O IEM cumpre 20 anos

IEM Concello de Gondomar A Nova Peneira
IEM Concello de Gondomar A Nova Peneira

ESTE MES DE OUTUBRO O INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS CUMPRE 20 ANOS, E, NESTES TEMPOS ESCUROS E TEBREGOSOS DE INDIVIDUALISMO EXACERBADO, PODERMOS COVERSAR CON PERSOAS QUE DE MANEIRA ALTRUISTA CONTRIBÚEN AO DESENROLO DUN PROXECTO COLECTIVO QUE PERSEGUE COÑECER O NOSO PATRIMONIO CULTURAL, DIVULGALO, E SENSIBIBILIZAR AO CONXUNTO DA SOCIEDADE MIÑORANA EN PARTICULAR E GALEGA EN XERAL SOBRE A SÚA RIQUEZA E IMPORTANCIA FOI UN INMERSO PRACER. DICÍA CARMEN MARTÍN GAITE QUE NON HAI UNHA SENSACIÓN MÁIS GRATA CÁ CONVERSA CANDO QUEN FALA TEN GAÑAS DE FALAR E O QUE ESCOITA SENTE A NECESIDADE DE ESCOITAR.ASÍ ME FIXERON SENTIR A MIN AS PERSOAS DO IEM QUE CONVERSARON CONMIGO,E ABOFÉ QUE SE PUIDESE, TERÍA PROLONGADO A CHARLA ATA O INFINITO.

O IEM FUNCIONA PORQUE AS PERSOAS QUE AQUÍ ESTAMOS GOZAMOS PERDENDO CARTOS”

Seica estamos de aniversario?

Pois si, o 19 de outubro de 1999 asináronse os estatutos fundacionais do IEM

Podemos dicir, como dicía aquela canción, que “20 anos non son nada”?

Se non poñemos a mirar as fotos de hai 20 anos ,pois non, evidentemente non se pode dicir iso

O sindicato CUT tamén cumpre 20 anos igual ca vós, recordo que falando co seu SX, Ricardo Castro, fíxenlle esta mesma pregunta e contestoume que a mensaxe que transmitía esa canción era falsa pois 20 anos si son moitos anos e en dúas décadas pasan moitas cousas. Que pasou no IEM a modo de síntese nestes XX anos?

O IEM naceu pola necesidade de defender , promocionar e divulgar o inmenso patrimonio cultural do Val Miñor inicialmente, e logo ampliamos a Galicia e o norte de Portugal. A estrutura fixémola a imitación do Seminario de Estudos Galegos, dividíndoa por áreas ; arqueoloxía, etnografía, literatura, toponimia…E todo funciona en base á disposición das persoas que en cada momentos poidan estar en cada sección

Este no que estamos agora foi o primeiro local que tivestes?

Tivemos outro no colexio de Mallón, que nos prestaba unhas aulas

O local actual é voso?

Non, é propiedade do concello

A promoción do patrimonio cultural é un obxectivo marabilloso, e ambicioso, como vos organizades para artellar a vosa dinámica cotiá de traballo?

Todos os luns temos unha xuntanza un grupo de arredor de 10/15 compañeiros e tratamos de organizar o traballo da semana

Entre todas as áreas hai algunha que destaque especialmente?

Non é porque estean Xosé Lois ou Xilberto aquí, pero se cadra a arqueoloxía é a máis potente

Imaxino que as persoas que traballades de maneira regular e cotiá, para que o IEM funcione, o facedes de maneira altruísta?

Total e absolutamente. O que permite que o IEM siga vivo é o altruísmo de moitas persas que está por riba da xenerosidade dos moi xenerosos. As persoas que aquí estamos gozamos perdendo cartos

Atopar persoas con capacidade para comprometerse con xenerosidade en calquera proxecto colectivo é realmente difícil, e permitídeme expresar a miña admiración e respecto polo feito de que no IEM sexa así, pero ningunha das persoas que coincidimos aquí estamos xa en idade de irlle facer as beiras ás mozas, é posible que o IEM tal como está concibido siga existindo nas seguintes xeracións?

Ese sería o noso ideal, o noso reto e a nosa ilusión pero a escasa cantidade de xente moza que se achega ao IEM, xunto coa pouca cantidade de mulleres integradas na asociación, son sen dúbida os nosos problemas máis importante e de moi difícil resolución

Non credes que as xeracións máis novas están sometidas a procesos sistémicos que fomentan o individualismo e dificultan a súa organización en proxectos colectivos?

As xeracións máis novas non o teñen doado. Aquí intentamos no seu momento atraer mozas e mozos creando as xuventudes do IEM , isto foi arredor de hai 10 ou 12 anos, pero os rapaces comprometidos, que tamén os hai e moito, precisan o pouco tempo que dispoñen para facerse un oco na vida e téñeno máis complicado do que o tivemos nós no seu momento. Esta xeración de mozas e mozos é a máis preparada de todas pero foron vítima dunha estafa, e teñen que pelexar unha inmensidade para poder atopar un sitio na vida, cando non marchar a buscala fóra, xa que logo, é dificilísimo que se poidan implicar en calquera proxecto colectivo.

