Xose Manuel Rodríguez leva oito anos encabezando o goberno das Neves. En maio afronta un novo proceso electoral coa ilusión de que a transformación profunda que viviu o concello neste tempo sexa recoñecida pola maioría da sociedade nevense. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“Presentámonos coa expectativa de aumentar a nosa representación”
A moi pouco tempo das eleccións cales son as túas sensacións nestes momentos?
As sensacións son unha mestura de satisfacción polo moito traballo que xa está feito e de ilusión polo que aínda está por vir.
Ti dis que estás satisfeito polo “ moito traballo feito”, pero o PP local dicía nas súas redes sociais que o voso goberno estes oito anos foi un “ goberno de inacción”
Se o candidato do PP dixo iso o único que revela é que é un candidato a alcaldía de As Neves que non vive nas Neves. Esas palabras só poden ser froito de nin estar no día a día do noso concello, nin de coñecer o máis mínimo a realidade de As Neves.
Contesta a esas palabras sobre a suposta” inacción” do teu goberno con cuestións concretas?
Nestes 8 anos o goberno de As Neves transformou de maneira moi importante a realidade existente nos anteriores 32 de gobernos do PP.
-Incorporamos unha actualización radical dos medios de participación social no noso concello
-Fixemos unha aposta absoluta pola tecnoloxía tanto na comunicación como na administración e xestión.
-Traballamos arreo en mellorar as comunicacións, e servizos alén de humanizar o noso pobo para o noso grande obxectivo: que As Neves sexa un concello con servizos suficientes e oportunidades adecuadas para facer atractivo vivir na nosa localidade.
-Modernizamos o sistema educativo coa incorporación dunha gardería completamente nova, e actualización de todas as escolas unitarias e do colexio público, e a creación dun Consello escolar municipal.
-Mellora do centro de saúde
-Creamos unha RPT
-Mellora dos servizos sociais
Esto último interésame moito. En que se melloraron os servizos sociais con relación aos gobernos do PP?
Pois mira as partidas destinadas a persoal multiplican por 3 as do PP.
Sentes que a Xunta trata con xustiza ao voso Concello?
De ningún modo. O proceder da Xunta no reparto de fondos é terriblemente sectario. Asina moitos convenios de colaboración con concellos, pero cos que goberna o PP deixando de lado ao resto.
Pero iso,que é moi grave, podes dicilo de maneira taxativa?: a administración autonómica trata de maneira diferente aos concellos que goberna o PP que aos que gobernan outras forzas políticas?
Si, dígoo con rotundidade absoluta porque por desgraza é así. Mira por exemplo o convenio que veñen de asinar con Arbo ou os que fan con Salvaterra. No noso caso pedímoslle unha actuación viaria en Setados , que é necesaria e urxente, e non destinaron nin un só €.
De todas as actuacións destes oito anos cales che produciron máis satisfacción?
É difícil responder a isto. A min o que me satisfai é contribuír ao ben común das persoas que viven en As Neves. Se cadra podería mencionar:
-A profunda transformación do sistema de iluminación do Concello a LED adiantándonos á crise de prezos da electricidade o que nos permitiu afrontar ese roubo, que é o prezo da electricidade, sen ter que dispor de novos recursos económicos.
-Recuperamos a casa da xuventude, un espazo que estaba completamente abandonado e que nestes momentos serve de referencia non so á mocidade de As Neves senón tamén á de Concellos do redor.
-Renovamos a flota de vehículos do Concello
-Metémonos no plan Revitaliza cun sistema de tratamento dos residuos adaptado ás esixencias da UE.
-O traballo que fixemos no eido da cultura é recoñecido , porque é de xustiza, por calquera cun mínimo de honestidade intelectual. Hai moitos aspectos por salientar aquí pero considero que a volta que lle demos á Feira do Requeixo sitúaa á altura da excelencia.
Antes comentabas que tiñas ilusións e proxectos para o novo mandato, no caso de que a maioría da sociedade nevense che dea a súa confianza. Cóntanos os máis importantes?
-Estamos a traballar nun importante proxecto de reconstrución do mercado das Neves. Penso que nos próximos catro anos xa estará rematado.
Nós queremos apostar por darlle ao noso eixo fundamental de goberno :VIVE NAS NEVES un grao moito máis elevado de desenvolvemento. Iso significa, no terreo do concreto, un plan de turismo en destino sustentable e especialmente que nós queremos traballar de maneira moi decidida no ámbito da vivenda. Nas Neves temos moitas vivendas desocupadas pero non existe unha oferta importante de casas que se aluguen ou vendan
E demanda hai?
Si, si que a hai. Bastantes persoas novas téñense achegado ao Concello a preguntar por casas para mercar, alugar ou construír.
Traballaremos pois con moita intensidade nesa liña, de feito conseguimos unha subvención importante do Ministerio de vivenda para a rehabilitación de casas. Durante os 3 anos próximos teremos cerca de 1/2 millón de € que servirán para a rehabilitación de vivendas no entorno urbano de As Neves e a Estación e para montar unha oficina que asesore ás persoas propietarias sobre como xestionar esas subvencións.
A diferencia entre un mal e un bo goberno municipal está, ao meu xuízo, en que un mal goberno limítase a ir zafando os problemas do día a día como boamente poden, mentres que un bo goberno ten un modelo de vila e traballa para facelo realidade. -Vive Nas Neves- é o voso modelo de vila?
Si, si que o é. Pero Vive Nas Neves non é unha mensaxe valeira de contido, non é un simple letreiro. Vive Nas Neves é a nosa filosofía. Consiste en dotar ao noso Concello de servizos suficientes e oportunidades varias para que a xente do pobo non teña que marchar a gañarse a vida noutros sitios, e para que a xente de fóra que o desexe teña no noso pobo un lugar atractivo e cómodo para vivir.
A recuperación e rehabilitación de vivendas vaise limitar só ao casco urbano?
Non , tamén no rural. Así por exemplo temos un proxecto que nos fai moita ilusión que consiste na recuperación das vivendas dos mestres na parroquia de Taboexa.
Facemos esta entrevista un día antes do inicio da Feira do Requeixo e do Mel. Cales son as expectativas coas que a encaramos este ano?
A verdade é que moi altas. Creo que lle demos unha volta moi importante e a satisfacción que amosan os asistentes indica que estamos na liña correcta.
O problema co crego de Ribarteme está solucionado?
Non. Eu creo que este ano tamén imos ter problemas . Tratamos de adoptar unha posición plenaria unánime ao respecto do apoio da corporación a manter a procesión dos cadaleitos, unha tradición de enorme importancia no noso pobo, e aínda estamos á espera da resposta do PP.
O auditorio xa é “ Auditorio José Gil”?
Un acto de xustiza para un veciño ilustre das Neves, en concreto de Rubiós, do que me sinto moi orgulloso. José Gil é unha persoa transcendental na historia do cinema en Galicia e As Neves tiña unha débeda con el.
Cales son as expectativas realistas coas que afrontas as vindeiras eleccións?
Nós presentámonos coa intención de aumentar a nosa representación para poder exercer o goberno en solitario. Agora ben , quero aproveitar a oportunidade para expresar o meu agradecemento e satisfacción polo traballo e compañía de Marcelino, o noso socio de goberno estes 4 anos .Tanto é así que xa che anticipo que sexa cal sexa o resultado imos tenderlle a man para que siga ao noso lado.