En anexo: manifesto “O cárcere dentro do cárcere”
Compostela, 11 de xaneiro de 2021.
EsCULcA pide acabar co réxime de confinamento solitario nas prisións do Estado español. A organización galega de defensa dos dereitos e liberdades considera que “o isolamento prisional implica un trato cruel, inhumano e degradante para as persoas, e constitúe en si mesmo unha forma de tortura”.
EsCULcA elevará esta reclamación ás e os representantes políticos galegos dentro dunha campaña estatal de asociacións de dereitos humanos que, nun manifesto titulado O cárcere dentro do cárcere, denuncian que “o réxime de confinamento solitario é aplicado de maneira costumeira contra a lexislación que o regula, e sempre vulnerando os dereitos das persoas sobre as que se aplica segundo están recollidos nos tratados internacionais”.
O réxime de isolamento supón, entre outras cuestións, a limitación das saídas ao patio (entre 2 e 4 horas ao día, ou até 6 horas na Catalunya, que ten competencia en materia de execución penitenciaria), a limitación dos contactos con outras persoas presas, a limitación dos obxectos permitidos na cela, comidas en solitario, e restrición das comunicacións con persoas do exterior (limitación a dúas cartas semanais).
Na Galiza a poboación recluída en centros carcerarios supera as tres mil persoas –son 3.200, segundo o Informe 2019 do Mecanismo estatal de prevención da tortura (MNPT), que depende do Defensor del Pueblo–, o que supón un 5,4% das presas e presos no conxunto do Estado español (58.517 persoas).
Nas prisións do Estado prodúcense cada ano centos de casos de confinamento solitario, que afectan a presas e presos en réxime de primeiro grado (1.702 persoas, cos datos de 2019). Mais non hai datos públicos oficiais sobre as prácticas de isolamento ou confinamento solitario.
Nun relatorio de 2016 da Coordinadora catalá para a prevención e denuncia da tortura, os autores indicaban que a cifra de expedientes de isolamento nas prisións catalás o ano anterior fora de 226 e cunha poboación de 173 persoas presas en réxime de primeiro grado.
“A falta de contacto humano e de actividade tradúcense nun prexuízo serio para a saúde física e mental de quen a sofre (…) Aliás, trátase de espazos onde en moitos casos se favorece a práctica de abusos por parte de funcionarios”, denuncia o manifesto que presenta Esculca.
As queixas e denuncias sobre abusos do confinamento solitario nas prisións son constantes, e non só de parte da Coordinadora estatal de prevención da tortura (os últimos relatorios referidos aos anos 2015 e 2017), mesmo as Nacións Unidas e o Goberno do Estado a través do Defensor del Pueblo deixan constancia da existencia destes abusos.
Evidencias de incumprimento da lei
No informe de 2018 do MNPT advertíase sobre aplicacións do artigo 75 do Régimen Penitenciario “especialmente prolongadas” no C.P. Quatre Camins en Barcelona. Este artigo regula as limitacións ao réxime de vida dos internos. O mesmo informe subliñaba que na visita efectuada “comprobouse que un interno levaba sometido a esta situación [de isolamento] desde hai máis de un ano”.
No ano 2004, a Oficina do Alta Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos publicou o Manual da capacitación en dereitos humanos para funcionarios de prisións no que establecía unha serie de principios básicos para o tratamento de reclusos. O principio 7 di así: “Tratarase de abolir ou restrinxir o uso do isolamento en celas de castigo como sanción disciplinaria e alentarase a súa abolición ou restrición”.
Malia as recomendacións internacionais, os relatores que visitaron diferentes centros carcerarios no Estado español, entre eles, dous na Galiza, para elaborar o último informe (2019) do MNPT advirten: “Durante as visitas efectuadas, seguiuse a constatar que o emprego de medios coercitivos é profuso. Efectivamente, o isolamento provisional, a forza física e as suxeicións mecánicas son bastante frecuentes na maioría dos centros”.
O manifesto que agora difunde EsCULcA alerta de que sobre os castigos con confinamento solitario, regulados “en instrucións, circulares e ordes de servizo”, hai prohibición expresa de que non duren máis de 14 días, mais ese límite é incumprido “de maneira arbitraria nos cárceres” chegando a ser aplicado nalgúns casos durante anos a pesar das constantes recomendacións e denuncias de organismos estatais e internacionais.
EsCULcA – Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades