
Luís Bará Deputado do BNG
Os grandes poderes económicos son especialistas en apropiarse do discurso e poñelo ao servizo dos seus intereses. Renovábel, sustentábel ou circular son os novos mantras que o capitalismo utiliza para travestirse de verde e supostamente capitanear a preocupación polo medio e a loita contra a emerxencia climática. As mesmas corporacións que fixeron grandes negocios coas enerxías fósiles e puxeron o mundo ao borde do abismo son as abandeiradas da transición ecolóxica e do desenvolvemento sustentábel.
O Grean Deal é a marca dunha trampa e dunha estafa. A bandeira de comenencia que utilizan a EU, os Estados e a a Xunta para facer pasar como renovábel o que é en realidade é un festín de investidores e especuladores de toda pelaxe que ven no verde un negocio que move miles de millóns e que ofrece grandes marxes de beneficio.
O que estamos a vivir coa enxurrada de parques eólicos que asedian cada recanto do país é unha carreira desenfreada, apresurada e falta de garantías para coller parte do pastel. Unha auténtica rapañota, o gran casino eólico no que sempre saen gañando os mesmos intereses, mentres perde o país e as comunidades locais.
A megainvasión eólica é en primeiro lugar un ataque contra Galiza. E é tamén u ha agresión contra o medio, contra a xente, contra os dereitos democráticos. Vulnera todo tipo de garantías de participación e transparencia, viola varias directivas comunitarias, pon en risco hábitats e especies declaradasde interese prioritario, incorre na fraude de lei da fragmentación de proxectos, atenta contra as actividades tradicionais e contra alternativas de desenvolvemento autocentrado, non se vencella con proxectos industriais endóxenos, desertiza o territorio, apóiase no abuso de poder e na chantaxe, co amparo da administración autonómica e ás veces tamén da municipal. En definitiva, supón un gran espolio da riqueza e dos recursos do país, que deberían estar ao servizo do desenvolvemento de Galiza, das maiorías sociais e das comunidades locais.
Nas últimas semanas estase a producir unha auténtica insurrección social contra este modelo extractivista, de industrialización intensiva e forzada do monte. Numerosas plataformas, comunidades de montes, organizacións sindicais, entidades ecoloxistas e corporacións municipais estanse pronunciando publicamente contra os abusos, contra o fondo e contra a forma.
O BNG ten unha aposta clara e decidida polas renovábeis, mais non tragamos con rodas de muíño (nin hidráulico nin eólico). Acreditamos noutro modelo de desenvolvemento enerxético e de aproveitamento da riqueza do noso vento. Un modelo que debe estar ao servizo do país, ser de iniciativa e desenvolvemento público, contar cun amplo proceso de participación, ser xusto desde o punto de vista económico e social, favorecer o desenvolvemento das comunidades locais, ten un enfoque distribuído fronte ao sistema centralizado e oligopólico dominante, fomentar o autoconsumo e as comunidades enerxéticas, respectar os territorios de alto valor ambiental, ser compatíbel e complementario en relación con actividades económicas tradicionais, e estar dimensionado en función dos nosos intereses e non nunha lóxica de acumulación e de rapina.
E se queremos falar de renovábeis hai que ten en conta un principio básico: o principal ben que hai que preservar, como un seguro de vida colectivo, é a biodiversidade. De nada vale implantar renovábeis se destruimos hábitats e especiies que son esenciais para a vida e o futuro do planeta.
Este é tamén un debate sobre a necesidade de defender a democracia, a participación e o verdadeiro interese público. O dereito, en suma, a vivir en territorios renovábeis, biodiversos, saudábeis. O dereito que temos a poñer a enerxía ao servizo do país e da maioría social.