Toca faer unha pausa,
toca mirarse no espello
aló foron xa dez anos.
Nin tan novos nin tan vellos.
Toca facer unha pausa
e mirar cara o futuro
con ilusión e eperanza
a pesar do ceo escuro.
A pesar do ceo escuro
compre seguir no camiño,
unhas veces dando brincos
outras indo paseniño.
Deste ano nada quero,
nada quero deste ano,
que me conserve a vida¡ai,
para poder contalo!
Ai para poder contalo
que me conserve o sentido
e se o teño que perdere
deixa que sexa contigo.
Deixa que sexa contigo
con quen durma esta noite,
con quen esperte mañá
cando a voz do galo escoite.
Deste ano nada querocoller
todo se vos presta,
a min chégame co vento
que aloumiña a miña testa.
Deste ano nada quero.
Teño todo o que preciso;
a cabeza sobre os ombros
e a calor do teu sorriso.
Caeu a choiva esta tarde
coma un soldado ferido
co seu uniforme novo
de sangue e medo tinguido.
Mudou de traxe o tempo,
trouxo choiva, neve e frío.
Sonche as cousas do inverno
non hai puntada sen fío.
Caeu a choiva esta tarde
coma un soldado na guerra,
cos ollos cheos de sangue,
cos ollos cheos de terra.
Bateu a choiva no chan
sobre o ferro e o cemento,
ainda que xa non te teña
lévote no pensamento.
Caeu a choiva esta tarde
sobre os coches e os tellados,
sobre as árbores do montes,
sobre os cans abandonados.
Dende a fiestra vexo o mar,
o silencio das farolas
mergullándose nas augas,
van as sombras coma tolas.
Van as sombras coma tolas
a mollar os pés no mar,
hoxe os barcos amarrados
non hai peixe que pescar.
San Pedro na marxe esquerda,
San Juan durme na dereita.
Brila o Faro da Plata
alá onde o mar se estreita.
Alá onde o mar se estreita
hai un camiño empinado,
hai flores no chan deitadas
memoria dos afogados.
Dende a fiestra vexo o mar
e as farolas encendidas
sinalando os camiños
na noite das despedidas.
O río ten unha ponte,
unha ponte de madeira,
un camiño sobre as augas
que xuntan as dúas beiras.
Nunha beiras as lembranzas,
noutra o futuro incerto,
aí van os pés polo chan
e o meu corazón aberto.
Vou e veño coma un tolo
tentando deter o tempo,
sonche enredos nos que ando
coma un can atrás do vento.
Soche enredos nos que ando
construindo a miña ponte,
para que xamais esqueza
o que son e o que fun onte.
Nesta mañá de xeada
pensei moito sobre a morte,
cando fun cruzar o río,
cando fun cruzar a ponte.
Compre seguir no camiño
enfrontando temporais,
en pé fronte os que berran
diante dos nosos cristais.
Que non che rouben a lingua,
o sorriso dos teus beizos,
ese canto cando falas
que me ven bater no peito.
Ese canto cando falas,
cando ris ou cando choras,
a semente que agroma
cando de min te namoras.
¡Que medre A Nova Peneira!