Espolio eólico en Cerdedo-Cotobade

Joam Romero
Jóam Romero: Economista e viceresponsábel local do BNG de Cercedo-Cotobade

As comunidades de montes, augas e a viziñanza de Cerdedo-Cotobade manifestan unha grande sorpresa ante as novas sobre a instalación de extensos parques eólicos no noso territorio, nomeadamente atendendo à escasa e pouco transparente información fornecida desde a administración.

TRAMITACIÓN URXENTE E FRAGMENTACIÓN DOS PROXECTOS

O Plan Sectorial Eólico de Galiza de 1997 e a sua modificación de 2002 ficaron obsoletos polos cambios tecnolóxicos, o aumento de tamaño dos aeroxeradores e as mudanzas na normativa medioambiental. Mais recentemente, a Xunta do PP ten promulgado a Lei 5/2017 de “Fomento da Implantación empresarial” ou a Lei 9/2021 de “Simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica”, coñecidas como “ leis depredadoras” que facilitan a tramitación e aprobación destes proxectos, favorecendo as grandes empresas da enerxía e contra os intereses das comunidades locais. A Lei 9/2021, aprobada este mesmo ano, inclúe unha disposición adicional que permite, baixo a validación da Xunta, a instalación en zonas que non estaban incluidas no plan sectorial inicial. Ademais, a fragmentación fraudulenta dos proxectos apresentados sortea requisitos mais restritivos e evita a avaliación do impacto ambiental acumulativo dos macroproxectos agregados. 

AFECTACIÓN DOS NOVOS PARQUES EÓLICOS

Segundo o Observatorio Eólico de Galicia, en 2019 xa había instalados 21 aeroxeradores no noso concello. Novos proxectos como o de Campo das Rosas, en fase de alegación, que afecta Campo Lameiro e A Estrada ademáis de Cerdedo-Cotobade, e cuxo estudo de impacto ambiental é considerado polo propio informe técnico municipal como “pouco rigoroso e incompleto”, ou o Parque de Porto Vidros que está en fase de exposición. Outros proxectos poderian ser retomados afectando outras moitas parroquias como Rebordelo, Borela, Loureiro, Paraños ou Viascón, e cuxa proximidade cós primeiros e o nível agregado de producción indicaría que se trata realmente dun único proxecto fragmentado.

Galiza está en perigo pola afectación patrimonial, ambiental e dos recursos hídricos e agropecuarios polo incumprimento de diversas figuras de protección ambiental e directrices comunitárias como a ampliación da Rede Natura 2000, a Directiva Marco da Auga, a Directiva do Hábitat ou a Directiva de Información Ambiental, tanto na fase de construcción como na de explotación e mesmo no proceso de actualización tecnolóxica ou o seu desmantelamento. 

Mananciais, traídas de auga e drenaxes poden ver-se contaminadas e desviadas polo movimento de terras para ampliación ou construcción de novas pistas de acceso. A súa incidencia supramunicipal atenta gravemente contra a autonomia municipal e ten efeitos urbanísticos, pois muitas fincas poden deixar de ser edificábeis, prexudicando o seu valor. E muitas outras, objeto de expropiación forzosa en virtude da declaración de utilidade pública dos proxectos. Aliás, poderian ver-se afectadas tamén às emisións de radio, TV e a telefonia móbil.

Vai-se producir afectación ambiental, cultural, paisaxística, à fauna e flora, afectación ao aproveitamento produtivo agrario, gandeiro, florestal, social ou ambiental do solo rural e dos montes. E ao ter como obxectivo o máximo beneficio para as grandes compañias do oligopólio eléctrico, sen apenas compensación social, provocará un forte efeito empobrecedor e maior despovoamento do rural. Desde o Bng de Cerdedo-Cotobade comezamos nestes días unha campaña informativa sobre a ameaza que pode supór para o noso futuro, a posta en marcha destes macroproxectos.

UN OUTRO MODELO É POSÍBEL

O BNG apoia as enerxías renovábeis, mais tendo en conta as necesidades do noso País, os intereses das comunidades locais e a sostibilidade ambiental. A enerxía debe ser considerada un ben público e o feito de que Galiza exporte mais do 30% da electricidade que produce debe repercutir no noso beneficio mediante unha tarifa eléctrica galega bonificada para particulares e empresas, a promoción de comunidades enerxéticas, de redes de enerxía distribuida e sistemas de autoabastecemento e autoconsumo. Todo inserido nun novo plan sectorial eólico, resultado dun grande acordo galego en beneficio das comunidades locais, desde a participación e o consenso de todos os axentes