Observamos nestes días como fracasou estrepitosamente a conformación de goberno no Estado onde destaca singularmente o papel de PSOE en cuxo nome sobran desde hai moitisimas décadas as palabras “socialista” e “obreiro”. A conformación do réxime do 78 basease no bipartidismo, nun primeiro momento con UCD e PSOE, e unha vez desfeita a UCD con AP/PP – e PSOE. Hai determinados elementos na conformación dese réxime que aínda parecendo simbólicos son moi importantes na formación do ideario colectivo por parte da cidadanía. Un deles é como o Alianza Popular, posteriormente PP, se fai co termo “popular” no seu nome, un termo utilizado pola esquerda da II República, lembremos pois a Fronte Popular, e como a través diso branquexa todo o seu ideario e a súa acción política. E despois temos o PSOE, que é quen vai centrar este artigo de opinión. Como levando as palabras “socialista” e “obreiro” foi o partido máis traidor á esquerda e á cidadanía. Ese ADN traidor chega como non ata Pedro Sánchez, o “resucitado”, o “resistente”, a “esperanza” o “candidato da militancia”. Despois de ser acoitelado por Felipe GonzáleX, Guerra, Rubalcaba, Madina, Susana Díaz e toda a corte de Ferraz, resucitou, si. E fíxoo coa militancia empurrando por el, cantando a Internacional ao finalizar os actos daquela campaña das primarias ( lembran?). Incluso lembramos como a noite do 28 de abril, esa militancia cantaba o xa famoso “con Rivera non”. Tamén pódese ver nos arquivos audiovisuais aquela entrevista con Jordi Évole onde recoñecía que Catalunya era unha nación e tamén se lamentaba dos erros cometidos por culpa das presións das oligarquías, na conformación de goberno despois das eleccións de decembro do ano 2015.
Pois unha vez máis, e como era de esperar, era todo impostura. Consúmase unha nova traizón por parte do partido de Ferraz, nesta ocasión con Pedro Sánchez á cabeza, e cunha actitude máis propia do chulo do barrio que de quen quere chegar a acordos. Xa está ben de regalarlle gobernos ao PSOE a cambio de nada porque a alternativa pode ser peor. Ou se comeza a poñer ao PSOE contra a espada e a parede, a tódolos niveis, ou haberá que procurar a súa morte. Personalmente decántome pola segunda opción, e vaia por diante o meu respecto a unha parte da súa militancia. Coñezo a militantes do PSOE que son de esquerdas e que entenden perfectamente a loita de clases. Posiblemente hai que liberalos de si mesmos e rachar esas cadeas para matar ao PSOE, ou viceversa. Falamos en moitas ocasións de rachar o réxime do 78, pero para darlle finiquito á etapa do Franquismo tardío (borbónico) no que vivimos débense explorar dúas vías.
A primeira desas vías e potenciar as nacións sen estado, o republicanismo e os seus valores por tanto. E cómpre facelo desde unha perspectiva de clase para poñer en cuestión as contradicións nacionais e de clase do estado español. Véxase o caso catalán, unha das fendas do réxime, e véxase tamén nesta cuestión o traballo feito polas CUP.
A segunda vía é a necesaria morte do PSOE. O excremento chamado Transición baseouse, entre outras moitas cousas, no pacto entre as internacionais democristiá e socialdemócrata que deste xeito sustentarían o benestar das familias do réxime franquista e por tanto a pervivenza deste réxime con outro revestimento, é dicir, monarquía borbónica, concordatos coa igrexa, privilexios da familia seica biolóxica do ditador, seguridade xurídica para os falanxistas, e un longo etcetera. Que mellor para iso que consolidar o réxime transformando a un partido que se di “socialista” e “obreiro”, nun dos piares de dito réxime? Xogada perfecta. E a partir de aí renuncian ao marxismo, fan unha gorxa profunda coa OTAN, poñen en marcha os GAL, venden o partido á banca e aos grandes poderes, modifican o artigo 135 da constitución, aplican o artigo 155, etcetera. Será por tanto que para rematar co réxime, hai que rematar co PSOE, co partido que se di de esquerdas, hai que rematar coa impostura. De aí a necesidade de que a cuestión de clase sexa importantísima. Cómpre derrubalo para sempre, marcar un horizonte estratéxico e internacionalista dentro do Estado español. Cooperando. Pero para iso hai forzas políticas que deben quitarse complexos de enriba porque tampouco se entende negociar un goberno co PSOE dicindo que asumes a súa posición respecto a Catalunya. Así tampouco. Iso é consolidalo, é correr o risco de facer unha copia. As contradicións enriba da mesa. Aí o PSOE non terá nada que facer.