Se damos un paseo polas rúas de Marín ou Seixo poderemos contemplar o panorama desolador do comercio do noso concello. Chama á atención o número de baixos comercias fechados e co cartel anunciando o seu alugueiro, clama ao ceo a outrora animada rúa Real. Contrasta esta situación coa veciña Pontevedra onde as rúas son ríos xente paseando e os seus comercios sempre están repletos.
Este é un síntoma máis da decadencia en que levamos metidos desde os últimos anos, os anos da maioría absoluta dun goberno incapaz de evitar esta situación, anos de perda de poboación e actividade económica.
Esta decadencia foi moi evidente o pasado nadal cunhas rúas frías e sen o ánimo festivo doutros anos. A isto contribuíu unha programación falta de imaxinación e con actividades que se repiten ano tras ano, sen innovar ren, e cunha evidente falta de atractivo para pequenos e maiores. Completouse a faena a poucos días de fin de ano anunciando as “irresponsábeis” municipais a anulación do baile no multiusos e deixando a moita xente sen alternativa para esa noite.
A dinamización cultural e festiva é necesaria para dar vida a un pobo, animar ás súas rúas, comercios e hostalería. Porén, a política municipal nestas áreas é deficiente, improvisada e baseada en realizar grandes espectáculos puntuais. Un ano tras outro temos un par de veces á Panorama, e ás orquestras que van no lote, para encher Marín durante unhas horas a un custe elevadísimo. Con eses cartos pódense facer marabillas, se hai imaxinación e gañas de traballar, levando adiante unha programación cultural e festiva ampla, variada e de calidade que sexa atractiva e dinamice a vida e as rúas marinenses. Non teñen que pensar moito, só copiar o que fan ben ao nosa arredor.
Temos o que nós merecemos? Non, non e non.
Non nós merecemos esta lenta e decadente agonía. Non merecemos ser o único concello do Morrazo que perde poboación e vida social. Porén, debemos reaccionar. Mentres non cambiemos de directores de orquestra no concello, as persoas que vivimos e queremos vivir en Marín temos a obriga de tomar posición activa para demandar cambios e poñer en evidencia esta incapacidade institucional.
Temos un potencial agochado que debe ser destapado. Temos praias, temos monte, temos un patrimonio histórico e arqueolóxico de primeira (mámoas, petróglifos, castros…), e todo isto está minusvalorado. Temos un casco urbano que pode mellorarse e poñerse ao servizo das persoas se hai un proxecto político con valentía para facelo, cousa que non temos.
Non podemos quedar calados e temos que facerlle comprender aos nosos desgobernantes que a maioría absoluta que teñen non é un cheque en branco para non facer nada. Teñen que deixar de mirar para Madrid e pensar mais en Marín.
Marín, febreiro de 2020