
“ A LIBERDADE SEN IGUALDADE É UNHA FERMOSA PALABRA DE CLAROS ACENTOS PERO DE ESCUÁLIDOS RESULTADOS”
Hubert H. Humphrey

O autor da frase, que inicia este artigo, foi un moi interesante político estadounidense vicepresidente do seu país entre 1965 e 1.969,e candidato nas primarias do partido demócrata de 1.960 a disputarlle a presidencia do país aos republicanos. Naquel ano todas as enquisas apuntaban a que sería el o vencedor daquelas primarias, e case o consigue, faltáronlle moi poucos votos, pero un descoñecido senador, apelidado Kennedy, de familia multimillonaria, logrou derrotalo e, como todos sabemos, logo gañaría tamén as presidenciais co que se converteu en presidente dos EEUU, rematando a súa vida sendo asasinado nun misterioso episodio na cidade de Dallas. O partido demócrata dos Estados Unidos, é policromático, posúe moitas sensibilidades que abranguen un espectro ideolóxico moi grande. Así por exemplo Kennedy, era o que poderiamos denominar como un centrista liberal, mentres que Hubert .H Humprey estaba situado na parte máis esquerda do partido. O segmentos máis progresistas da sociedade estadounidense aínda lembran o seu brillante discurso da convención demócrata de 1.948 :”….. A aqueles que din que actuamos con demasiada presa na loita polos dereitos civís , eu dígolle que América chega 172 anos tarde. A aqueles que din que a loita polos dereitos civís é un ataque contra os dereitos dos estados, eu dígolle que chegou a hora de que América saia da sombra dos dereitos dos estados para dirixirnos á luz dos dereitos humanos…..”.Por desgraza, alguén que era capaz de implicarse ata estes termos na defensa dos dereitos das clases máis desfavorecidas, perdeu aquelas primarias diante de quen non podía ofrecer outra cousa alén da súa imaxe. As sospeitas de fraude foron moi elevadas. As supostas implicacións da mafia no sostén económico da campaña de Kennedy coñecéronse cando nos anos 90 o FBI descualificou informes nos que se amosaba como capos mafiosos subornaron a sheriffs dos condados que controlaban a maquinaria electoral para que o esquerdista Hubert H. Humprey perdese aquela votación, en favor de Kennedy, que como Albert Rivera, non era nada, absolutamente nada, só un significante sen significado. A evolución dos procesos históricos amosa que a visión marxista que defende o seu avance en forma de espiral é acertada, pois en contextos históricos e sociais diferentes, as oligarquías económicas sempre actúan igual; cando alguén é considerado un perigo para os seus intereses, poñen todos os seus recursos en combatelo, malia que o combate implique atentar contra os fundamentos máis básicos da democracia. Así pasou por exemplo na España da República, cando os oligarcas se sentiron ameazados, deron un golpe de estado, así pasou por exemplo no Chile de Allende, cando os oligarcas se sentiron ameazados deron un golpe de estado, e así pasou por exemplo en España na galopante crise económica de hai unha década, cando unha suposta organización anti sistema, Podemos, tiña opcións serias de gañar as eleccións, a oligarquía económica inventou aquel esperpento, presuntamente renovador, chamado Ciudadanos. Naturalmente, ningunha organización política ou social vai presentarse á cidadanía dicindo que eles veñen a defender os intereses do Banco de Santander ,de Inditex ou de Iberdrola, todo o contrario sempre revestirán o seu discurso dun verniz de elevada solidez moral co que convencer á maior cantidade de xente posible. E é a liberdade, unha palabra de fermosas connotacións conceptuais, o valor moral que sempre esgrime a dereita para tratar de amosar a pertinencia do seu discurso. E si, é fermoso, é imprescindible ser libre, pero non como o son os animais na selva, pois alí só os fortes ou os que teñan fortuna poden sobrevivir. Eu quero ser libre claro que si, libre entre iguais, pero non no sálvese quen poida desta UE sen alma, quero contribuír con parte do que gaño para que exista un sector público coa densidade suficiente, para que ninguén, absolutamente ninguén viva por debaixo do limiar da dignidade .Eu quero ser libre, si, pero libre entre iguais, non nun modelo de sociedade que permita que alguén acumule millóns de €, mentres que millóns de persoas só poden acumular fame .Eu quero ser libre si, libre de escoller a quen amar, libre de elixir a onde ir, con que gozar, con que rir ou con que chorar, libre entre iguais. Libre, para que todas e todos, en función do que teñamos, construamos sanidade universal, educación universal, alimentación universal, e dignidade universal. No medio desta espantosa crise sanitaria, por desgraza, podemos ver con claridade nidia como as nefastas políticas de recortes do público, que practican quen defenden os intereses dunha minoría ,ocasionan que no primeiro mundo os sistemas sanitarios estean nunha situación próxima ao colapso. Non creo que exista ningún tipo de Deus, pero se o crese rezaría con toda a intensidade da que son capaz para que a penetración en África do coronavirus sexa nun nivel de intensidade moito menor ca en Europa, porque no caso contrario o escenario que se presenta pode ser absolutamente pavoroso. Dicíao Xose Manuel Beiras, creo que no 2.012 :” os recortes matan”, e si, ten razón. Os recortes que practicaron os patriotas de pacotilla , que nin sequera nunha situación de emerxencia mundial como esta, son capaces de manter uns niveis mínimos de lealdade, matan. As bandeiras a media hasta, os funerais de estado e calquera tipo de estética semellante non lle salvan a vida a ninguén, un sistema sanitario público, coa necesaria solidez ,e cos recursos suficientes si. Algún día , isto rematará como rematou a gripe española de 1.918 ou a pandemia de cólera de 1.820,e cando remate haberá que votar, lembremos por favor quen defende o público, e quen non. Vainos a vida niso..
Moi interesante e oportuno esta artigo.