Nestes días tivo lugar na cidade de París unha nova edición dos xogos olímpicos. Non teño nin idea, nin me vou tomar a máis mínima molestia en buscalo porque non me interesa, de que número de edición é. Para expresar a miña opinión ao respecto deste evento propoño que fagamos un exercicio de metonimia, e collamos a modo de exemplo unha das disciplinas deportivas nas que se compite. Fagámolo cun dos deportes máis populares: O fútbol. Este é un deporte no que dous equipos de 11 persoas, ao longo de 90 minutos, pugnan para dilucidar cal dos dous conxuntos introduce máis veces un obxecto esférico nunha superficie rectangular. O equipo que logre facelo máis ocasións é o que resultará gañador do partido.
En realidade que relevancia vital ten que sexa o equipo A ou que sexa o equipo B?. E así con todo. Que raios importa o número de medallas que un país dos que compiten sexa capaz de acadar?. Os ouros, pratas e bronces, que os deportistas de calquera país consigan, en que melloran a vida dos que sofren inxustiza?: dos que padecen represión, dos que non poden comer todos os días, dos que son bombardeados, dos que viven en guetos, dos que son pobres, das que viven baixo as gadoupas do machismo criminal, dos que teñen que soportar interminables listas de espera para poderse tratar dalgunha enfermidade…..As medallas olímpicas nin serven para nada, nin teñen a máis mínima relevancia, nin melloran a vida de ninguén.
España non é o meu país, dígoo con escrupuloso respecto aos que si se senten españois, e desde logo que non me importa nada as medallas que acade ou deixe de acadar. Pero é que nin sequera me importan as que logren ou deixen de lograr as e os deportistas galegos. Ten a mesma transcendencia vital unha medalla que gañe unha deportista de Cuenca que a que poida gañar un deportista de Baiona, ambas gáñaas España , non Galicia, e ambas inflúen 0 na vida de ninguén.
Por outra parte un aspecto que me chama a atención, das diferentes competicións deportivas, é que os equipos occidentais economicamente máis poderosos están ateigados de deportistas de países pobres, especialmente africanos, nacionalizados: estadounidenses, franceses, alemáns, españois , italianos……….En realidade non nos damos de conta de que alén de espoliar os seus recursos, as súas materias primas e fontes de enerxía, tamén lles quitamos aos seus e ás súas mellores deportistas?.
Quixera saber tamén o motivo polo que os deportistas rusos non poden competir e os israelís si que poden facelo. Parece evidente que o deporte se utiliza para defender as posición políticas dos que mandan no mundo, dos que deciden que un conflito é unha agresión bélica intolerable e o outro non é máis que” lexitima defensa”.
Por iso resulta asombroso, e un tanto decepcionante tamén, que desde sectores inequivocamente lúcidos, e obxecto de todo o meu respecto, non se defenda unha posición crítica ante os xogos olímpicos e pola contra celébrense as medallas da “ armada galega”.A utilización de analoxías bélicas para narrar acontecementos deportivos é algo que sempre me resultou enormemente desagradable. A guerra é o estado máis terrible ao que pode chegar un ser humano. Carece da máis mínima connotación épica. Un conflito bélico fai que rapaces en idade de amar e de gozar se maten entre si de maneira masiva. Xa que logo: as “armadas” nin españolas, nin galegas nin de ningún sitio. O único conxunto de barcos que paga a pena son os da frota de liberdade que van levar solidariedade e tenrura a Gaza, á Gaza masacrada por un estado cuxos deportistas si participan nos xogos olímpicos.