Mauro Chivite responsable comarcal
Mauro é un rapaz novo en idade pero xa veterano na militancia política pois leva arredor dunha década engrosando as ringleiras do bloque. El é natural de Balneario onde é concelleiro, e na actualidade, rematada a súa tese de doutoramento, traballa na facultade de bioloxía da Universidade de Vigo. En outubro do ano pasado foi elixido responsable dos nacionalistas galegos nesta comarca tan extensa e importante pois, alén de todas as localidades do Condado e a Paradanta, na organización interna do BNG abrangue tamén as dúas vilas da Louriña: O Porriño e Salceda. Na xeira que iniciabamos o mes pasado para coñecer o estado de saúde do nacionalismo galego en todas as localidades da nosa área de influencia, desta volta facemos unha parada polas terras do Condado
“A nosa intención é consolidar as nosas alcaldías, acadar algunha máis, afortalar a posición do BNG en todas as localidades e conseguir facer do bloque unha ferramenta útil para resolver os problemas reais de toda a sociedade”
En liñas xerais cal é a saúde do BNG no Condado Paradanta?
Ben, como sabes a nosa comarca abrangue un bo número de localidades co que non resulta fácil establecer parámetros xerais pois en cada vila vívese unha casuística diferenciada. En calquera caso se me pides unha valoración global vouche dicir que a nosa saúde é boa. Estamos en fase de crecemento e todo apunta a que a tendencia alcista aínda ten moito oco para seguirmos medrando. Estamos mellor, como é obvio, no Condado ca na Paradanta. Probablemente na Paradanta non soubemos chegar coa mesma intensidade coa que chegamos no Condado e é unha materia pendente que temos a firme vontade de mellorar
Con que ánimos asumes a túa responsabilidade?
Eu son unha persoa comprometida co proxecto do BNG. Teño a convicción de que este é un país cunhas potencialidades inmensas que se tivera a oportunidade de xestionar os seus propios recursos podería acadar uns niveis de benestar, para a maioría da súa poboación, moi superiores aos que ten agora. O meu ánimo está nos niveis máis altos que teño, e a miña ilusión en consolidar e facer medrar o proxecto do bloque, nas vontades e nos corazóns da sociedade da nosa comarca, é absoluta.
Ben, imos comezar a análise de todas as localidades de maneira individual e como non podía ser doutra maneira falamos en primeiro lugar do teu concello
Mondariz Balneario
Nas últimas municipais o BNG perdeu por 3 votos. O día despois daquel proceso electoral comía eu no teu pobo, e o dono do restaurante no que estaba díxome que aquel domingo tiña o local ateigado de persoas, que habitualmente viven en Madrid, que literalmente lle din que veñen votar porque lles chamou o alcalde. Es consciente desa situación?
Si, de feito denunciámolo na oficina do censo pero non nos fixeron caso. Calquera persoa que viva aquí sabe que o día de eleccións aparece xente que non está no noso pobo en ningunha outra época do ano.
Como valoras a xestión do actual goberno?
Jose Antonio fixo cousas interesantes hai 30 anos pero xa hai moito tempo que ten un proxecto esgotado. Pódese dicir literalmente que a súa acción de goberno non existe. Jose Antonio funciona por favores:se es dos meus moi ben senón esquécete
As expectativas realistas vosas para as eleccións do ano próximo cales son?
Gañar as eleccións. O BNG ten proxecto e o PP non. Teño a convicción de unha ampla maioría da veciñanza saberá recoñecelo
Mondariz
Ves posible reconducir as cousas con Calis( ex BNG) e AV de cara ás eleccións do ano que ven?
Teño serias dúbidas. Alí hai unha ferida que aínda non se pechou e a curto prazo non o vexo posible
Vós tedes a alcaldía en Mondariz. Como valoras a acción de goberno ?
Eles teñen unha situación aritmética complexa e teñen poucos recursos. Pero estano facendo moi ben optimizando servizos que ata o de agora non se daban por exemplo o valeirado das fosas sépticas. Por outra parte están avanzando cara a un modelo de vila sostible, un modelo de vila BNG
No conflito da depuradora ten razón Mondariz ou Balneario?
Non se trata de quen ten razón. Trátase, creo eu, de que hai unha depuradora que ten que dar servizo a 6.000 persoas e dáo a escasamente 2.500.O problema radica nunha entrada de augas limpas que se produce en Balneario. Hai que solucionalo de contado para que Mondariz poida conectar
As expectativas realistas para o BNG no 23 cales son?
Consolidar a alcaldía medrando o número de concelleiros que temos alí.
As Neves
Non sei se coincidiras comigo pero eu o que pulso nas rúas desa localidade é que a vosa alcaldía está plenamente consolidada e atrévome a prognosticar unha probable maioría absoluta?
Eu non me atrevo a prognosticar tanto. Pero dígoche que como responsable comarcal As Neves é a localidade que máis tranquilo me ten. Xose é moi bo alcalde é ten un equipo magnífico canda el que desenvolve moito traballo e de moita calidade
No primeiro mandato tivestes moitos problemas nas relacións cos vosos socios do PSOE. No mandato actual cambiou a mellor a cousa non?
