A cidade, o noso hábitat

[Cristóbal López e Xaquín Pastoriza, Ecoloxistas en Acción Vigo]

“(…) a cidade representa para o home a tentativa máis coherente e, en xeral, a máis satisfactoria de recrear o mundo en que vive de acordo ao seu propio desexo. Pero se a cidade é o mundo que o home creou, tamén constitúe o mundo onde está condenado a vivir en diante. Así pois, indirectamente e sen ter plena conciencia da natureza da súa obra, ao crear a cidade, o home recréase a si mesmo.”  (Robert  Park)

Por moita nostalxia ruralita que aflore no discurso urbanita o certo é que as cidades son o hábitat escollido pola meirande parte da humanidade. Por iso necesitamos cidades deseñadas para que os seus concidadáns poidan satisfacer as súas necesidades e desenvolver os seus desexos, pero cidades deseñadas de abaixo a arriba polas bulliciosas e diversas comunidades que nela habitan. Cidades onde as rúas sexan un espazo de convivencia e non un mero intersticio de tránsito hermético ao seu entorno. 

A planificación imperativa e miope que todo o zonifica entregou a cidade ao coche entronizándoo como dono e señor das rúas. Pero non personifiquemos no coche todos os males, a anomia social, consecuencia do individualismo imperante, menoscaba en maior medida a capacidade da rúa para construir comunidade entorno a ela. 

O individualismo indiferente ao seu entorno, casa-coche-casa, incapaz de desbordar o seu status de transeúnte, vive atemorizado de pisar a rúa como un viandante máis do vecindario. Un temor alimentado pola sensación de inseguridade nos espazos comúns abertos que que nos inocula o sistema e paradoxicamente pola nesesidade do propio individuo de atesourar a súa minguante intimidadade para protexerse da asimilación absoluta que ese mesmo sistema necesita para prolongarse. 

Contra esta corrente tan destructiva dos valores comunitarios a vecindade debe reconstruir lazos comunitarios para presionar aos poderes públicos na liña doutro modelo de cidade, cun urbanismo participativo que estea ao servizo das comúns e non de determinados intereses económicos

Neste puxa contra a anomia social non podemos seguir transaccionando o presente co pasado. Temos que encarar o futuro abrindo a rúa as nenas e nenos, amosándolles desde o respecto a diversidade a implicarse co entorno para medrar nunha comunidade forte, capaz de facer fronte aos retos vindeiros. Consumar o efecto trinquete é esencial, unha tarefa que ben paga unha vida adicada a ela.

Non é óbice, pero axudaría deixar de construir cidades difusas a golpe de paralelógrafo e tiraliñas, cidades segmentadas en zonas monofuncionais que obrigan a maiores desplazamentos dos seus habitantes para poder desenvolver a súa vida cotiá, cidades  cun uso do solo cada vez máis especializado que se expanden sen presión demográfica. Necesitamos cidades con barriadas multifuncionais nas que o pequeno comercio diseminado por ela provea na proximidade espacial e na cercanía humana aos seus habitantes. Cidades feitas a pé con máis viandantes e menos transeúntes.

A subordinación do noso modelo de cidade ás necesidades dun sistema económico inhumano se paga con morte prematura. A nosa sumisión deixa as nosas costas un ronsel de vidas truncadas por envelenamento pola contaminación, por accidentes e atropelos ou sinxelamente arremolinadas psíquicamente pola voraxine mercantilista. 

Desterrar os malos fumes das nosas rúas e pacificar así o tráfico é un primer paso imprescindible para recuperar os espazos públicos pero estos espazos reconquistados non serán comunitarios senon vivimos a extramuros de nosas guaridas e asumimos as rúas como unha propiedade colectiva da que todas debemos coidar para poder desfrutar delas. E coidar non se reduce a patrullar as rúas para garantir a súa seguridade, coidar abrangue a interacción necesaria para facer delas un espazo bullicioso á par que amable e acolledor. Un lugar onde a solidariedade cotice ao alza. 

A xentrificación e turistificación das cidades é outra forma de depredación urbanística que concibe as rúas como unha mestura de museo, mercado e instalación hosteleira. Fronte a esta visión da rúa e o barrio como mercadorías, fronte a esta acumulación por desposesión dunha veciñanza desprazada dos centros urbanos cómpre reivindicar o tecido social, a rúa como espazo de convivencia e sociabilidade, a cultura de barrio 

Unha das cuestións máis importantes á hora de reivindicar o dereito á cidade é o dereito á vivenda, alicerce fundamental dunha existencia digna. Por desgraza a especulación inmobiliaria fai dese dereito un negocio en mans de bancos e fondos voitre, privando a amplos sectores das capas populares, especialmente á mocidade, da accesibilidade a unha vivenda. É por elo que os poderes públicos deben intervir para regular o prezo do aluguer, poñer no mercado as vivendas baleiras e construír un amplo parque de vivenda pública que permita levar á práctica este dereito. Debería priorizarse a construcción ecolóxica e a dotación de zonas verdes e espazos comunitarios. Non podemos deixar a vivenda, os barrios, e por extensión as nosas cidades en mans dos mercados. 

Trátase de poñer en marcha procesos de creación colectiva que xeneren espazos vivos desde os que ir cambiando o modelo social neoliberal, con ferramentas como a municipalización, xunto con iniciativas de transición ecolóxica urxentes e coa posta en marcha de novos programas sociais que tendan a garantir as condicións dunha vida digna para todas. 

No envite vainos a pervivencia como especie e a saúde do noso planeta. Só desde a perspectiva comunitaria podemos abordar as medidas ineludibles para que haxe un mañá de ceos límpidos e sol misericorde. A tradición ecosocialista leva tempo preconizandoas: decrecemento e redistribución da riqueza. A cidade como instrumento para a acumulación de capital ou a cidade como hábitat, como espazo para a vida en común.