Eu tamén protesto

Protesta
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

A protesta: a expresión do desacordo ou malestar que nos provoca calquera feito, acontecemento ou circunstancia, é unha actividade lícita, necesaria para mellorar o que deba ser mellorado e ata pode ser digna , cando se trata de protestar por inxustizas , moi digna, cando as devanditas inxustizas non nos afectan a nós senón que atinxen a terceiras persoas, e incluso pode ser un acto admirable, só ao alcance de persoas de especial integridade moral, cando o feito de protestar implica arriscar o benestar persoal de quen protesta.

A protesta provocou innegables avances ao longo da historia da humanidade, así por exemplo: a escravitude desapareceu porque houbo un día que alguén protestou, as mulleres poden votar porque houbo un día que alguén protestou, calquera traballador ou traballadora pode gozar das necesarias vacacións pagadas porque houbo un día que alguén protestou….e así poderiamos seguir ata o infinito.

Pero claro, unha cousa é protestar contra os abusos e outra moi diferente é protestar contra quen trata de combater eses abusos. Contra unha inxustiza protestan as persoas que no seu paso por este mundo deixan unha pegada de dignidade tratando de pór o seu gran de area para construír unha realidade mellor. Contra os que protestan as inxustizas, protestan as persoas que libremente deciden tomar partido pola inxustiza. Por exemplo; protestar porque a única lingua propia de Galicia, é a única porque só ela xorde de maneira natural como evolución do latín vulgar nesta parte do mundo, foi reprimida durante séculos, ata o punto de que se coloca nunha situación de risco inminente de desaparición, é un acto de xustiza. Pola contra, protestar porque o galego “ se trata de imponer sin contemplaciones” é mentir, é faltar á verdade de maneira máis que escandalosa. E tamén é facer dano a quen protesta de verdade contra un abuso real, asemade crea tensión de maneira innecesaria na sociedade ao inventarse un agravio imaxinario.

Eu desde este humilde altofalante reivindico o valor da protesta, apelo a que calquera que sinta as gadoupas da inxustiza nas súas carnes ou nas de outras persoas proteste , proteste unha e mil veces. E si, eu tamén protesto:

-Protesto contra a pobreza.

-Protesto contra as desigualdades.

-Protesto contra o racismo.

-Protesto contra o colonialismo.

-Protesto contra o imperialismo.

-Protesto contra o machismo.

-Protesto contra a homofobia.

-Protesto contra a corrupción.

-Protesto contra o integrismo relixioso.

-Protesto contra a equidistancia entre as vítimas e os verdugos.

-Protesto contra Israel.

-Protesto contra os Talibáns.

-Protesto contra o borrado da memoria histórica.

-Protesto contra os que abandonaron ao pobo saharahuí .

-Protesto contra os equidistantes entre o xusto e o inxusto.

-Protesto contra os que ante a inxustiza deciden mirar cara a outro lado.

-Protesto contra os que din que non se implican porque todos son iguais.

-Protesto contra os abusos laborais.

-Protesto contra os traballadores amarelos.

-Protesto contra o fascismo.

-Protesto contra a España carpetovetónica.

-Protesto contra o lawfare.

-Protesto contra os códigos penais punitivos.

-Protesto contra ás agresións á natureza para enriquecer a uns poucos.

-Protesto contra os que confunden a política coa moral.

-Protesto contra os que lle negan ao pobo galego o dereito a ser un pobo libre no mundo.

-Protesto contra os que cren que un enfermeiro de Allariz non pode mudar o marco económico, se ten os votos suficientes para podelo facer.

E finalmente protesto contra os colaboradores necesarios na construción de falsos relatos de valentía e rebeldía, cando o que realmente acontece é a defensa do poder do que se forma parte, facendo miñas aquelas fermosas palabras atribuídas a un poeta coetáneo de Moliére:

“ E que queres que faga?

Buscarme un protector?

Un amo se cadra?

Mudar de camisa para obter posición?”

Non Grazas, non Grazas, non Grazas.