
A mediados de decembro do ano 1998 unha delegación do partido popular reuniuse con representantes de Herri Batasuna na localidade burgalesa de Juarros. Esta xuntanza produciuse no contexto da declaración de Lizarra, na que a banda ETA declaraba un alto ao fogo, e cando o presidente Aznar cualificou á organización armada como “ Movimiento de liberación nacional vasco”.A aquela xuntanza asistiron por parte de HB algúns dos seus máis importantes dirixentes como Arnaldo Otegui e Rafael Díaz Usubiaga. Polo lado do PP foron tres emisarios os que acudiron á reunión: Pedro Arriola, Ricardo Martí Fluxá, número dous do ministerio do interior que dirixía Mayor Oreja, e Javier Zarzalejos, secretario da presidencia do goberno.
Despois daquela xuntanza ETA seguiría asasinando e extorsionando persoas varios anos máis, pois a fin da súa actividade non se produciu ata o ano 2011.
15 anos despois de que rematara o pesadelo da violencia política que sufriu maioritariamente a sociedade vasca, e que non serviu para nada máis que para provocar morte, sufrimento e dor a tantas persoas, saen altos cargos do PPdeG a dicir que están asustados entre outras cousas porque o BNG reuniuse” cos herdeiros de ETA desprezando aos 68 asasinados galegos “.
É dicir, o PP pode reunirse con HB nun momento en que ETA está activa, pero se o BNG se reúne con BILDU 15 anos despois de que ETA desaparecera resulta que se trata dun desprezo á memoria das 68 persoas asasinadas. Se eu fose un familiar dalgunha desas 68 persoas asasinadas por ETA, estaría terriblemente enfadado co PPdeG porque non se me ocorre unha forma máis vil de practicar a política que utilizar o sufrimento de outros para tratar de obter un beneficio político.
Esta forma tan repugnante de utilizar ás vítimas do terrorismo non é nova no PP, así por exemplo en outubro do ano pasado Consuelo Ordóñez irmá de Gregorio Ordóñez, político do PP asasinado por ETA, falaba así de Miguel Tellado despois de que este amosara no congreso as imaxes de persoas asasinadas pola banda armada :” Esta imagen será de las más repugnantes que me ha tocado ver en mi vida. Resume a la perfección lo que significan nuestros familiares asesinados por ETA para vosotros. Quitar vuestras sucias manos de encima de nuestros seres queridos ¡.No podéis dar más asco”
Pois non, non lle fixeron moito caso á irma de Gregorio, e no momento actual altos cargos do PPdeG como Paula Prado e Alberto Pazos manifestan estar “ asustados” porque, entre outras parvadas “ O BNG reuniuse cos herdeiros de ETA”
O PPdeG non está asustado polo BNG. Esa é unha trola que non se cre ningunha persoa das que a formulan. Pero si a poden crer algúns segmentos da sociedade moi pouco informados, fanatizados ou con nula capacidade para o pensamento crítico. A ese tipo de público é a onde vai dirixida esa mensaxe tan estúpida, tan falaz e tan vil.
De quen ten medo Paula Prado?.. de Luis Bará? de Noa Presas? De Mini?… Cada vez que coincide con eles invádelle ese terror insuperable que describía nas súas redes sociais?. E a Alberto Pazos quen o asusta? Xoan Carlos González?, Jessica Rodríguez?, Cecilia Pérez Orge?…Cada vez que se cruza con algún deles polas rúas de Redondela cambia de beirarrúa?
A política pode practicarse de moitas maneiras. Pódese facer de maneira seria e honesta contrastando modelos sociais para que os cidadáns e cidadás escollamos o que máis nos guste, ou pódese facer como fai o PPdeG: tratar de confundir a política coa moral convertendo ao adversario nunha especie de ser inmoral que lles produce medo. E o PPdeG faino así porque o que ten que ofrecer é a ruína do pobo galego. É: Altri, Ence, interminables listaxes de agarda na sanidade pública, a morte do idioma galego,as plantacións masivas de eucalipto, o SMI en 700 e pico €, os prezos da vivenda imposibles para a maioría da sociedade, Miguel Tellado dicindo barbaridades un día si e outro tamén, e un presidente estatal de moi escasa cultura que pensa que 1984 é unha obra escrita en 1984, ou que carece de escrúpulos para ser amigo dun narcotraficante ou para mentir descaradamente dicindo, o día da terrible catástrofe climática que asolou Valencia, que o presidente Mazón estivo informándoo en tempo real.
