Constitúese a plataforma Sanidade Galega con Palestina

Dirixímonos a colexios profesionais, sociedades científicas, Consellería de Sanidade, Servizo Galego de Saúde, Xerencias de Áreas Sanitarias Galegas, así como a toda entidade de goberno do territorio galego que teña competencias en materias de Saúde.

Dirixímonos a Vd. como traballadores e traballadoras da sanidade galega, ante a dramática situación do pobo palestino, para reclamar todas as accións posíbeis destinadas a frear o xenocidio que está a acontecer en Palestina ante os ollos de toda a Humanidade.

No momento de escribirmos esta carta, os datos oficiais indican que máis de 62000 persoas, civís en esmagadora maioría, crianzas máis dun 30%, morreron como consecuencia dos ataques do exército israelí, pola destrución do sistema sanitario ou pola fame provocada polo sitio de Gaza. Diversas estimacións independentes apuntan que as mortes reais son superiores polo menos nun 40%.

A esperanza de vida ao nacer caeu 35 anos en 2024 en Gaza, que é unha cifra superior á rexistrada no xenocidio de Ruanda en 1993. Desde outubro de 2023, a taxa de nenos e nenas con amputacións por persoa supera as calquera rexistro bélico previo.

O sistema sanitario gazatí foi arrasado deliberadamente, pacientes indefensos torturados, executados ou abandonados á morte en hospitais. O persoal sanitario foi albo directo das operacións de secuestro, tortura e aniquilación por parte do exército israelí, na violación máis evidente e indisimulada do Dereito Internacional Humanitario (Convención de Xenebra) desde a existencia do mesmo. A Organización Mundial da Saúde denunciou reiteradamente o bloqueo de todo tipo de axuda humanitaria e aparición de epidemias, e o Programa Mundial de Alimentos de Nacións Unidas ven de recoñecer a situación de máxima gravidade de inseguridade alimentaria na que máis de “500.000 persoas están morrendo de fame”.

A función das profesionais sanitarias responde a unha concepción humanista baseada en valores como a solidariedade, a fraternidade, a compaixón e a lealdade aos e ás pacientes. Valores demostrados de maneira admirábel e heroica polos profesionais da saúde de Palestina na máis extrema das situacións, e cuxo exemplo nos conmove.

As organizacións sanitarias, as sociedades científicas e as profesións ligadas á atención sanitaria á enfermidade, e á protección e promoción da saúde, teñen unha responsabilidade moral que transcende ao coidado exclusivo da saúde dos nosos e as nosas pacientes, e deben estar presentes no debate social nunha situación crítica de dimensións históricas.

É por iso que un grupo de profesionais dos centros sanitarios galegos reclamamos que todas as institucións das sociedade se impliquen na presión internacional ao goberno de Israel para que cesen as masacres, entre en Gaza a axuda humanitaria, e se faga efectivo o dereito do pobo palestino á autodeterminación, o dereito ao retorno das persoas refuxiadas, así como á descolonización da terra palestina.

En consecuencia, asumindo un papel activo de acordo co movemento internacional de solidariedade con Palestina, demandamos que as entidades interpeladas se posicionen publicamente en consonancia coas declaracións da Organización Mundial da Saúde e da Organización de Nacións Unidas, da Asociación Médica Mundial, das Organizacións Non Gobernamentais que traballan no ámbito da cooperación sanitaria e de moitas outras organizacións da sociedade civil, esixindo:

1. O inmediato alto-ao-fogo da agresión armada do exército israelí

2. A finalización do bloqueo da axuda humanitaria á franxa de Gaza

3. A protección e apoio a todo o persoal sanitario e a todas as estruturas sanitarias necesarias para garantir a asistencia á sociedade gazatí

4. Que se investigue e se persiga aos responsábeis das violacións do dereito internacional e dos abusos contra os dereitos humanos, que impidan que o xenocidio palestino pase a ser un exemplo permisíbel pola comunidade internacional

5. Que se investigue e se condene ao persoal sanitario israelí que teña cometido delitos contra os dereitos humanos e que teña violado os principios internacionais sobre asistencia en conflitos bélicos

6. Que se garanta unha solución política conforme ás numerosas resolucións de Nacións Unidas sobre os dereitos do pobo palestino

7. Revisar o catálogo de compras de fármacos, excluíndo os producidos e comercializados pola multinacional farmacéutica TEVA ou as súas filiais (RATIOPHARM, BELMAC, TEVAGEN, DAVUR)

8. Evitar a compra de material informático de compañías relacionadas coas políticas de apartheid sionistas, ou a venda de material bélico ao exército israelí, como HEWLETT PACKARD, INTELL, DELL e MICROSOFT

9. Evitar a compra de tecnoloxía sanitaria de compañías relacionadas coas ocupacións ilegais de territorio palestino, como SIEMENS

A cerca de admin 95 Articles
Xornal galego de información xeral Publicación mensual de novas de Galicia e en especial dos Concellos da sur da provincia de Pontevedra.