Galiza rematou o mes de xuño con case 160.000 persoas anotadas nas oficinas do SEPE
Galiza, 2 de xullo de 2021.
A serie histórica e a evolución dos datos do paro marcan unha tendencia moi preocupante que amosa o proceso de destrución de emprego e a precarización das condicións laborais: máis do 90% dos contratos asinados seguen a ser eventuais e arredor do 60% da contratación indefinida é a tempo parcial, un panorama que contrasta co triunfalismo do Ministerio de Traballo español. Neste contexto, o noso país rematou xuño con 157.718 persoas anotadas como demandantes de emprego nas oficinas do SEPE, apenas 7588 menos que en maio, un período no que tradicionalmente se rexistra unha baixada do paro ligada ao sector servizos.
As cifras revelan que 2021 segue a ser o ano con maior cifra de persoas desempregadas dende 2017, a excepción de 2020 polo efecto da pandemia sobre o mundo do traballo. Os efectos desta situación déixanse notar unha vez máis en maior medida sobre as mulleres e a mocidade, até o punto de que en Galiza hai unhas 26.000 mulleres máis no paro ca homes. Ademais, o baixada do desemprego rexistrada dende febreiro de 2020 foi da metade entre as mulleres con respecto aos homes.
En xeral, o maior descenso do paro no mes de xuño afectou o sector servizos, tendencia habitual nesta época como consecuencia da contratación ligado ao período estival. Neste sector a baixada do desemprego con respecto a maio foi de 6249 persoas no conxunto do país, mentres que a industria contabilizou só 717 persoas paradas menos, 439 a construción e 264 o sector primario.
Mención especial merece a situación industrial, con Galiza sumida nunha profunda crise que ameaza as principais empresas do país e pon en risco milleiros de postos de traballo, até o punto de que dende febreiro de 2020 unicamente 21 persoas atoparon un emprego neste sector. Neste senso, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, denuncia a falta dunha política económica de apoio aos nosos sectores produtivos e cuestiona que a Xunta se limite a agardar pola chegada do turismo. “Necesitamos un plan de recuperación económica, industrialización, creación de emprego, dereitos e servizos públicos que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra”, sinala.
Ao tempo que fai fincapé nas graves consecuencias que a “inacción política” do Goberno do PP está a provocar na nosa industria, na que non se dá recuperado o emprego a niveis de febreiro de 2020. “Estamos asistindo a un proceso de desmantelamento industrial, sobre todo nas comarcas do norte do país, pero o Goberno galego segue sen prever políticas públicas para afrontar unha transición enerxética xusta”.
Por iso lamenta que se confirme a cada vez maior dependencia da economía galega dun sector como o de servizos, e dentro deste da hostalería, onde o emprego é temporal e as condicións laborais precarias”, remata. Precisamente son os altos niveis de precariedade os que definen o mercado laboral tanto de Galiza como do conxunto do Estado, como consecuencia das reformas laborais que continúan vixentes e contra as que a CIG leva anos de intensa ofensiva para forzar a súa derrogación.