V Gala de entrega de premios A Nova Peneira

Gala A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

En 1982 eu tiña 12 anos. Nese ano o atafego, o acoro, o abafo da España carpetovetónica imperial colonizaba, exactamente igual que agora, de maneira permanente cada curruncho do estado, pois no 82 celebrouse o mundial de fútbol na entidade política na que vivimos. Cada curruncho das cidades, vilas e pobos estaba ateigado de insignias “rojigualdas “ e de imaxes dunha ridícula laranxa, curiosamente de sexo masculino, que exercía de mascota do evento futbolístico.

Naquel ano un profesor natural de Moaña preguntou na nosa clase que era Galica para nós, e todos os nenos e nenas sen excepción algunha contestamos que Galicia é unha rexión de España. O mestre escoitounos con tranquilidade e sen perder o acougo e ese inmenso sorriso de sal e de mar, que só teñen as mulleres e homes do Morrazo, contestounos que estabamos equivocados e equivocadas. Díxonos que Galicia é unha rexión do mundo pero non de España, afirmou que Galicia era unha nación e explicounos con esa paixón luminosa e cálida que só son capaces de amosar as persoas que están afectivamente comprometidas con algunha causa xusta o motivo do noso erro.

Recordo saír daquela clase absolutamente fascinado e que naquel momento agromou en min, un neno de 12 anos, unha catarse emocional que me levaría á necesidade de coñecer e comprender todo o referente á historia política e sociolóxica do pobo galego.

Quen se achegue de maneira intelectualmente honesta á historia deste país só pode acabar nunha posición posible: o nacionalismo político. Estou falando, desde logo, de persoas que teñan algún tipo de interese vital que transcenda os límites do seu propio ben persoal.

Xa pasaron 42 anos daquela aula, e desde entón sempre estiven no mesmo sito. Ás veces con militancia política e ou sindical, ás veces sen ela, ás veces con algún acerto e ás veces con erros terribles, pero no máis profundo do meu corazón sempre me sentín un fillo do pobo galego, só do pobo galego, un pobo colonizado por outros que se aproveitan dos nosos recursos e impiden que poidamos xestionar nós mesmos os nosos intereses e decidirmos o noso futuro.

No ano 2013 os camiños de A Nova Peneira e o meu cruzáronse de tal maneira que acabaron sendo un só camiño, e sei que así vai ser en todo o que me quede de vida. Así será mentres viva, traballando mentres poida ter a saúde necesaria para traballar, e vixiando aos que veñan despois para que non se desvíen un milímetro do pensamento político de ANP: Somos unha publicación que defende que o pobo galego é un pobo de seu e que debe de poder xestionar os seus intereses e decidir o seu futuro.

No ano 2015 celebramos a nos primeira gala de entrega de premios. Este evento bienal, que o vindeiro sábado 1 de febreiro vivirá a súa V edición, nace porque quixemos agradecer, recoñecer e premiar aos nosos amigos e amigas, ,anunciantes e institucións que coa súa colaboración fan posible que poidamos seguir existindo, así como recoñecer , agradecer e premiar a persoas e colectivos que co seu esforzo , compromiso e talento contribúen a facer un mundo máis xusto e fan posible que a conciencia colectiva de sermos pobo galego siga existindo.

Non vai ser fácil manter o nivel: Elvira Souto, Suso Seixo, Montse Fajardo, Camilo Nogueira, Paco Rodríguez, Ana Hermida, Xosé Manuel Pazos,o Instituto de Estudos Miñoráns, o Colectivo de Pensionistas da CIG……foron algúns dos nosos premiados e premiadas. Agardamos ter acertado nas persoas e colectivos que eliximos para que o vindeiro 1 de febreiro soban ao escenario do sitio no que sempre celebramos as nosas galas, o restaurante Manolo do Porriño, a recoller os premios que lle outorgaremos. Estamos seguros de que as persoas asistentes saberán valorar o seu esforzo e compromiso co noso medio de comunicación e coas nosas ideas.

Só me queda darvos as grazas a todas as persoas que nalgún momento das vosas vidas tivestes a xenerosidade de nós acompañar, e pedir desculpas a todas as mulleres e homes que nalgunha ocasión se puideron sentir ofendidas e ofendidos por algo que fixemos , ou por algo que deixamos de facer, alén de desculparme tamén con todas as persoas que nalgún momento defraudamos por non sermos quen de cumprir as expectativas que puxeran en nós. Remato cunha cuestión dirixida á totalidade de lectoras e lectores en xeral, e en particular a todas a persoas que decepcionamos, a todas as persoas que nalgún momento se sentiron agraviadas por algún dos nosos artigos:

Nunca me moveu o interese persoal, nin sequera o interese de ANP, todo o contrario, con acertos e erros ,o único criterio que move o meu proceder é a defensa do interese colectivo do pobo galego.

Viva Galicia Ceibe.

Na terra, decembro do 2024.