Xose Manuel Rodríguez alcalde de As Neves

Xose Manuel Rodríguez alcalde de As Neves

En poucas semanas o Concello de As Neves vai celebrar a súa festa do viño, xunto coa do Requeixo, unha das máis importantes non só deste pobo senón tamén de toda a comarca. E como é tradición na nosa casa achegámonos ata o seu concello a conversar co seu alcalde para coñecer como marchan as cousas polo pobo.

A situación política do noso Concello é estable e prometedora e os grupos que formamos o goberno municipal temos moitas gañas e ilusión de continuar”

Xose, a menos dun ano para que termine este mandato, como está a situación política no voso concello?

Diría que é estable e prometedora. Os grupos que formamos a coalición de goberno mantemos un camiño nítido e unha cohesión moi profunda. Tamén temos moi claro onde queremos chegar para traballar no ámbito social e territorial do concello. Non hai ningunha fisura entre os dous partidos de goberno e temos moitísimas ganas de poder continuar.

E a percepción social que albiscas na rúa cal é?

Cremos que coa modificación da maneira de gobernar a partir do ano 2015 prodúcese unha maior consolidación do proxecto de goberno que temos armado no concello.

Tamén sabemos que hai ámbitos que temos que mellorar substancialmente. Nestes anos convulsos aparécennos novas necesidades que temos que atender, pero creo que respondemos de boa maneira a estes momentos tan delicados e neste concello estivemos á beira da nosa xente e penso que soubemos estar á altura.

Cales son eses ámbitos nos que tedes que mellorar?

No da comunicación. Por exemplo, como conseguir realmente que a Xunta de Galicia incorpore un sistema público de transporte que nos comunique cos demais concellos rurais. Temos o tren, pero non soluciona este problema. O tren só fai catro paradas ao día con horarios infames que non serven para nada.

Na comunicación por estrada temos máis de 300 km de pistas de titularidade municipal. Hai que limpalas, mantelas, tapar as fochancas. Non damos feito con tantos quilómetros e uns recursos limitados.

Un dos vosos proxectos estrela é o programa “Vive nas Neves”, que tal está a funcionar?

Este é un proxecto moi ambicioso que leva uns dous anos en funcionamento. Leva parado desde o mes de xaneiro e pretendemos que se renove agora en setembro. É un programa que consiste na posta en valor dos núcleos urbanos e dos inmobles que existen nas Neves para atraer a xente para vivir aquí. Informamos das vivendas dispoñibles tanto para alugar como para mercar.

Hai vivendas libres nas Neves?

Si, pero non están todas dispoñibles.

Recibimos moitísimas chamadas de demanda de vivenda en alugueiro e non a damos cuberto . O corazón deste programa é que a xente queira vir vivir ás Neves e teña onde facelo, ademais de ofrecerlles un catálogo de servizos como: onde está o Concello , a canta distancia está de Vigo, de Ourense, do Porto ou Santiago. Temos unhas boas comunicacións por estrada e pretendemos situarnos no mapa. Climatoloxicamente falando, somos uns privilexiados, nos 100 días que podemos ter de inverno, aquí nunca hai néboas. Ofertamos o ciclo educativo completo ata a EBAU, tamén temos uns cantos ciclos de FP de moita calidade e con demanda de ata xente do norte de Galicia. Temos servizos públicos como centro médico, centro de día e mesmo os venres temos mercado. En definitiva, a calidade de vida aquí é moi alta.

Outro dos eixos do voso goberno é que queredes darlle un pulo moi importante á cultura. Estás satisfeito nestes dous mandatos de como se devolveu esta área?

Moi contento. Nestes próximos meses imos ter dous momentos artísticos moi importantes. Queremos promover unha coordinación artística no Condado Paradanta e aquí, no concello, consolidamos o proxecto “As estacións culturais” coas que pretendemos traer ao rural eventos culturais practicamente gratuítos que normalmente hai nas cidades.

Crees que corre perigo de desaparecer a celebración da romaría de Santa Marta de Ribarteme?

Si, corre risco. Este ano celebrouse a romaría sen a procesión dos cadaleitos. Isto foi unha decisión unipersoal do cura e é unha ameaza a unha festa declarada de “Interese Turístico Galego”.