Si, cambiou a mellor e agora afortunadamente temos moi boas relacións
Cales son as expectativas que tedes nas Neves para as próximas municipais?
Se che fixas nos datos dos distintos procesos electorais ves como o voto PP vai decaendo paulatinamente mentres que o voto BNG ascende aos poucos pero continuamente. A nosa expectativa realista e razoable e consolidar esa tendencia.
Destaca o máis significativo da acción de goberno do BNG nese concello?
A acción social e a calidade dos actos culturais.
As condicións que propiciaron a terrible vaga de lumes do 2017 nas Neves desapareceron?
Non, por desgraza non. Aquilo pode repetirse porque o coidado do monte,que é competencia da Xunta, é moi deficiente.
Ponteareas
Neste concello, o máis importante da comarca, o que percibo eu nas rúas é unha sensación xeral de malestar co goberno do BNG. Cal é a túa visión?
A situación de Ponteareas é complexa. A morte de Pepe foi unha traxedia. E a figura de Cristina aínda que é unha persoa enormemente válida non ten aínda o alcance que tiña Pepe. Sen embargo en Ponteareas estase facendo un moi bo traballo e confío en que a maioría da sociedade sexa quen de percibilo
Cal é o máis relevante dese traballo que mencionas?
As humanizacións, que están recibindo moita presión por parte da oposición, a curto prazo sempre teñen unha repercusión negativa e provocan que a veciñanza directamente afectada se enfade. Porén cando se rematen as obras a experiencia doutras localidades dinos que acaba revertendo positivamente. Eu pediría un pouco de paciencia, desde a comprensión e o respecto a quen poida estar molesto, porque o resultado final vai ser positivo para todos
As expectativas realistas para as eleccións?
Consolidar a alcaldía mantendo o caudal de confianza que tivemos a honra de recibir no 2019.Desde a comarca estamos a tope cos compañeiros e compañeiras de Ponteareas para que entre todos e todas saibamos transmitir á sociedade todo o traballo que está a facer o goberno municipal.
A Cañiza
Esta localidade é excepcional pois é unha das poucas de Galicia nas que o BNG non ten agrupación local. Por que?
Tentámolo en varias ocasións. Pero é unha vila na que temos poucos militantes e en certo modo ten unha socioloxía parecida ao interior de Ourense. Nas últimas eleccións nas que fomos quen de presentar unha candidatura houbo xente que caeu a metade de camiño porque recibían presións
De feito unha persoa que presentastes nunhas eleccións agora é figura destacada do PP local non?
Si, así é.
E xa damos a batalla por perdida?
Non, de ningún modo. Estamos traballando forte para tratar de solucionar ese problema. O nacionalismo ten que estar presente en todo o país. E A Cañiza non pode ser unha excepción. Hai simpatía polo nacionalismo, de feito nas autonómicas do 2020 tivemos máis dun 13,50% dos votos e ese segmento de persoas ten que ter ao BNG presente no seu concello. Eu convido a calquera lector ou lectora da Cañiza que teña sensibilidade cara ao nacionalismo que se anime a dar o paso. Prometo que todo, absolutamente todo, o BNG da comarca estaría aí para darlle todo o apoio loxístico e humano necesario para consolidar unha agrupación local nesa vila.
Crecente
Como valoras a acción do goberno de Crecente e como está a situación do BNG alí?
O goberno de Crecente é completamente caciquil. O seu modus operandi baséase nos favores e teñen un comportamento escuro e nada transparente. Agora mesmo hai certa polémica porque existe un proxecto dun parque agro forestal, de iniciativa privada, e o concello desenvolve unha especie de función de intermediarios entre a empresa e os veciños afectados para que estes cedan os seus terreos
E cal é a posición da veciñanza?
Quéixanse de que non existe transparencia e de que non están informados o suficiente das motivacións e o destino final do proxecto
O Bloque como vai por alí?
Como sabes temos un concelleiro , Benigno, que está a facer un gran traballo nunhas circunstancias difíciles. A nosa xente alí cumpre coa súa obriga de fiscalizar a acción de goberno, presenta propostas alternativas en positivo e trata de informar á veciñanza a pé de rúa. Observamos con satisfacción como a xente recíbenos de maneira moi receptiva
As expectativas para o 2023?
Imos crecer en representación con absoluta seguridade.
Covelo
O goberno de Pablo Castillo é parecido ao do seu antecesor Pepe Costas?
Non, malia que ambos son do PP son perfiles diferentes. Pablo , o actual alcalde, é máis sensible ás iniciativas da oposición que lle poidan parecer oportunas. En calquera caso a súa acción de goberno é manifestamente mellorable pois móvese fundamentalmente a remolque do que lle ven dado , tanto das iniciativas que presenta a oposición como do que lle poida vir da Xunta
Tedes dúas concelleiras verdade?
