O Gondomar CF é un dos clubs máis antigos de Galicia, despois do Depor e do Ribadeo,fundados respectivamente no 1906 e no 1913, comparte o terceiro postos do podio co Rápido pois ambos foran fundados no ano 1914. Cento dez anos de historia, de alegrías e tristuras, de vitorias e derrotas contemplan a este equipo que incluso chegou a estar na 3º división. Hoxe, presidido por un rapaz de 31 anos, disputa con éxito a liga da 1º categoría autonómica pois ten moitas posibilidades de ascender á preferente, a categoría inmediatamente anterior á máis alta na que estiveron nos seus 110 anos de historia.
Nós falamos co seu presidente.
David Pazos Quintas, presidente.
“Non hai campo na nosa liga, nin sequera en preferente que se encha como o noso de As Gaiandas”
O voso é un club moi antigo, debe de ser dos máis antigos de Galicia, creo eu,Cando se fundou?
É moi antigo, abofé que si. Nacemos no ano 1914.
Caramba, sodes máis antigos que o propio Celta. Tendes 110 anos, imaxino que o 2014, cando cumpristes 100 anos sería un ano moi especial para vós?
Si, foi un ano marabilloso para nós. Fixemos numerosos actos para conmemorar o noso primeiro século de vida, e incluso o Celta tivo a xentileza de achegarse ata Gondomar a disputar un partido con nós.
Ti de onde es, e que anos tes David?
Teño 31 anos, son do centro de Gondomar e son un profesional autónomo, traballo pola miña conta.
Cando e como comezou a túa relación co fútbol?
Eu xoguei toda a miña vida no Gondomar nas categorías inferiores. Hai 8 anos comecei de fisioterapeuta do equipo e fun ocupando diversos postos ata chegar á presidencia.
Por que non chegaches a xogar no equipo sénior?
Daquela o Gondomar estaba en preferente e, honestamente eu non tiña nivel para xogar nesa categoría.
En que posto xogabas ti?
Era dianteiro centro, e metía moitos goles si. Pero marcaba porque tiña instinto goleador, pero era o único que tiña. Como dixen antes era un xogador normal.
Se tiveras que destacar un dianteiro ídolo da túa infancia a quen destacarías?
A Raúl González.
Outro do Madrid…Non sei que pasa que todos os presidentes que entrevisto sodes do Madrid ha ha ha ha …Dígoo porque sendo Raúl o teu ídolo seguro que es do Madrid?
Si, si que son, pero non son anti nada, que quede claro ha ha ha ha..
Eu por suposto tampouco son anti de ningún equipo de fútbol, pero me chama atención que de todas as persoas coas que levo falado para este especial de fútbol haxa máis afeccionados ao Real Madrid que a calquera equipo galego. Cando chegaches á presidencia do Gondomar?
Este verán.
Levas pouco tempo, como valoras a experiencia?
É moi bonita. Pero require moito tempo, moito sacrificio e moita implicación.
Case todos os presidentes e presidentas do fútbol modesto que coñezo, que non son poucos, láianse do mesmo. Como levas ti compatibilizar o fútbol coa vida persoal e coa profesional?
Coa profesional, lévoa ben. Ao ser autónomo podo adaptar os meus horarios, coa vida persoal recoñezo que o levo mal.
Que uniforme tendes?
Camiseta branca, e pantalón e medias azuis.
En Gondomar existe outro, equipo, O Gondomar Fútbol base, verdade?
Si, así é.
Que tal son as relacións con eles?
Inexistentes.
Por que?
Ben, non vou entrar en detalles, digamos que o seu proceder está moi lonxe da nosa forma de entender a como deben de ser as cousas. Un equipo ten que ter categorías inferiores para poder existir, e nós tivemos serios problemas nese terreo. Non ten sentido que en Gondomar existan dous equipos. Afortunadamente os problemas se foron solucionando e hoxe temos 14 equipos e arredor de 250 fichas.
Tedes algún equipo feminino?
Non.
Por que?
En Gondomar hai un equipo exclusivamente feminino, o Lóstrego, e as nenas de Gondomar que queren xogar a o fútbol van directamente a ese equipo. Estivemos tres anos tratando de montar un equipo feminino pero non foi posible.
O equipo sénior en que división compite?
En 1º autonómica e imos moi ben, imos empatados co líder. Temos serias aspiracións de ascender a preferente.
Cal foi a máxima categoría que chegou a disputar o Gondomar nos seus 110 anos de historia?
Foi a 3º división que para un pobo como Gondomar é alucinante.
Cantos equipos ascenden a preferente?
O líder directamente e o 2º e o 3º promocionan. Nós agora mesmo temos 8 puntos de avantaxe sobre o 4º.
É dicir, temos moitísimas posibilidades de, no peor dos casos, xogar a promoción?
Estamos aí cóbado con cóbado co Tyde para gañar a liga, pero si, temos moita ilusión no resultado final desta temporada. O que non quero é meterlle ningunha presión nin ao adestrador nin aos xogadores. Os resultados deportivos son importantes, pero a formación dos rapaces, gozar co deporte ou a identificación emocional do pobo co seu equipo tamén é moi relevante, e nese aspecto creo que o estamos facendo moi ben….
Tendo en conta o volume, a afección e a actividade económica que xera Gondomar cal cres ti que sería a categoría natural na que se debe asentar o equipo?
A nosa idea é mellorar as categorías inferiores o suficiente para que poidan dotar de xogadores de calidade ao equipo sénior. A día de hoxe iso non acontece. Estar en preferente pode ser precioso pero moi duro, porque nós non poderiamos facer un investimento nas fichaxes necesarias para competir nesa categoría.
Xa, pero se se pode ascender non renunciariamos,supoño?
Por suposto que non. Xa buscariamos os recursos debaixo das pedras se fose necesario.
Das 250 licencias que tendes aproximadamente cantas poden ser rapaces de Gondomar?
Arredor de 200, e práctica totalidade das restantes son do Val Miñor. Pode haber 4 ou 5 de Vigo, pero case todas son da nosa comarca.
Como vos financiades?
Non é fácil. Nós o ano pasado que estabamos en 2º autonómica tiñamos un orzamento de cerca de 120.000€. Para cubrir gastos pois: os nosos patrocinadores, subvencións, ás cotas dos xogadores, cantina, entradas dos partidos e venda de rifas.
Que tal se porta o Concello de Gondomar con vós?
Digamos que ten cousas boas e cousas non tan boas. Vainos facer o campo, pero non comprendo porque nos baixou a subvención.
Que tal están as instalacións actuais?
Están antigas e un tanto abandonadas.
Que é o que habería que mellorar?
Todas as instalacións.
Como valoras a vinculación do pobo e Gondomar co voso equipo?
Non hai campo na nosa liga, nin sequera en preferente que se encha tanto como o noso das Gaiandas. Hai un ambiente de fútbol superlativo.
Cantas persoas podedes meter nun partido do equipo sénior?
Mínimo 600. A nosa afección é impresionante. Lembro a fase de ascenso de hai dous anos e chegamos a ir 3 buses a Bueu, e 3 a Tui.
Cal é o voso máximo rival, o equipo contra o que cando xogades, os partidos son de máxima tensión?
O Erizana.
Fíxate, eu pensei que me ías dicir o Gondomar Fútbol Base
E que contra eles só xogamos un ano, só coincidimos un ano na mesma liga, o normal é que estean por baixo nosa.
Pero eses derbis dese ano deberon ser espectaculares….
Miña nai querida….non o sabes ti ben…
