A plataforma cidadá, composta por máis de 600 entidades, convoca concentracións a quinta feira (xoves) 19 de decembro ás 20h en Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo
Compostela, 13 de decembro de 2019
A
plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 600
entidades, chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades
galegas a quinta feira (xoves) 19 de decembro, ás 20h, “en
resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con
claridade datos como os do IGE” e para “reclamar que a
Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa”.
O
lema da convocatoria será Emerxencia lingüística. Precisamos do
galego, e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En
Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na
Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en
Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en
Vigo; na Praza da Princesa.
“A evolución dos datos de
uso e coñecemento do galego son alarmantes”, afirma o voceiro
de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización
Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar
galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da
historia, consolídase a ruptura interxeracional e aumenta o número
de persoas que se senten na obriga de mudar de lingua. “Perante
esta situación, reiterada en inumerábeis ocasións pola plataforma
Queremos Galego e confirmada polo Comité de expertos e polo Comité
de Ministros do Consello de Europa”, recorda Maceira, “a
única política da Xunta é a agresividade e, segundo os expertos do
Consello de Europa, incumprir a Carta e non realizar ningunha acción
lexislativa ou política para o facer, nomeadamente no ámbito do
ensino”.
“Se Feixó tivese un mínimo de respecto
por Galiza e pola institución que representa”, asegura o
voceiro de Queremos Galego, “xa tería derrogado hai anos o
decreto contra o galego”. A resposta da sociedade galega
continúa activa e de novo co respaldo da máis relevante institución
internacional europea para a defensa da democracia e dos dereitos
humanos, como é o Consello de Europa.
A plataforma lembra que
o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que
garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente
nos ámbitos que son da súa competencia. Neste sentido, a entidade
recorda que as dificudades de uso do galego na xustiza ou na
administración xeral do Estado deben ser resoltas, comezando por
garantir o coñecemento de galego de todo o funcionariado estatal
destinado en Galiza.
“A situación é de emerxencia e o
galego é necesario para o desenvolvemento cultural, social,
económico e humano de Galiza”, recordan: “Precisamos do
galego para Galiza existir “.
10
anos de Queremos Galego.
A plataforma cidadá celebrou este ano o seu 10º aniversario
publicando un vídeo no que recorda que foi, precisamente, en
2009 cando se produciu a primeira e única manifestación en contra
do galego e mais cando o goberno da Xunta comezou a lexislar contra o
galego. A sociedade galega respostou cunha manifestación na que
participaron 100.000 persoas, a maior mobilización a favor dunha
lingua en Europa. Concentracións e manifestacións dentro e fóra do
país, manifestos, recollidas de sinaturas, unha folga xeral do
ensino e mesmo o traballo no xulgados, que frutificou nunha sentenza
do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que anula os principais
artigos do decretazo contra o galego. O vídeo resumo fai un
percorrido pola primeira década de vida de Queremos galego recorda
que “as cousas só cambian se nos mobilizamos, porque as
reivindicacións compartidas sempre dan froitos”.