A lei da “ofensa e a derrama”

Xuster presidente de la comunidad de montes de Oia A Nova Peneira

Oferta e demanda, sociedade consumista, administración opaca, quen fai a lei fai a trampa, espolio da terra, portas xiratorias…. E así poderiamos seguir ata mañá describindo a situación que estamos a vivir coa invasión dos parques eólicos en toda Galiza e particularmente na zona que nos afecta Serra da groba, Galiñeiro e monte da Valga.

A degradación nas últimas décadas que están a sufrir estas paraxes naturais pola acción directa do ser humano debido ás malas prácticas forestais, lumes, gandeiría extensiva, descontrol de vehículos a motor, turismo de masas, e sobre todo pola nula protección tanto ambiental como patrimonial, fai que a Serra da Groba e no caso particular do monte da Valga estean esmorecendo e entraran nunha fase de risco evidente de degradación irreversible. Faltaba a Espada de Damocles que chegou en forma de xigantes de mil brazos, estragando as milenarias paisaxes que os noso fillos e fillas xa non van poder admirar senón o remediamos, unidos entre eles por quilómetros de veas subterráneas que percorrerán os nosos montes afectando aos cursos naturais das augas (mananciais) e patrimonio arqueolóxico. Esta desfeita vai ser en beneficio dos de sempre, coa complicidade dos de sempre e a submisión dos propietarios dos terreos que aceptan a esmola que lles dan; todo isto baixo a falsa premisa dun cambio enerxético, dun novo modelo de relación co medio ambiente, dunha transición ecolóxica; mais ben dunha lei da “ofensa e a derrama. ” Na Serra da Groba, Galiñeiro e Valga entrarán en negativo os seus hábitats, extinguiranse especies, desaparecerá patrimonio etnográfico e arqueolóxico, sufriremos nas zonas baixas as consecuencias da destrución dos acuíferos de montaña. Pero en positivo estarán as contas bancarias das empresas que virán estragar a nosa dignidade, en positivo estarán as contas dos que fixeron leis para facilitar esta invasión de bárbaros que teñen os seus reinos en “paraísos” afastados, en positivo estarán as contas da capital do reino de España que é onde están as sedes fiscais dos que nos veñen “explotar” a nosa riqueza; porque “pobriños” os galegos e galegas que non somos quen de administrar os nosos recursos. E nas contas bancarias das comunidades propietarias que vai haber? Van renunciar á séculos de relación co medio que lles proporcionou sustento? Van poñer en risco os humidais da Valga? Van estragar a paisaxe milenaria que temos na retina? Van traizoar aos seus devanceiros, e o que é peor, van hipotecarlle o futuro aos seus fillos/as e netos/as? Nas súas contas haberá esmola. Non é compatible sostibilidade con aniquilación da paisaxe e recursos naturais, nun monte sostible non cabe a derrama de ter que aceptar a súa destrución por catro patacos, non podemos vender e gabarnos de natureza e sendeiros que conducen a xigantes de ferro; non hai escusa nin necesidade dunha derrama desta magnitude. Tampouco merecemos aturar a ofensa das migallas que nos poñen enriba da mesa; coa dignidade non se come dirán algúns, pero hai respecto dicimos outros; as migallas enganan ao bandullo durante un tempo, pero vas seguir tendo fame.

“Ofensa” polo desprezo á cidadanía deste país e o espolio das súas terras, e a “derrama” a destrución do medio a cambio dunha esmola.