“Entre todos”
slogan electoral do PP para as municipais do 28 de maio.
“Non hai nada tan incrible que o poder da oratoria non poida volver aceptable”
Marco Tulio Cicerón.
A filosofía do absurdo é unha teoría filosófica que en liñas xerais ven dicir que a vida é absurda. No interior de cada individuo subxacería un conflito pois trataría de atopar sentido aos sucesos e acontecementos cotiás , á vida en xeral, e non podería facelo pois para a razón humana non é posible comprender os significados nin motivacións vitais se as houbera. Co absurdo relaciónase o mito grego de Sísifo, aquel que refería a condena eterna á que era sometido este ser mitolóxico: empurrar de maneira permanente unha pesada rocha, costa arriba por unha montaña, que pouco antes de chegar á cima rodaba ata a posición inicial facendo que Sísifo tivera que iniciar o proceso unha e outra vez, así durante toda a eternidade.
Ao longo da historia do pensamento foron moitas as interpretacións do mito de Sísifo. Eu voume quedar coa de Albert Camus quen no seu ensaio “O mito de Sísifo”(1942) interpretouno como metáfora da condición humana que estaría determinada polo absurdo.
O slogan que o PP utilizará na campaña das vindeiras eleccións de maio parece que lle ven dar a razón aos defensores da teoría filosófica do absurdo en xeral, e a Albert Camus en particular, pois amosa que a realidade pode ser absurda en grao superlativo, demostra que como manifestaba Cicerón “ non hai nada tan incrible que a oratoria non poida converter en aceptable”.
Absurdo e Incrible si, estes son os adxectivos máis apropiados para cualificar o “ Entre todos” do PP.
A dereita española chegou tarde e mal a todos os episodios relevantes que trataron de construír unha convivencia en paz entre todas as persoas e pobos de España. Estiveron en contra do divorcio( Entre todos menos os que se divorcian?).Estiveron en contra da interrupción voluntaria do embarazo( Entre todos menos as mulleres que optaron por esta decisión?).Estiveron en contra do matrimonio igualitario( Entre todos menos as parellas do mesmo sexo que deciden casar?).Están en contra do feminismo( Entre todos menos as e os feministas?). Están en contra de aumentar o salario mínimo( Entre todos menos os pobres?) Están en contra das persoas que non sentimos a España como a nosa nación( Entre todos menos os nacionalistas periféricos?).Xa me dirán como se conxuga o “ Entre todos” con aquel “ A por ellos oh eehh”??……
A dereita española é clasista e sectaria .Divide á sociedade en amigos, os que entende que están do seu lado, e inimigos, os que entende como adversarios. E non, non practica o “ Entre todos “ de ningún modo. Todo o contrario, a dereita española está para defender os intereses das oligarquías económicas e daqueles que teñen unha concepción moral conservadora. Entre todos é unha falacia , unha máxima que non é real. A dereita española, o PP, practica o Entre todos Nós( eles e só eles). A modo de exemplo só cómpre analizar os convenios que asina a Xunta cos distintos concellos: Cantos con gobernos do PP?, e Cantos con gobernos doutras forzas políticas?.
Amigos e amigas que tivestes a paciencia de chegar ata aquí e que tendes a honestidade intelectual necesaria e suficiente para desexar un Entre todos de verdade: Só hai un camiño: O PP debe de ser derrotado. Coa forza democrática dos votos o partido popular o 28 de maio debe de ser derrotado en todos e cada un dos concellos galegos.
“ Hoxe a esquerda está acabada…..Matádeos”
Isabel Díaz Ayuso