
Contábame un amigo que o pasado mes tivo que facer unha viaxe , por motivos profesionais, á cidade de Alacante e unha vez na localidade ocorréuselle facer unha visita á tumba do insigne poeta Miguel Hernández. No cemiterio, o espanto, o horror e un profundo arrepío de medo e noxo á vez colonizaron o seu espírito, pois alí coincidiu cunha concentración de falanxistas que ataviados coas súas miserables camisas azuis de dor e morte excretaban os seus discursos de odio e terror.
Si, aínda que pareza mentira en novembro do 2024 a carón do sepulcro do autor das “ Nanas de la Cebolla” un grupo de desalmados vociferaban os seus epitafios de morte con total normalidade e con absoluta liberdade.
A realidade é que o que hai 20/25 anos parecería un feito impensable, a normalización da extrema dereita na vida diaria, hoxe xa é unha desgraza que veu para quedarse e que ameaza seriamente a convivencia pacífica en todos os niveis, incluso no das relacións persoais en aparencia máis sólidas.
Cal é o motivo desta situación ? E que é o que unha persoa de a pé pode facer para combatela?
As respostas a ambas preguntas son moi difíciles, hai unha pulsión en sectores concienciados da esquerda política e social que trata de explicar o fenómeno atribuíndoo a que a suposta esquerda institucional, cando toca poder non fai en realidade política de esquerdas e iso provoca unha decepción tan grande en segmentos dos seus votantes que escorarían cara á extrema dereita.
Probablemente algo de razón teñan, pero a min paréceme unha explicación demasiado sinxela para o que é un fenómeno moi complexo que seguramente só se pode comprender como resultado dunha suma de motivos varios que con seguridade transcenden a propia entidade política do estado español, e que se cadra teñan que ver con que estamos nunha etapa histórica do inicio do esgotamento da organización do mundo liberal, artellada despois da segunda guerra mundial.
O liberalismo económico é un sistema perverso que necesariamente acabará coa extinción da especie humana, a non ser que consigamos construír ago parecido ao socialismo antes, pois para poder funcionar con normalidade precisa do crecemento económico perpetuo. Se as empresas crecen teñen que contratar a máis persoal, as taxas de paro diminúen e parece que todo funciona máis ou menos ben. Pero o crecemento perpetuo non é posible,pois a actividade económica baséase na extracción de recursos e no uso de fontes de enerxía e teñen un límite, claro, o planeta. Que pasará cando se comecen a esgotar?… pois que entraremos nunha espiral de guerras e conflitos polo seu control e de auxe de movementos extremistas utilizados polas elites económicas na defensa dos seus intereses. Estamos nese momento histórico? Non o sei, pero non o desboto.
Pode facer algo unha persoa normal, cando o virus do fascismo se cruza no seu camiño?, si , si que pode e debe facelo. Eu comprendo que o máis cómodo é mirar a outro lado e amosar unha suposta neutralidade pero nin sequera os que toman esa actitude están a salvo de ser devorados polo monstro, tal cal amosa a pintura que ilustra este artigo, se non fan nada agora que aínda se pode facer.
Contra o fascismo a única posición ética posible é o cordón sanitario. A un fascista non se lle pode falar, non se pode un sentar á mesa con el, non se pode manter ningún tipo de relación minimamente normal con el, e hai que deixar claro de maneira nidia que non se lle respecta , todo o contrario, que se lle despreza. Cento vinte mil españois e españolas xacen soterrados nas cunetas do estado, despois de ser asasinados extraxudicialmente, porque noutro momento histórico houbo persoas que miraron a outro lado.
