NON Á GUERRA

Guerra
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

“..Ninguén pode mirar de lado cando un potente agresor agride sen xustificación a un veciño débil, ninguén pode invocar a resolución pacífica de conflitos, nin poñer en igualdade ao agredido e ao agresor. Lembraremos a quen neste momento solemne no estean do noso lado…”

J.Borrell (PSOE)

“Solidariedade co pobo ucraíno e condena rotunda da invasión do réxime comunista soviético de Putin”

Paula Prado (PP)

“ Cando a hipocrisía comeza a ser de moi mala calidade, é hora de comezar a dicir a verdade”

Bertolt Brecht

A guerra é o peor da especie humana. Non hai nada, absolutamente nada, que sexa moralmente equiparable á repugnancia absoluta que supón que milleiros de soldados se maten entre eles e que civís inocentes sexan asasinados só por ter a desgraza de estar no lugar equivocado no momento equivocado. A guerra é o peor da especie humana. Non hai nada, absolutamente nada, que sexa moralmente equiparable á repugnancia absoluta que supón que milleiros de vidas sexan literalmente esnaquizadas,condenándoas á pobreza, á desesperación e á angustia de perdelo todo.

A guerra é o peor da especie humana. Todas as guerras deben de ser condenadas sen excepción, sen peros ,sen matices e todas coa mesma intensidade. A guerra amosa que neste estadio da evolución a organización social da nosa especie está aínda moi lonxe dun ideal que cumpra cuns mínimos parámetros éticos. E cando digo á organización social da nosa especie dígoo conscientemente, pois teño a certeza de que se todos os seres humanos, de maneira individual, fósemos preguntados un por un sobre esta cuestión a práctica totalidade responderiamos que o horror absoluto de morte e destrución, que supón un conflito bélico, está nas antípodas da vida que queremos para nós mesmos ou para calquera outra persoa. Só se algún día os seres humanos somos quen de organizarnos de maneira que todas as comunidades colaboren no ben común, tanto das súas como das restantes, haberá algunha esperanza de deixar atrás o inferno de guerra,de todas e cada unha das guerras. Desde logo non será no liberalismo capitalista pois tal como estamos organizados non é posible sobrevivir sen competir. E a competición leva inevitablemente a algún tipo de conflito. O capitalismo colapsará , non ten outra saída, non sei cando nin como pero colapsará. Un sistema de organización social baseado no crecemento económico perpetuo para poder funcionar ten unha vida limitada, xa que a actividade económica baséase na extracción de recursos para fabricar obxectos que poder vender. E os recursos non son infinitos .Teñen un límite físico, o planeta.

Cando colapse agardo que sexamos quen de poder mudar o verbo competir polo verbo colaborar. Só así poderá ter a nosa especie algunha esperanza de non desaparecer. Mentres tanto unha minoría de canallas miserables seguirán a provocar a miseria, a dor o sufrimento e a morte de outros e de outras coas súas guerras terribles todas elas.

A guerra é o peor da especie humana. Todas e cada unha das guerras xeran un escenario infernal en que uns poucos miserables son responsables de causar sufrimento a un océano de seres humanos inocentes. Son miserables quen provocan as condicións que orixinan as guerras. Son miserables quen fan as guerras. Son miserables quen se lucran economicamente coas guerras. Son miserables os hipócritas que pronuncian supostos discursos solemnes, presuntamente revestidos de nobres principios éticos, para condenar unhas guerras pero miran para outro lado diante de outras guerras. E son miserables os que menten conscientemente para tirar vantaxes políticas dunha situación de guerra. O resto do mundo somos cidadáns e cidadás inocentes.

Non á guerra. Non á todas as guerras. Solidariedade infinita con todas as persoas que a sofren en calquera parte do mundo.