Que non son xigantes meu señor, senón muíños !

Alberto Pazos secretario do PPdeG
Alberto Pazos Deputado do PP

Durante un debate sobre a cuestión eólica mantido no Parlamento de Galicia na pasada lexislatura, un representante da esquerda rupturista dirixiuse á bancada popular acusándonos de fomentar a implantación de “xigantes de ferro” no territorio galego. Comprenderán o difícil que resultou reprimir as ansias por responder á boutade da súa señoría coa famosa expresión de Sancho Panza: Que non son xigantes meu señor, senón muíños !

A falta dun discurso coherente en relación ás enerxías renovables, fai que a esquerda galega incorra constantemente neste tipo de expresións rechamantes para agochar as súas carencias argumentais en materia enerxética.

O certo é que nos últimos anos temos abundantes exemplos dos bandazos ideolóxicos de determinadas organizacións políticas en relación a este tema, pasando de autoproclamarse máximos defensores da “revolución verde”, a atacar furibundamente as instalacións que permiten o aproveitamento de enerxías renovables.

Sinceramente, penso que sería moi desexable para o conxunto do país que fósemos quen de alcanzar acordos en torno a posturas de maior equilibrio que permitan conciliar o aproveitamento das posibilidades eólicas que ofrece Galicia, co imprescindible respecto ao medio ambiente e ao benestar da veciñanza.

Este dobre obxectivo foi o que motivou a recente aprobación da Lei de reactivación económica e social de Galicia, impulsada polo Grupo Popular no Parlamento galego. Por unha banda, pretende simplificar a tramitación burocrática permitindo a elaboración en paralelo de informes que antes se recababan de forma sucesiva, e polo tanto, sen reducir nin unha soa das garantías administrativas para evitar abusos dos operadores.

Ademais, a lei impulsa de maneira decidida a aposta polos proxectos que fomentan o autoconsumo de enerxía no ámbito industrial, e prioriza aqueles proxectos eólicos ligados á creación ou mantemento dun mínimo de 25 empregos.

Respecto das garantías medioambientais, esta nova lexislación enmarca o desenvolvemento eólico nunha planificación territorial definida, que pretende compatibilizar a creación de riqueza e emprego co respecto ao medio ambiente en xeral, e á Rede Natura en particular.

Ningún proxecto eólico pode ser autorizado sen que previamente se teña acreditado a súa compatibilidade co resto de actividades económicas e coa defensa da biodiversidade. Ningún proxecto eólico pode obter o plácet do Goberno galego sen superar unha avaliación de impacto ambiental ordinaria, seguindo o procedemento máis garantista de todos cantos contempla a lexislación estatal.

As concesións de explotación de parques eólicos forman parte dos denominados actos administrativos regrados, e dicir, as administracións teñen a obriga de concedelas si se cumpren todas as obrigas legais, do mesmo xeito que están obrigadas a denegalas cando isto non acontece. Negarse a dar trámite a estes proxectos, tal e como solicitan recorrentemente certas organizacións políticas, equivale a esixirlle aos responsables públicos que incorran en prevaricación.

Afortunadamente, o avance da tecnoloxía eólica permite que un novo muíño substitúa a 10 muíños antigos, reducindo de maneira importante o impacto visual na nosa paisaxe, e, xunto á maior conciencia ecolóxica implantada na nosa sociedade que recolle a nosa lexislación, permite unha maior racionalización destas instalacións na busca do maior aproveitamento enerxético co menor custe ambiental.

Pero non nos enganemos. Ningunha enerxía, por limpa que sexa, está libre de efectos indesexados. De aí que levemos anos defendendo a necesidade dun mix enerxético equilibrado, que permita garantir un abastecemento razoable das necesidades de consumo do noso país ao tempo que equilibrar o impacto ambiental asociado a todas e cada unha desas fontes enerxéticas limpas.

O que non se pode é incorrer no ridículo de pretender unha enerxía eólica sen muíños, unha enerxía solar sen paneis solares ou unha maremotriz sen turbinas. Non se deben confundir muíños e xigantes.