Asemblea anual da ORGACCMM en Porto do Son

Asemblea anual da ORGACCMM en Porto do Son
  • A Organización Galega de Comunidades de Montes celebrou este sábado 20 na Casa da Cultura de Porto do Son a súa asemblea anual. Reunión á que acudiron representantes de comunidades de montes de todo o país.
  • Na reunión da ORGACCMM ademais de tratarse temas internos oganizativos físoxe un chamamento a todas as comunidades para organizarse contra o novo Plan Forestal aprobado polo goberno galego. Un plan que permite a enaxenación da xestión  dos montes comunais para entregarllos a intereses privados.

Outros acordos destacados acadados na asemblea foron a comisión organizativa do VII Congreso de Comunidades de Montes a celebrar dentro de dous anos e a  celebración da IV xuntanza internacional de terras comunitarias. Tratouse tamén a problemática da continua  inavsión ilegal de vehículos motorizados nos terreo dos montes veciñais, dos danos que están a causar, e as posibles solucións paa pórlle coto a esta agresión ambiental.

O novo Plan Forestal recén aprobado pola Xunta de Galicia foi o punto do día que xenerou máis intervencións dos representantes das comunidades, quen expresaron o seu rexeitamento unánime a dito plan.  Todos os  delegados dos montes comunais coincidiron en que o Plan Forestal aprobado en solitario polo Partido Popular carece de consenso social, fai unha diagnose fictica da situación do monte galego, fomenta o monocultivo de especies invasoras, promove a forestación de terras agrarias, non atalla a problemática dos incendios forestais, agrava a situación de abandono do rural e alenta a desparación dos montes veciñais en man común.

A Organización Galega de Comunidades de Montes acordou establecer un plan de traballo para continuar coas mobilizacións para expresar o rexeitamento a este Plan Forestal e a necesidade de redactar un novo plan que garanta un monte galego con futuro e poña a vida no rural no centro.  Dentro deste marco de actuación desenvolveuse con motivo do Día mundial da ábore a vaga de concentracións por todo o país rexeitando o Plan Forestal aprobado polo Partido Popular.