AER esixe á alcaldesa de Redondela que depure responsabilidades ao máximo nivel pola gravísima situación creada na organización da policía local

AER agrupación electores de Redondela

A neglixente xestión das responsables políticas da Policía Local fai que, en determinados momentos, non haxa ningunha persoa prestando o servizo.

Neste caso, AER ten que dar toda a razón ao PP, que foi a primeira forza política en denunciar os feitos, posteriormente confirmados pola propia Policía.

Non se trata de que alguén reaccionou tarde ou mal ante unha situación inesperada. Trátase dun calendario “pensado” con tempo no que se asume e se acepta que, en determinados momentos, non vai haber ningunha persoa de servizo no noso municipio.”

2 de xullo de 2021

O pasado sábado 26 de xuño, produciuse un lamentable accidente mortal nas inmediacións da gasolineira do casco urbano de Redondela. O lutuoso sinistro fixo saír a luz unha situación gravísima: nese momento non había ningunha persoa de servizo na Policía Local de Redondela. De feito, como recoñece o propio persoal, a Policía de Redondela non levantou atestado do accidente, como sería a súa obriga competencial; traballo que tivo que ser realizado por outros corpos de seguridade desprazados ao lugar dos feitos.

Neglixente organización.

Por motivos que son moi difíciles de entender, as persoas con responsabilidade política na Policía Local de Redondela consideraron que este ano non era necesario contratar auxiliares de policía para reforzar as necesidades do cadro de persoal, nin tampouco se buscaron outras alternativas como poden ser subscribir convenios coa Academia Galega de Seguridade.

A consecuencia é que tendo en conta vacacións, permisos, baixas, etc; nestes momentos non hai recursos suficientes na Policía Local para cubrir as 24 horas do día os sete días da semana.

Depuración de responsabilidades.

AER esixe á Alcaldesa a depuración de responsabilidades desta monumental desfeita. Se houbera unha mínima honestidade política, un mínimo de decoro, a día de hoxe xa estarían presentadas dimisións; pero nin están nin se esperan. A Agrupación de Electores/as de Redondela ten claro que este é un problema de xestión política e as persoas que se dedican á xestión pública teñen que asumir responsabilidades.

“Non vemos outra solución que unha dimisión ou cese ao máximo nivel. Non é un erro político nun momento puntual. Non se trata de que alguén reaccionou tarde ou mal ante unha situación inesperada. Estamos a falar dunha programación da Policía Local, do deseño dun calendario “pensado” con tempo no que se asume e se acepta que, en determinados momentos, non vai haber ningunha persoa de servizo no noso municipio. Un comportamento tan neglixente, tan desastrosamente aleivoso, inhabilita ás persoas responsables para a xestión pública“; comentan desde AER.