Ilunion, centro especial de emprego da fundación ONCE, e a súa política laboral

Ilunion, centro especial de emprego da fundación ONCE, e a súa política laboral
Tino Lago

Dicía Kant que a moralidade non depende do contido dun acto senón da vontade real coa que a persoa executa o devandito acto. Por exemplo se no suposto hipotético de que alguén crease unha fundación que tivese entre o seus obxectos sociais facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con capacidades diferentes, que por desgraza o teñen máis difícil en calquera orde da vida, pois aparentemente sería algo moralmente moi loable e merecería o apoio de todas administracións públicas e dos distintos axentes sociais. Agora ben, se a intención real fose aproveitar as vantaxes legais que ten a integración de persoas con capacidades especiais ( salarios moito máis baratos e exoneración das cotas da SS) para competir de maneira desleal contra outras empresas, e agrandar ata o infinito as marxes de beneficio a costa ter aos empregados e empregadas cobrando salarios moi inferiores aos que perciben os operarios da competencia por facer exactamente ao mesmo, pois estariamos ante prácticas como pouco moralmente moi censurables.

O grupo Ilunion é un centro especial de emprego da fundación ONCE que nos últimos anos tivo un crecemento moi importante no mercado laboral da nosa comarca. Na actualidade máis de 600 persoas prestan os seus servizos en Ilunion Vigo, máis de 2600 en todo o estado, e máis de 38.000 nas distintas mercantís do grupo. A maioría deses 6 centenares de persoas están na antiga Citroën e en distintas auxiliares da automoción. Todos eles cobran o SMI, moito menos que os outros operarios que fan o mesmo ca eles. E reclaman unha solución para esa flagrante inxustiza. Nós falamos co presidente do seu comité de empresa , Marcos Paramos do sindicato CIG

Marcos Paramos presidente do comité de empresa de Ilunion Vigo

Cobramos moito menos que outros operarios que fan exactamente o mesmo. E non vemos por parte de Ilunion vontade de solucionalo”

A vosa non é unha empresa normal verdade?

Non. Ilunion é un centro especial de emprego para, en teoría, inserir persoas con discapacidade no mercado laboral

Por que dis “ en teoría”?.Na práctica non é así?

Na práctica está actuando como se fose unha empresa mercantil que, en certo modo, faille competencia desleal a outras empresas do sector.

En que se concreta esa suposta “ competencia desleal”?

En que nós facemos o mesmo traballo que os operarios da empresa principal ou que os de outras contratas pero saímoslle moito máis baratos á nosa empresa, pois cobramos bastante menos que calquera outro operario. En concreto o SMI. E por outra parte noso empregador ao ser un centro especial de emprego está exento de pagar as cotizacións da SS.

Imos ver se che entendín ben. O que me estás a dicir é que agochado baixo un verniz de beneficio social, integrar no mercado laboral a persoas con capacidades diferentes, en realidade supostamente habería competencia desleal aforrando custes laborais e cotizacións á SS?

Si. Por iso en pouco tempo tivemos un crecemento moi grande . É como se foramos desaloxando ás outras empresas pois ao cliente principal interésalle darnos traballo a nós.

A quen pertence Ilunion?

A fundación ONCE ten unha parte moi importante

En que sitios estades?

Ilunion servizos industriais, á que pertenzo eu, está en Vigo, Ourense, Guadalajara, Madrid e Valencia

Cantas persoas traballades en Ilunion?

En Ilunion servizos industriais arredor de 2.600. Pero Ilunion ten moitas mercantís diferentes e nas distintas seccións debe de ter, en todo o estado, arredor de 38.000 traballadores e traballadoras

Só estades no estado español?

Que eu saiba tamén en Colombia. Non podo asegurar se nalgún sitio máis ou non.

Ti estás en Vigo. Cantas persoas traballades na nosa cidade?

Arredor de 620

Cantas persoas con capacidades especiais teñen que ter contratadas os centros especiais de emprego?

Un mínimo do 70%.Ata o ano 2.013 tiñan que ter o 100%, pero o goberno Rajoy mudou a lei e permitiulles ese abano de ata o 30% de contratados sen discapacidade. Ese cambio de lei foi aproveitado para que, actualmente, a man de obra barata ,as persoas con discapacidade, sexan os operarios e o outro 30% sérvelles para meter en administración e dirección

Onde traballades?

A maioría , arredor de 450,na antiga Citroën, a actual Stellantis. O resto están en distintas auxiliares do automóbil

Quen facía antes o traballo que fan os 400 e pico operarios de Ilunion que están en Stellantis?

Persoal propio de Citroën. O que pasa foise externalizando.

Ti es o presidente do comité de empresa. Estades desenvolvendo distintas accións de protesta. Explícanos as súas motivacións?

Como che dixen antes nós facemos o mesmo traballo que calquera outro operario pero cobramos moito menos. É manifestamente inxusto, e protestamos para reverter a situación. Nós estamos regulados polo 15º convenio de centros de atención a persoas con discapacidade. E pedimos que se nos apliquen os convenios sectoriais. Se traballamos no metal, se facemos exactamente o mesmo ca calquera traballador do metal, por que temos que cobrar notablemente menos.

En relación ao noso convenio quero dicir tamén que nin sequera se cumpre pois deberiamos traballar 38,5 horas á semana e traballamos 40.Tampouco permite, o noso convenio, as bolsas de horas. Algo que ás veces pretende facer a nosa empresa. Ese convenio está enfocado a persoas en período de rehabilitación e de ensino. Non ten nada que ver coa industria

Entón a vosa reivindicación concreta consiste en serdes regulados polo convenio sectorial?

Si, ou polo menos poder negociar o noso propio convenio

Ao serdes un centro especial de emprego supoño que a empresa terá especial coidado nas adaptacións dos postos de traballo?

Se entras no DOGA verás que a empresa recibiu no 2.020 0€ por ese concepto, e tan só 4.000€ no ano 2.021.Todos os meses non pasan o período de proba sobre 5 ou 6 persoas. É dicir , en teoría os postos de traballo deberan ser adaptados ás persoas, non estas as que se adapten aos postos de traballo. Pero o proceso faise ao revés. Polo tanto a resposta á túa pregunta, lamentablemente, é non.

Tédeslle trasladado á empresa ás vosas demandas?

Si claro. Nas distintas xuntanzas que mantemos con eles. Pero a súa resposta é que queren manter o mesmo convenio e, como moito, poderían contemplar a posibilidade dalgunha mellora puntual e concreta. Eles non queren saír dun marco que teñen a nivel estatal. E para nós é complicado. Como en todas as xuntanzas que lle formulamos as nosas demandas o que se nos dá é largas, tamén estamos facendo concentracións mensuais na porta da ONCE e tratando de informar á sociedade por vías diferentes.

Ti presides un comité que representa a un cadro de persoal moi grande, máis de 600 persoas, percibes que a maioría dos teus compañeiros e compañeiras están con vós?

Si, sen dúbida. Agora ben tamén teño que dicir que hai xente que ten moito medo e cústalle involucrarse. Temos un 66% de contratos temporais e claro hai moitas persoas que temen significarse porque poden pasar de cobrar o SMI a non cobrar nada.

Tivestes algún tipo de axuda política?

O BNG meteu algunha iniciativa parlamentar para que se fiscalicen as axudas que estamos levando porque alén das vantaxes que antes che comentei tamén recibimos da Xunta subvencións a modo de axuda de salarios , de feito no ano 2.021 foron arredor de 1.800.00€

Vedes algún signo positivo por parte da empresa?

Algunha comentario referente a unha suposta vontade de valorar si que hai, pero nada firme nin claro.