BNG acusa PP rebentar os estándares de habitabilidade en Galiza permitindo a construción de minipisos para familias de 38 m

Alexandra Fernández: “aumenta as marxes de beneficio de inversores e promotores e normaliza vivir en espazos achicados a prezos imposibles”

Santiago de Compostela, 2 de novembro 2025.

A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, denuncia que o Goberno do PP na Xunta “pretende coar” nos orzamentos do próximo ano “unha gran contrarreforma en materia de vivenda que rebenta os estándares de calidade actuais para favorecer a especulación de promotores e investidores”.

“Trátase dunha gran contrarreforma do PP para beneficiar que os inversores e promotores poidan gañar máis ofrecendo moito menos”, criticou.

Fernández pon foco nunha das propostas, que o PP chama “aloxamentos compartidos” e que para a deputada nacionalista supón “un novo mecanismo especulativo” que permitirá reducir o tamaño mínimo das vivendas dunha forma “absolutamente desproporcionada”, ao tempo que se presentan como solución habitacional.

Segundo explica, coa nova regulación un piso poderá ter apenas 30 metros cadrados fronte aos 40 que se esixían ata o de agora. As vivendas dun dormitorio pasarán de ter un mínimo de 45 a só 31 metros cadrados, e se antes unha familia con fillos vivindo nunha vivenda de dúas habitacións tiña que dispor de, como mínimo, 56 metros cadrados, co modelo de aloxamento compartido que quere impulsar o PP, “terían que apañarse con apenas 38 metros cadrados”.

Trátase ademais de promocións que poderán ser privadas e onde a única diferencia cunha vivenda normal é que a lavandaría e a tendedeira son comúns. Tamén ten que existir un espazo comunitario que, segundo indica, nin sequera ten que ser de uso exclusivo dos e das residentes.

“Esta é a proposta da Xunta de Galiza na que ante unha necesidade como é a vivenda, haxa inversores e promotores que gañen moitísimo máis construíndo cada vez peores vivendas, permitindo minipisos que se ofrecen a calquera prezo e cunha soa praza de aparcamento cada cinco unidades habitacionais”, sinala.

A portavoz nacionalista advirte ademais que, a Xunta, con este modelo de aloxamentos compartidos, facilita a súa tramitación urbanística de forma excepcional, poñéndolle unha “alfombra vermella” a este modelo que o que busca é aumentar as xa de por si altas marxes de rendibilidade inmobiliaria.

“Aquí o PP converteu esta idea nun produto inmobiliario perfecto para especuladores e que vai normalizar que a xente teña que vivir en espazos cada vez máis achicados e a prezos imposibles”, denuncia.

Finalmente, Fernández sinala que esta idea de precarizar a vivenda vai na mesma liña que a política que vén desenvolvendo O PP de reducir as normas da habitabilidade en termos de iluminación, ventilación, altura ou privacidade para permitir así que baixos comerciais que non cumprirían estes requisitos, se poidan transformar en vivenda. Nestes orzamentos, a Xunta dá un paso máis, anunciando que será a propia Administración quen adquira eses baixos comerciais, precarizando deste xeito a vivenda pública.

“Non entendemos que nun País con medio millón de vivendas baleiras, 90 mil só nas cidades, A Xunta de Galiza non mire cara arriba, cara a todos os pisos baleiros e que diga que o único que vai facer é adquirir baixos comerciais para ofrecelos como parque público”, afirma.

A portavoz de vivenda do BNG empraza a Xunta a “dar marcha atrás a esta contrarreforma” e a “apostar pola adquisición pública de vivenda digna que nos permitiría incrementar de forma áxil o escaso parque público de vivenda que temos neste momento”.