Ao insigne escritor arxentino non lle gustaba o fútbol, de feito chegou a dicir :” o fútbol é popular porque a estupidez é popular”. Aínda que puidese parecer que a distancia de Borges con relación a este deporte obedecía a cuestións puramente estéticas, tamén afirmou que é “un deporte esteticamente feo” e “é un dos maiores crimes de Inglaterra”, a súa visión negativa, deste espectáculo de masas, estaba fundamentada en razóns moito máis profundas que as que puidese motivar o escaso interese artístico que teñen 22 persoas pugnando por introducir un corpo esférico nunha superficie rectangular. En realidade Borges opúñase ao dogmatismo en calquera da súas formas, consideraba que toda visión da realidade que descartase a dúbida ou a negación era unha forma de fanatismo e de estupidez. E na cosmovisión dos máis apaixonados afeccionados a este deporte hai elementos psicolóxicos moi próximos aos que manifestaban os que apoiaron de maneira cega e incondicional aos movementos políticos máis espantosos do século XX. Todos os procesos que levan a unha persoa normal a converterse nun fanático seguen sempre as mesmas tres fases, nun primeiro momento o rival é analizado en chave moral, logo é desposuído das súas calidades humanas e polo tanto despersonalizado, e finalmente nos casos máis graves chega a exercerse a violencia contra o que ten a desgraza de sufrir a ira do fanático, pois na visión da persoa fanatizada está ante un ser inmundo que non acada nin sequera a categoría de ser humano. E si, Borges estaba no certo, ou polo menos eu non atopo diferenza algunha na psique de quen estes días homenaxea ao torturador fascista Melitón Manzanas, porque entende como lexítima a práctica da tortura contra o disidente político, e na de quen é capaz de darlle unha malleira a un seareiro dun equipo rival. No mundo do fútbol existe unha idea de supremacía conectada coas pulsións tribais primarias, de poder, de facer da vitoria un fin en si mesmo, que é absolutamente estarrecedora, pois marcar máis goles có contrario é convertido nun dogma final incuestionable para o que é lícito utilizar case calquera tipo de medio.
Non pretendo caer no relativismo moral, pois si considero que existen verdades universais ,pero como Borges tamén tendo a rexeitar os dogmas e defendo que para que unha acción sexa permisible debe ser posible aplicala en todos os casos sen que a súa valoración sexa contraditoria en función de quen ou como se aplique. E se calquera dos 3 partidos da dereita española precisasen, para acadar o goberno de calquera institución, o voto dun concelleiro, ao que fose necesario proporcionarlle un traballo nun organismo administrado por calquera deles para poder acadar o seu apoio, obtería a nosa crítica rotunda e a nosa censura superlativa, xa que logo, se é a esquerda a que supostamente fai o mesmo nós debemos criticalo de maneira rotunda e censuralo de maneira superlativa. Se o PP gaña as eleccións e non hai maneira de evitar que goberne sen traspasar a fronteira da ética, e presuntamente darlle un traballo a alguén para que vote por nós está moi lonxe de calquera comportamento honesto, pois que goberne o PP, para iso obtivo un apoio moi maioritario da veciñanza. Caer no mesmo modus operandi que leva padecendo Galicia desde a noite dos tempos, non nos diferencia de quen historicamente o practicou, e se nós defenderamos ese comportamento ou se simplemente miraramos para outro lado, seriamos tan fanáticos como aqueles que berran nos estadios, e dos dos que tan lonxe nos sentimos.