O Racing Vilariño en disposición de ascender de categoría

O Racing Vilariño é un histórico equipo da parroquia de San Pedro en Nigrán. Este é un conxunto de moita historia e enorme prestixio que incluso chegou a xogar en categoría preferente, un mérito deportivo de enorme relevancia para un equipo de parroquia como este. Como todos os equipos modestos o Vilariño non está exento de dificultades, que esixen un enorme esforzo e unha inmensa cantidade de tempo da vida persoal das persoas que dirixen o club para podelo sacar adiante. O equipo sénior caeu no pozo de terceira autonómica pero hoxe compite con éxito e con posibilidades realistas de ascender. A directiva que dirixe os destinos do club é unha directiva de persoas moi novas, o presidente no ten nin sequera 30 anos, e traballa con moita ilusión por construír unhas bases sólidas que lle permitan ir ascendendo e poder consolidarse en 1º categoría autonómica. Neste contexto de dificultades o Vilariño manexa arredor de 200 fichas, de nenos e nenas, que practican o fútbol neste equipo do concello de Nigrán. Evidentemente están facendo ben as cousas. Nós falamos con Celso Rodríguez, un dos coordinadores do equipo. Celso ten 58 anos e leva toda a súa vida dedicada ao fútbol. A súa profesión é carteiro, pero a súa paixón é este deporte.

Celso Rodríguez Denis, coordinador.

Cando eu fun xogador houbo un tempo no que nos pagaban con galiñas”

Canto tempo levas vinculado ao mundo do fútbol?

Eu creo que toda a miña vida. Teño 58 anos e eu penso que xa nacín cunha pelota nos pés. Comecei moi novo a xogar.

En que equipos xogaches?

Fundamentalmente en equipos da contorna. Estiven moitos anos no Erizana, un equipo que levo no máis profundo do meu corazón, no Gondomar, cando chegou a xogar en terceira división, no Donas, no Mougás, no Tebra…

Supoño que no Tebra non sería o de agora, senón o de antes da desaparición?

Siii, no Tebra antigo. Eran outros tempos, fíxate que nos chegaban a pagar con galiñas.

En que posto xogabas?

De medio centro.

Eras bo?

Home, valorarse a un mesmo non resulta fácil pero dicían que si. De feito cheguei a ir a Valladolid a facer unhas probas. Recordo estar con Torrecilla, un grande lateral que se non recordo mal chegou a xogar despois no Atlético de Madrid.

Non resultou o de Valladolid?

Si, si que resultou. De feito colléronme no equipo, pero só aguantei un mes escaso. Tiña unha morriña tan grande da miña terra que decidín deixalo e volver.

Como chegaches a ser coordinador do Vilariño?

Cando me retirei nunca deixei a vinculación co fútbol. Estiven arredor de 20 anos en Ureca, o actual Val Miñor. E hai catro anos cheguei ao Vilariño. Comecei botándolles unha man e agora son coordinador.

Onde xogades os vosos partidos?

No campo de San Pedro de Vilariño, o Jorge Souto.

Que tal están as instalacións?

O céspede está un pouco gastado. Xa toca cambialo, creo eu. Pero o resto das instalacións: Vestiario, grada e cantina están espectaculares. Tamén temos un campo pequeno de fútbol sala e cancha de baloncesto. Está todo moi ben, agás o céspede que como che dixen xa vai necesitando un cambio.

Que función fas exactamente no Vilariño?

Coordino desde os xuvenís ata abaixo. Tamén lle boto unha man ás veces aos séniors.

Cantos equipos tendes?

Temos 14 equipos

E fichas?

Arredor de 200

Tendes equipo feminino?

Si, si que temos.

Cal é o voso uniforme?

Igual que o do Athletic de Bilbao.

A cuestión económica como a levades?

Como todos os equipos modestos: Como podemos a través das subvencións, cotas dos socios, cotas dos nenos, creo que somos os máis baratos do Val Miñor, publicidade e a cantina.

Cobrades entrada polos partidos?

Non, adoitamos facer algunha rifa.

Que tal é a vinculación da parroquia de San Pedro co seu equipo?

A min gustaríame que viñera máis xente aos partidos. O noso público en xeral está composto por persoas maiores, afeccionados de toda a vida, e polos familiares e amigos dos xogadores. Somos un equipo moi familiar. Agora ben, todas as persoas que estamos aquí, estamos moi a gusto.

Cales son os partidos de máxima rivalidade para vós?

Agora mesmo co Cañiza que é o equipo contra que competimos por liderar o noso grupo de terceira autonómica.

O voso equipo sénior está en 3º autonómica, si. Como é posible nun equipo de tanta historia e prestixio como o voso que incluso chegou a competir en preferente?

É unha pregunta de moi difícil resposta. Supoño que o deterioro obedece a unha suma de razóns complexas varias, pero que teñen que ver co tremendamente difícil que resulta xestionar un equipo modesto como o noso.

Cantas persoas hai na actual directiva?

13 persoas.

Todos homes?

Non, hai homes e mulleres.

Que tal se porta o concello de Nigrán con vós?

O noso alcalde é moi bo tipo e sei que dentro das limitacións existentes fai todo o que pode por axudarnos.

O sénior feminino en que categoría está?

Na última, igual que o masculino.

Cal é o obxectivo deportivo para os equipos sénior esta temporada?

O noso obxectivo ten que ser o ascenso.

Tendo en conta a vosa realidade económica e social cal cres ti que é a categoría natural na que o Vilariño se debera de consolidar?

Creo que a primeira autonómica. O da preferente, como xa estivemos, véxoo moi difícil. Pero nós debemos de saír do pozo da terceira autonómica o antes posible, consolidarnos en 2º e construír un equipo potente que nos permita subir e facernos estables en 1º autonómica. Esa debe de ser a estratexia a seguir ao meu xuízo.

O Racing Vilariño está consolidado de maneira que teña o futuro asegurado ou pode correr risco de desaparición?

Pois houbo unha época realmente perigosa na que de non ser por tres mulleres que se animaron a coller o equipo, a cousa estaba moi complicado. Falo da anterior directiva. A actual é unha directiva moi nova, o presidente terá arredor de 25 ou 26 anos, e véxoos moi ilusionados e con moitas gañas. A curto medio prazo non creo que haxa problema.

E ti Celso, que xa non es un neno, despois de toda unha vida dedicada ao fútbol aínda tes folgos para seguir?

Téñoos si, si que os teño. O fútbol é a miña vida. E mentres teña saúde quero seguir dentro deste mundo, sempre.

Para rematar unha pregunta un pouco máis persoal. De que equipo es?

Eu son madridista desde neno. Pero non son fanático. Gústame o bo fútbol e recoñezo a quen o practica.