

O mes de Maio está a chegar, e con él quedará só un ano para as próximas eleccións municipais. Dará comezo a competición dos partidos políticos locais para convencernos de que son a mellor alternativa para Marín. Coma os pavos reais levantarán a plumaxe e farán bailes exóticos para chamar a nosa atención.
A estas alturas da película xa podemos e debemos comezar a avaliar o traballo, pouco ou moito, feito por todos os concursantes. Teremos que ir poñendo puntuacións e facendo cábalas para ver quen estará no primeiro posto de saída e con moitas posibilidades de repetir.
É evidente que nestes tres anos que levamos de lexislatura o partido “reinante”, o PP, non padeceu moito desgaste. O partido de Ramallo foi facendo, aproveitando os plans de outras administracións para humanizar rúas, cambiar farois, “empichar” camiños no rural. E, o máis importante, evitando calquera tipo de conflitividade social. E agora como colofón da lexislatura vainos facer un auditorio, que debería estar feito desde o século pasado, e unha piscina de auga salgada.
Porén, Marín segue tendo grandes problemas económicos, de vivenda, de urbanismo, etc, que o goberno do PP non ten interese en solucionar. Temos alugueiros cos prezos disparados mentres hai unhas setecentas vivendas baleiras, o centro de Marín parece un campo de batalla con tantos edificios a medio facer ou abandonados, e solares a monte a cincuenta metros do concello.
Ula oposición?
Polo que podemos ver no que levamos de lexislatura, nin está nin se lle espera. Moito “postureo” e moita foto, mais pouco traballo real. Esta debe ser a nova forma de facer política nos tempos onde as redes sociais parecen máis importantes que o traballo na rúa día a día.
Demostraron en todo estte tempo ser incapaces de propoñer alternativas, facer propostas serias e moito menos poñer contra as cordas ao actual goberno municipal.
Esperábase algo máis do PSOE, que con cinco concelleiros/as é a principal forza da oposición. Mais coa súa estratexia de oposición “leal” e condescendente co goberno municipal o único que acadaron foi diluírse e estar coma ausentes. Con cinco persoas no concello deberían ter un maior traballo e mais capacidade para propoñer alternativas.
O BNG, como ven sendo habitual en Marín, multiplicouse por cero e optou por substituír o traballo social, cousas do pasado, por sesións fotográficas. Porén, as fotos non poden agochar a falta de ideas e alternativas aínda que repitan sempre que teñen un “proxecto ilusionante” para Marín. Ulo?
As eleccións gánanse con traballo e implantación social, e dos tres principais actores só un cumpre con eses requisitos. É evidente que o PP de Marín si que ten implantación social en todas as parroquias e no resto dos ámbitos sociais do noso concello. Tamén demostraron nestes anos capacidade de traballo, aínda que o fagan para o “lado escuro” e dun xeito caciquil.
Polo tanto vai ser complicado enfrontarse a esta maquinaria electoral que está permanentemente en activo cuns coches coas rodas pinchadas e sen gasolina.
O que nós queda é a mobilización.
O desastre das políticas sanitarias do PP está provocando un malestar social moi grande, e non só en Marín, que debería pasarlle factura a este partido en todos os procesos electorais. Non podemos esquecer que o goberno local, que conta cun deputado autonómico, asume submisamente as políticas de recortes sanitarios que chegan de Compostela e non levanta a voz ante o deterioro manifesto que padecemos en Marín.
Pese a este escuro panorama político Marín segue sendo un pobo reivindicativo que sae á rúa para reclamar e protestar. Estámolo vendo coas manifestacións e mobilizacións en defensa da sanidade pública en Seixo e Marín e coas concentracións de solidariedade polo naufraxio do Vila de Pitanxo.
Nestes momentos de orfandade política, e mentres non teñamos unha alternativa ao servizo do pobo, debemos botar man da mobilización social como forma de presión e concienciación para reclamar solucións aos moitos problemas que temos en Marín.
Marín, 5 de abril de 2022