Si, Belén e Laura. Ambas son fenomenais, dous cadros políticos de primeiro nivel, que fan unha oposición útil e construtiva. Así pois hai exemplos de propostas que leva o BNG ao goberno e que logo son concretadas
Por exemplo?
O mural feminista da praza de Maceiras, as reivindicacións en defensa da sanidade pública..
E algunha fricción política destacada co goberno do PP?
Se cadra a máis relevante é a que se refire á nosa posición en relación co proxecto do parque eólico na serra do Suído.
Arbo
Hai posibilidades de arranxar as cousas con Xavier Simón e o seu grupo?
Eu creo que pola nosa banda si. O noso portavoz, Diego, é unha persoa nova que non viviu o divorcio, que se deu no nacionalismo desta vila, e ten moi boa predisposición para falar coa xente de AGRELAR e chegar a acordos.
Como valoras o goberno de Horacio Gil?
É un goberno que resulta difícil de valorar porque fan moi pouco, case nada diría eu. Se cadra insulso é o adxectivo máis adecuado.
Teñen o conflito de Sogama?
Si, no que o goberno vendeu aos veciños de Sela. Está tendo moita contestación veciñal igual ca coa liña de alta tensión. Outro conflito no que alcalde está desaparecido
O BNG ten algún tipo de expectativa para as eleccións do 2023?
En principio reconducir a situación con Xavier Simón e o seu grupo. E logo xa se mirará.
Salvaterra
Como está a situación do BNG por esas terras?
Como sabes mudamos de portavoz. Agora Patri é a nosa responsable alí, unha rapaza brillante que estou seguro de que será quen de transmitir a ilusión e frescura que tanto necesita a política nesa localidade.
Salvaterra é unha vila que posúe un amplo tecido asociativo, cultural e na que se poden encontrar simpatizantes nacionalistas case en cada curruncho. Non cres que estades infra representados na corporación municipal?
Si, é algo que sempre me chocou. Supoño que será debido ao tipo de goberno que padeceu e padece esa vila, baseado en cadeas de favores, e tamén resultado de que non soubemos chegar como debiamos á sociedade. Temos que mellorar, e melloraremos seguro, porque nesta vila hai moito potencial para o crecemento.
Sobre o goberno da Vila que nos dis?
Un goberno caótico, especialmente no terreo económico o que limita moito a súa acción política.
As expectativas para o 2023?
Aumentar o número de concelleir@s. En Salvaterra temos un equipazo que saberán dar coa tecla para conectar máis e mellor coa sociedade local.
Salceda
En Salceda estades fóra do concello. Que vai pasar nesa vila?
É un caso moi semellante ao de Arbo. Estamos en conversas coa nosa xente alí, e hai unha predisposición absoluta a reconducir a situación do nacionalismo nesa vila para que poidamos volver camiñar unidos.
Podemos anticipar un achegamento a Movemento Salceda de cara as municipais?
Non estamos pensando nas municipais .O que se trata é de reconducir dunha vez por todas a situación do nacionalismo en Salceda. Desde logo por parte do BNG non vai faltar a xenerosidade.
Salceda ten unha peculiaridade que é un volume elevadísimo de poboación nova, que é o voso nicho fundamental de votantes?
Efectivamente, por iso non é entendible que o BNG non teña representación institucional nesa vila
As expectativas realistas para o 2023?
Amañar a situación anómala que vive o nacionalismo en Salceda.
O Porriño
O paso do tempo, que posibilita valorar as cousas con máis frialdade, permite que fagas unha valoración positiva ou negativa da decisión de entrardes no goberno de Eva García De La Torre?
É no goberno onde se poden mudar as cousas. E o BNG nas áreas que levaba no Porriño conseguiron facer cousas moi importantes. Aproveito para reivindicar o altísimo nivel político do noso portavoz alí Pedro Pereira. A resposta á túa pregunta é polo tanto que a miña valoración daquela decisión é positiva. Agora ben a ruptura daquel goberno foi unha auténtica trapallada. Os único que souberon manter a coherencia en todo momento foron os compañeiros e compañeiras do bloque do Porriño.
O Concelleiro Manuel Carrera, que lle deu coa súa abstención a alcaldía ao PP, traballa na DEP. Como é posible que desde o Psoe non foran capaces de chegar a un acordo con el para acadar o seu voto positivo?
Non che podo responder a iso. Terás que preguntarllo a eles
Que expectativas realistas tedes para o 2023?
Agardo que a nosa coherencia e o noso bo trallo sexa recoñecido pola sociedade e experimentos unha suba significativa de votos e representación. Remato agradecendo a oportunidade e transmitindo unha mensaxe clara; a vontade da dirección comarcal é traballar para consolidar as nosas alcaldías,acadar algunha máis, afortalar a posición do BNG en todos os currunchos da comarca e lograr que o bloque sexa unha referencia en toda a sociedade como unha ferramenta útil para poder solucionar problemas e contribuír ao ben común.