Marín, alerta vermella

Artigo de opinión A Nova Peneira
Aarón Franco, historiador

Sorprende (ou non tanto) ver como o goberno de Marín se pasea e se ensina en festas, cotillóns e en todo aquel lugar onde haxa oportunidade de sair nunha fotografía que venda a súa “boa xestión” desde a casa consistorial. Véxase festa corsaria, procesións, as festas do Carme…

Que hai realmente detrás diso? Nada. Todo iso esconde a situación de extrema gravidade que vive Marín e que de continuar discorrendo polo camiño actual, diríxese a un punto de non retorno.

Que motiva esta afirmación? Pasemos a facer unha enumeración daquelas alertas que padece Marín despois de 13 anos de goberno do Partido Popular.

1.- Devalo demográfico. A principal alerta e que vai relacionada con todas e cada unha das que se van ir citando máis adiante. Marín está piques de perder o chan dos 24.000 habitantes. E a consecuencia máis inmediata das carencias que padecemos. Marín perde vida porque quen xestiona non pon ao dispór da cidadanía unhas condicións mínimas coas que poder facer unha vida.

2.- Vivenda social. Marín non dispón dunha soa vivenda social, nin parece que o goberno do PP e de María Ramallo a que “non o fai mal” lle vaia poñer algún tipo de remedio. A xente máis nova que se sitúa en intervalos de idade de entre 25 e 35 anos ten que marchar como consecuencia dos altos prezos e á inexistencia de vivencia social ben sexa en aluguer, ben sexa con dispoñibilidade de compra. Mentres tanto Bueu, Cangas e Pontevedra absorben todo esa masa de xente nova que lisca de Marín por culpa dunha política urbanística pasiva porque hai quen pretende manterse no poder pase o que pase. Arde Roma, pero o concelleiro de urbanismo vive moi ben como para meterse en encerellos. Iso, e que o PP goberna desde sempre e favor da especulación urbanística.

Será por iso polo que este goberno se adica a derrubar e deixar solares que acaban por converterse en niños de ratas (Méndez Núñez).

3.- Gobernar con e para o capital come o orzamento anual. Concesións e privatizacións acaban co orzamento do que dispón a concello. A privatización do lixo leva consigo unha suba de prezo final sendo este un contrato deficitario, é dicir, o recibo que pagamos desde a veciñanza non cubre o gasto. Que fai Ramallo a que “non o fai mal”? Pagar con cargo ao orzamento o resto de cartos que fan falta para engordar a conta de beneficios da empresa. O mesmo, ou peor pasou coa piscina. Reprivatizaron e como o contrato era deficitario que fixeron? Darlle 20.000 euros anuais dos nosos impostos á nova concesionaria para cubrir posibles perdas. Mentres tanto a empresa queda coa cartos públicos, cos cartos dos usuarios e coas instalacións que pagamos entre todos. E mentres tanto a piscina pechada sen darlle servizo á cidadanía.

Non era que a piscina abría no mes de marzo? Mentira sobre mentira. E sobre mentira unha.

Chegara o día no que non haxa cartos para pagar os servizos máis básicos grazas aos pelotazos do Partido Popular? Todo pode ser porque en palabras propias do concelleiro de Facenda “as contas están a cero”.

4.- Actividade cultural. Hai festas do Carme e festa corsaria, si. Pero máis alá de festas, que actividade cultural, que non sexa a das asociacións cuxo grande traballo o concello intenta cooptar, hai?

A única política relacionada coa cultura é o auditorio. Un enxendro disparado de prezo que chega aos 6.000.000 de euros e que veremos a onde chega. Un “mamotreto” baleiro de contido con multíplices problemas e atrancos na súa construcción cuxa única función ata o momento é a de ser unha barreira que nos alonxa aínda máis do mar.

5.- Crise do espazo urbano. Aparcadoiros.

O Partido Popular traballa desde hai anos en retirar espazos de aparcamento no centro de Marín. O obxectivo é crear unha necesidade que acabe por facer viable a construcción dun aparcadoiro privado. Todo isto amparado na posta en marcha de obras innecesarias que reforman espazos que foron tratados hai ben pouco.

Como pode ser que o Partido Popular queira reformar a contorna da praza de abastos para retirar os aparcadoiros? Esa contorna foi reformada hai apenas dez anos.

Con que pouca vergonza invisten cartos en levantar beirarrúas cando Marín ten necesidades maiores?

Que clase de goberno municipal pode propoñer a retirada dos coches do centro de Marín sen propoñer unha alternativa?

Onde vai ir a xente do rural cando non teña onde aparcar? Porque esa fixación por retirar os coches para crear unha necesidade que faga factible a privatización do aparcamento en Marín, vai levar por diante ao comercio local, ás praceiras e ao mercado dos xoves.

Fai falta proxecto, seriedade, ética e menos egos.

Máis xestión e sensibilidade e menos fotos para a retroalimentación dos narcisismos varios.

A solución só pode pasar pola activación da cidadanía. Vai na supervivencia de Marín.