Contádeme como foi o proceso que culminou na recente autorización do novo alcalde de Baiona para colocar o monumento homenaxe da volta dos nove?

Neste asunto temos que destacar o mérito inmenso de Carlos Meixome pola súa teima en que se puidese concretar. O caso en concreto refírese á homenaxe a 9 persoas que foron asasinadas na madrugada do 16 de outubro de 1.936,9 persoas todas veciñas do Val Miñor que non tiñan ningún procedemento xudicial aberto. O asasinato deixou nove viúvas e 31 orfos. Durante o franquismo, con moito risco, no lugar do asasinato aparecían 9 cruces gravadas no chan, e nós o que quixemos foi dignificar o sitio cun monumento que o fixo de maneira altruísta o artista Fernando Casás

Pero o anterior alcalde de Baiona negouvos a autorización, non?

Non foi Rodal, foi Almuiña quen nola negou

cal foi o motivo ?

Nós en Vigo pedirámoslle permiso oral, díxonos que si e o día anterior ao previsto para colocar a placa no cemiterio de Baiona contestounos que non nola deixaba colocar

E este alcalde?

Solicitámosllo nós, e desde o primeiro momento dixo que non había o máis mínimo problema.

Que tal son as relacións cos tres alcaldes do Val Miñor?

Son relacións cordiais e de colaboración. Nós intentaremos recuperar unha especie de convenio que existiu cando naceu o IEM que integraba aos tres alcaldes na súa xunta directiva, nós comprometiámonos a asesorar aos concellos en calquera aspecto concernente á cultura e eles achegaban unha cantidade de cartos para o noso funcionamento, malia que ese convenio logo se esvaeceu. Agora facemos convenios por proxectos concretos.

Ben, falemos de cartos, como vos financiades?

Coas cotas de socios e logo para cada proxecto buscamos subvencións alí onde podemos buscalas

Que ten que facer unha persoa se se quere facer socia do IEM?

Cubrir unha ficha e pagar 40 € ao ano, e se estás no paro, e non podes pagalo, con cubrir a ficha abonda

Eu non vivo no Val Miñor, pero o IEM é un proxecto que me entusiasma, podo facerme socio ao rematarmos a conversa?

Abofé que podes, ti e calquera persoa que queira sexan ou non sexan do Val Miñor

Ben, eu voume facer socio agora mesmo e quero saber de que proxectos poderei gozar ao longo do ano?

No que respecta aos aspectos lúdicos podemos destacar as dúas variantes do que chamamos Xeiras. As que desenvolvemos no verán que inicialmente se circunscribían ao Val Miñor e Tomiño e agora levan asociadas a algunhas outras que teñen relación cos traballos arqueolóxicos. E logo temos as Xeiras que facemos o resto do ano, ás que chamamos Xeiras alén Miñor, nas que se visitan puntos de Galicia aínda que esporadicamente temos ido a algún sito que poida ter algunha relación coa nosa comarca

Por exemplo?

A Valladolid

Caramba, e que relación ten Valladolid co Val Miñor?

Diego Sarmiento de Acuña foi correxidor e morreu en Valladolid

Na persoas que acoden ás xeiras prima o lúdico, ou a curiosidade intelectual?

Hai de todo, hai quen vai só por camiñar e pasalo ben e hai quen sente interese polo tema a tratar.

E de asistencia que tal?

Algunha delas chegou a congregar a 400 persoas

Miña nai queridiña, que pasada..

E ás 10 da noite en Pontecaldelas e sen micrófono

En que consistía esa xeira?

Na visita á arte rupestre de Tourón, pero iso é excepcional a media de asistencia está arredor das 100 persoas

Para min chegar á alma de alguén é unha sensación emocionalmente superlativa, algunha vez nalgunha xeira tedes sentido que chegades ao máis profundo da alma de alguén que non tiña nin idea do que vós estabades a explicar?

Case en cada xeira, e en verdade si que é enormemente gratificante. Agora mesmo lembro por exemplo a xeira do monte Tetón que saímos ás dúas e pico da madrugada, si, sempre hai alguén que se achega e pregunta con paixón e a verdade é que este tipo de cousas si que pagan a pena

Este país é especialmente rico en cuestión de arte rupestre?

Si, brutalmente rico, e non só en arte rupestre senón todo o noso patrimonio cultural é amplísimo e por desgraza está moi maltratado. A nosa teima está en valorizalo, pero se non somos capaces, por motivos endóxenos ou exóxenos, de trasladarllo á sociedade o noso traballo queda sempre coxo. Para que o patrimonio se respecte ten que ser coñecido

Pero con trasladalo é suficiente?

Non, debera se necesaria tamén a formación e a sensibilización

Rematamos, velaí tendes o noso espazo físico e virtual para transmitir a mensaxe que desexedes?

O Val Miñor non ten futuro se non hai unha mancomunidade. O Val Miñor ten unha serie de problemas que non se resolven a nivel municipal. A comunicación do Val Miñor e outro tipo de problemas que temos ten que ser cousa dos tres concellos en conxunto

E esa vontade de traballar en común existe?

É o que nós queremos que chegue a existir, normalmente por desgraza non, cada un prefire os méritos en solitario.