Quen organiza esta festa?

Esta é unha romaría organizada por unha asociación cultural desa parroquia. A igrexa incorpora, dentro do seu ritual relixioso, a procesión onde sacan as imaxes relixiosas e, acompañando a estas imaxes, aquí en Ribarteme, sacan en procesión tamén os cadaleitos.

De que ano vén esta tradición?

De antes da Idade Media.

Que potestade ten un cura en concreto para prohibir un acto que organiza unha comisión de festas?

Santa Marta herda unha tradición de ritual de celebración, pervive no tempo e incorpórase como unha parte do ritual de celebración eclesiástica. A procesión recae no ámbito competencial do cura ou igrexa que é a que decide de que maneira ten que realizarse a procesión. Este cura leva un par de anos na parroquia e despois de dous anos de parada pola pandemia, o párroco decide que non saen os cadaleitos en procesión porque os denomina como un circo. Creo que é unha falta de respecto espectacular cara á tradición, á fe desta parroquia e deste pobo.

Eu, que non son relixioso, entendo que con esta decisión está a facerse un atentado a un Patrimonio Inmaterial e Cultural que vai moito máis alá dun acto eclesiástico.

As propias normas da igrexa aconsellan que se sigan celebrando este tipo de rituais para non separar á igrexa da forma de entender a proximidade da xente á fe.

A parte da suspensión da romaría xerou algún tipo de conflito máis na parroquia?

Si, sábese que xa xerou tensión noutras parroquias e mesmo ten problemas cos bautizos. Esta persoa é un ultra ortodoxo do mecanismo de celebración da relixión e este punto de vista está a colocalo nunha situación moi delicada no apoio social.

Podes facer algo para evitar isto?

Eu vouno a tentar e xa estou a facer cousas para que o próximo ano podamos celebrar a romaría de Santa Marta coa procesión dos cadaleitos.

Que che pasa cos veciños do barrio de Monterreal, en Tortoreos?

Este é un barrio da miña parroquia que ten unha pista que fixeron os veciños e veciñas hai moitos anos. Desde o mandato anterior levan reclamando mellorala, eu vivo alí, a miña casa está a 300 M. Non é a nosa prioridade mellorala de momento, está o suficientemente ben como para actuar inmediatamente, temos outras peores ás que darlle prioridade. Teñen razón hai que arranxala, pero os recursos son limitados e hai outras pistas moito peores que requiren atención urxente

Como están as relacións coa Deputación?

Están ben. Temos unha relación correcta e cordial, traballamos ben en conxunto e coincidimos moito na maneira de entender de como hai que facer as cousas.

Fálanos do acto que fixestes coa Deputación hai pouco e que ten que ver coa memoria histórica.

Hai unha liña de traballo da Deputación que fala da limitación dos símbolos franquistas en todos os espazos públicos e, doutra banda, desde o concello, xa tiñamos un traballo antigo coa Deputación sobre a publicación dun libro que fala da historia das Neves entre o período dos anos 1850 a 1950.

Naqueles anos o concello non se chamaba as Neves, non?

Non, foi Setados ata xaneiro de 1905 que se transforma no concello de As Neves. Esta historia ten moito que ver de como se conforma o poder local da burguesía naqueles anos.

Algún día temos que falar arreo de esta historia tan interesante. Non é habitual que un concello cambie de nome tan próximo á nosa época.

Non, non é o habitual.

Este ano púidose celebrar a festa de Requeixo e pronto faredes á do viño Foi satisfactorio o resultado da primeira? E que expectativas tendes para a segunda?

Na miña opinión, a festa do viño 2021 foi a mellor de todas as que celebramos. Creo que a data 12 de outubro foi un acerto e este ano imos mantela igual e as nosas expectativas ao respecto dela están moi elevadas, confiamos en que poida igualar ou incluso superar á do ano pasado. Logo a festa do Requeixo foi espectacular tamén. Ambas festas son sinais de identidade do noso pobo e a intención do noso goberno é apostar sen matices por elas para que sexan unha referencia de todo o Condado Paradanta.