultativos que nunca se cubriron e a día de hoxe seguimos sen ter pediatría. Eu teño dúas nenas en idade pediátrica e ante calquera urxencia, ante cuestións que vaian máis alá dunha revisión -iso se tes a sorte de que ese día estea a pediatra para revisarte- o que nos din é que vaiamos ao Cunqueiro. Tanto eu como o meu compañeiro Rubén formamos parte da Plataforma pola Defensa da Sanidade do Condado-Paradanta. Facémolo a nivel individual pero ao final a xente relaciónate coas siglas e de feito eu teño a teoría, non sei se estarei equivocada, de que onde hai plataformas potentes en prol da sanidade obtivéronse moi bos resultados.

-Totalmente de acordo. Pasou tamén, por poñer outro exemplo, en Moaña. Parece que esa polarización axudou.

-É certo que non se conseguiu o obxectivo final que era meter a Ana Pontón na Xunta, iso está claro e temos que dicilo, pero aquí se contivo moito o voto do PP. E eu creo que a Sanidade foi un tema fundamental porque, fóra de siglas, a xente é moi consciente de que algo se está facendo moi mal noso traballo de denuncia despois se reflicte nas urnas. Xa nas Xerais tamén tivemos unha suba importante e eu teño moitas esperanzas de cara ao futuro.

-Sei que é moito adiantar, que quedan tres anos, pero se acadase vostede a alcaldía, cal sería a primeira medida a implantar?

-Eu sempre o dixen. Logo de moitos anos de maiorías absolutas do mesmo partido, o primeiro que tes que facer é auditar e ver que é o que hai e que non hai, antes de tomar ningunha medida. Pero desde logo, entre as medidas que necesita o municipio hai algunhas tan básicas como o saneamento das parroquias, que logo de máis de corenta anos de goberno do Partido Popular seguen sen levarse a cabo. E por suposto hai que loitar polo centro de saúde, na medida das posibilidades. É certo que desde o concello non temos competencias en Sanidade, pero tes que facerte valer. Non podes avaliar ese tipo de políticas por moito que cheguen do partido ao que pertences. Pero insisto, primeiro hai que saber co que podes contar, logo de máis de corenta anos do seu goberno, para logo poder executar o teu programa.

-Hai pouco máis dun ano houbo un grave problema de contaminación da auga, mesmo con casos de gastroenterite. Considera que esta completamente solucionado?

-Iso pode volver a pasar en calquera momento. Non se tomaron as medidas adecuadas. Fíxose un estudo e comprobouse que había pezas obsoletas, pero como as analíticas reflectían que se cumprían os mínimos que recollía a lei, non se tomaron máis medidas para que non volva pasar, non se buscou ningunha alternativa, así que podería volver a pasar en calquera momento.

-Quería preguntarlle tamén por Plisan, a plataforma loxística Salvaterra-As Neves, que leva décadas de tramitación sen lograr asentamentos de novas empresas. Como se lle podería dar pulo desde o Concello?

-O que tes é que ter os servizos preparados para que calquera empresa que o día de mañá queira implantarse na Plisan teña o necesario. Pero iso está practicamente inmaculado, non se está facendo nada, e así é moi difícil que atraias empresas, sobre todo coa competencia que temos con Portugal.

-Que propoñen desde o BNG para combater esa competencia e xerar emprego en Salvaterra? Ou cre que iso debería ser unha esixencia á Xunta por estar fóra das competencias estritamente municipais?

– O Concello debería sentarse con quen ten realmente competencias e ver a posibilidade de pular por isto, porque na Plisan hai enterrado moito diñeiro e hai que ver de que xeito lles podes dar ás empresas facilidades para asentarse aí, en vez de tirar sempre das bonificacións. Este Concello tira moito das bonificacións nos impostos e está ben, pero iso ao final vai en detrimento dun concello que xa está dabondo endebedado. Tes que buscar novas maneiras de fomentar a implantación de empresas aquí, malia que non teñas competencias.

