O 10 de novembro unha nova oportunidade para Galicia

Artigo editorial Tino Lago A Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira
Tino Lago director a Nova Peneira

O vindeiro domingo 10 de novembro, os cidadáns e cidadás de España estamos chamados novamente ás urnas para escollermos ao parlamento do estado. E tal circunstancia non pode ser cualificada máis que como unha absoluta vergonza e unha mostra da escasa calidade da democracia española. Semella que cando os resultados electorais non son don gusto dos poderes económicos non nos deixan outra opción que repetir o voto ata que se dea unha situación aritmética que satisfaga a non se sabe quen. En abril o resultado electoral foi moi claro; a vontade maioritaria dos e das votantes foi que o PSOE e PODEMOS debían pórse de acordo e formalizar un pacto de goberno, tivese a arquitectura que tivese, e liderado por Pedro Sánchez concretar un goberno progresista. Porén a irresponsabilidade de ambos actores, impediu que o que parecía evidente se acabase levando á practica. Foi un irresponsable Pablo Iglesias non aceptando á oferta dos tres ministerios e unha vicepresidencia, e o PSOE, como tantas veces ao longo da súa historia, traizoou ao seu corpus de votantes maioritario; millóns de persoas dignas, solidarias, feministas, pacifistas, ecoloxistas e republicanas e dilles que a oferta de coalición tiña data de caducidade, como se fose un vulgar iogur. A evolución de Pedro Sánchez desde aquela entrevista con Evole, cando foi defenestrado polo aparato rancio e casposo do seu partido, na que recoñecía que sufriu fortes presións da oligarquía económica para non pactar con Podemos, a esta recente, xa presidente do goberno, na que manifestou que non durmiría tranquilo con ministros de Podemos no goberno, é terriblemente frustrante e amosa con claridade que o post franquismo non poderá ser guindado definitivamente aos sumidoiros da historia ata que o partido socialista non estea dirixido por unha executiva valente e digna que teña claro que os significantes sen significado só significan nada, unha nada fría escura e dolorosa. Dicía Pedro Sánchez que o xefe do estado español representa os valores republicanos, o mesmo rei que renunciou a ser o xefe do estado da metade dos cataláns, o rei que está na máis alta maxistratura do estado polo dedo dun tirano xenocida, o rei que é xefe de estado tendo dúas irmás maiores ca el, o rei que é inviolable xuridicamente, incluso se asasinase a alguén, seica para Pedro Sánchez é o que representa os valores da igualdade, da liberdade e da fraternidade. Que vergonza¡, Que vergonza máis inmensa compañeiros e compañeiras, amigos e amigas que teño e que quero tanto no partido socialista. Malia todo hai que votar, por favor non vos quededes a casa e o próximo dez de novembro amosade con claridade que a hipótese non fácil pero si verosímil dun tripartito cavernícola do PP,C,S e VOX, que si se porían de acordo se tivesen a máis mínima opción de podelo facer, non poida ser realidade nin no máis espantoso dos pesadelos. A Nova Peneira vai votar por Galicia, para que existan voces en Madrid que defendan de verdade os intereses das cidadás e cidadáns da nación galega, para que a voz dos traballadores de Vulcano sexa escoitada, para que a voz dos traballadores de Barreras sexa escoitada, para que a voz dos usuarios e usuarias de Povisa sexa escoitada, para que a voz das veciñas e veciños de Tameiga sexa escoitada, para que a voz de Galicia sexa escoitada…. A Nova Peneira vai votar BNG.