-A paralización de Plisan tamén paralizou a construción da ponte prevista para evitar que o tráfico que vai ou vén desde Portugal cruce polo voso municipio. Sería importante poder desconxestionalo…

-Esa ponte é unha competencia estatal, que xa estaba proxectada, que xa tiña orzamento, e é fundamental porque en Salvaterra temos un grave problema pola rúa principal, pola rúa Miño que vertebra todo Salvaterra. Por aí pasa moito tráfico pesado e iso supón perigo, ruído, danos… hai que facer obras de arranxo cada pouco. De feito, o Concello decidiu cederlle o uso á Xunta para que polo menos sexan eles os que costeen eses arranxos dos danos que provoca o tráfico que pasa por esa vía a diario. E o que van facer é estreitar as beirarrúas para facilitar o paso dos camións. Nun contexto no que se tende a humanizar as rúas, facelas máis accesíbeis, darlle prioridade ao peón fronte aos coches, aquí decídese, na rúa que vertebra toda a vila, facilitar o paso para o tráfico pesado. Eu recoñezo que hai cuestións que nos afectan directamente nas que o Concello non ten competencias pero hai que facer algo máis. E se había proxectada unha ponte internacional, incluso con fondos Next Generation que a Xunta deixou de investir, terás que facer algo máis, porque Salvaterra ten un problema moi grande con ese tráfico na vila. Agardemos que non pase nada e teñamos que lamentarnos máis aínda…

-A aposta pola humanización das cidades é un dos grandes sinais de identidade do BNG. Cre que en Salvaterra, malia este hándicap da ausencia da ponte, aínda é posíbel?

-Por suposto. Sempre. Tes que facelo de xeito didáctico, para que a xente entenda a necesidade de tender á humanización e de paso loitar contra a contaminación para buscar o benestar da xente, que é o que nos importa. E logo darlle alternativas ao tráfico, claro, porque está aí. E por suposto que hai opcións para humanizar Salvaterra e hai que apostar por iso. É o futuro.

Tamén existe unha demanda de conexión ferroviaria, non só para mercadorías, tamén para pasaxe, non? Cales serían as propostas do BNG para paliar as carencias do transporte público?

-Nós temos claro que hai que buscar alternativas ao emprego do vehículo particular. Que poidas facer saídas a Vigo ou a outras vilas próximas en tren. Hai que apostar polo tráfico ferroviario, e máis nós que temos unha vila cunha estación e certa historia… Eu fun á facultade en tren, e agora non se pode. E moita xente podería ir traballar en transporte público, en tren, en autobús, pero non se aposta por iso, non se dan alternativas.

-Antes falaba da proximidade con Portugal como destino de traballo de moita veciñanza da comarca. Como se poderían fomentar sinerxias desde Salvaterra cara á outra beira do Miño?

– A eurocidade é un modelo que pode dar moitísimo xogo, e sobre todo a nós que temos aí a vila de Monçao, que é espectacular. Se tivésemos a oportunidade de gobernar, teño claro que indagaría todas as posibilidades que poida dar a eurocidade e intentaría traballar man a man con Monçao, incluso mancomunando servizos. É unha vila moito máis grande e eu creo que podería dar moito xogo ir con ela da man, pero é unha vía que non se está explorando mais alá dunha colaboración puntual. Por exemplo, habería que pular pola conexión ferroviaria con Portugal e é algo polo que non se está apostando desde os gobernos centrais, malia que desde aquí, desde Galiza o estamos pedindo.

E no ámbito cultural? Contaría, supoño, o Festival da Poesía no Condado, cun apoio dunha administración liderada por vostede.

– Eu estou implicada mesmo a nivel emocional, persoal, desde sempre. Son socia, amiga de moitas das persoas que organizan, e moitas das actividades que se fixeron desde a SCD (Sociedade Cultural e Desportiva do Condado) durante moitos anos, logo foron continuadas desde o concello. Moitas das actividades culturais que se programan aquí eran súas. Eles foran os pioneiros. E dende logo como festival referente a nivel cultural, que este ano está dedicado ao pobo palestino, toda a axuda posíbel desde o concello. A eles e a outras moitas iniciativas e asociacións que hai e que ás veces non se coidan dabondo.