D. Manuel Puente González

D. Manuel Puente González

UN MONUMENTO, UNHA RÚA OU AMBOS.

Antón Lorenzo González Saque
Antón Lorenzo González “Xaque”

Acertada reportaxe de Juán Óscar Otero Lago na Nova Peneira de decembro 2.020 sobre Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, con motivo do 70 aniversario do séu falecemento en Bos Aires. Animóume a escribir sobre un persoeiro, MANUEL PUENTE GONZÁLEZ, que aparece na mesma.

ESTADÍA EN EUROPA:

Este home, tremendamente descoñecido entre os veciños do concello, naceu no lugar de Monte, parroquia de Oleiros, Salvaterra de Miño, o 16 de agosto de 1890 no seo dunha familia pobre. 1

Aos 15 anos, (outra fonte fala de trece), emigra a Barcelona onde traballa de dependente nun comercio téxtil. Regresa a Oleiros, e pronto, emigra a Bos Aires en 1906. 2

No 1911, cando tiña 21 anos, probablemente, estivo de novo na súa terra xa que existe unha foto, datada e sinada en Oleiros o 6 de xullo dese ano, adicada o séu amigo Lorenzo Lemos, concelleiro, fotógrafo e mestre da Fundación González González, escola de nenas e nenos nesa ferigresía.3

O 30 de abril de 1927, actúan como padriños por poderes, el e a súa dona italiana Cesira Foglia, no casamento de seu irmán Rafael Puente González, solteiro, de vintecinco anos, fillo natural de Rosa Puente González do lugar de Monte coa súa prima María Moure González, solteira, de vintecinco anos, filla de Pedro Moure Puente e Josefa González Puente do lugar de Zacoteiras. 4

O 29 de xuño de 1928 regresa a Galiza, chega ao porto de Vigo no trasatlántico “Antonio Delfino” acompañado da súa dona Cesira Foglia, entre outros acudiron a recibilo, Manuel Mariño Méndez, Camilo Rodríguez, Constante Alonso, Juán Rivas Molino e Manuel Pérez Troncoso.5

Conta a tradición oral popular, por boca de José Lemos do lugar do Couto, que Manuel Puente chega a Oleiros e pretende pasar unha noite na súa casa natal, que mandara acondicionar para o caso, para que súa dona soubera como se vivía alí. Disque a dama, acostumada aos luxos da súa posición social, horrorizada negouse en redondo e saiu pitando no luxoso auto para un hotel da vila. 6

O domingo, 15 de xullo de 1928, inaugura no lugar da Forca, o magnífico edificio da Casa do Pobo. Está acompañado polo pobo de Salvaterra e persoeiros como Manuel Mariño Méndez, Eugenio Arbones Castellanzuelo, Ubaldo Gil Santóstegui, E. Eraclio Botana Pérez, así como dirixentes doutros sindicatos da comarca, etc. Este edificio, popularmente coñecido como Casa Sindical, foi construido íntegramente cós fondos aportados polos integrantes da Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires. Tivo un custe que excedeu dás 70.000 ptas. da época. 7

Antes de realizar o seu periplo por España e diversas cidades europeas, no que se demorou 18 meses, podémolo ver nunha foto disfrutando, con unha cunca na man, da festa da Luz na parroquia de Meder. 8

Voltou de novo a Oleiros no mes de setembro de 1929, será a derradeira vez. Acompañabao a súa esposa Cesira Foglia e, agora tamén, a súa sogra Dna. Alberta. Antes de partir definitivamente, facilitou os medios económicos para restaurar a abandonada fonte do lugar onde naceu, Monte, e dotala dun lavadoiro co séu correspondente cobertizo. Lavadoiro hoxe desprazado o lugar de Eido Vello, onde pode verse un monolito con unha modesta placa na súa honra. 9

ESTADÍA EN BOS AIRES:

Chegou a cidade bonaerense a bordo do buque Oropesa o 30 de xaneiro de 1906. Primeiro traballou nunha empresa de curtumes, amparado por seu tío Casimiro Puente González. En 1907, según súa filla Rosa Puente Foglia, chega a Bos Aires súa nai Rosa Puente González. Instálanse nunha modesta casa de Avellaneda e adícase a viaxante de comercio.

Máis tarde pasou a traballar nunha empresa israelita de importación de alfaias e reloxos onde aprende o oficio de xoieiro. Despois dalgúns anos, esteblécese por conta súa. En 1919 funda a xoiería Puente y Cía., con filiales na Franza e Alemaña.10

O 14 de agosto de 1921, fundou canda un grupo de amigos, a Sociedade Unión Progresista do Distrito de Salvaterra de Miño en Bos Aires

sendo o primeiro presidente e principal impulsor durante moitos anos.11

En Bos Aires logra ampliar a vida comercial a outros ramos até acadar unha posición relevante na vida financieira. Foi, dende a súa fundación, tesoureiro da Unión de Maioristas de Reloxería e Alfaiatería. Foi asemade, tesoureiro da Cámara Sindical de Comercio de Bos Aires. No 1932, foi o redactor dun proxecto sobre “Contas Documentadas”, que se aprobou no Congreso de empresas comerciais, industriais e bancarias.

Fundador e membro do directorio da Sociedade Anónima Industria Sérica Arxentina, primeira fábrica de tecidos en seda natural, con establecimento fabril na Plata. Desempeñou este cargo durante cinco anos e abandonouno a raíz dunha viaxe de negocios por Europa, prolongado 18 meses.

Foi directivo da Federación de Sociedades Galegas, na Irmandade Galeguista da Arxentina. Foi presidente da Cámara de Comerciantes Republicanos Españois, loitando denodadamente durante a Guerra Civil pola causa leal a República Española. Foi activo socio e Presidente do Centro Galego. 12

O final da guerra civil, grazas as xestións feitas diante do goberno arxentino, logrou socorrer e rescatar a Manuel Mariño Méndez, último alcalde republicano de Salvaterra de Miño, preso nun campo de concentración na Franza. 13

Foi membro da Comisión de Facenda do Consello da Galiza, organismo fundado na súa casa o 14 de novembro de 1944, lugar de encontro da cúpula galeguista, ratificado en Montevideo. En 1945 presentouse públicamente na Casa de Galicia e o 28 de xuño no Ateneo de Montevideo, en conmemoración do plebiscito do Estatuto de Autonomía.14

Os séus cartos sempre estaban o dispor para cantas obras se fixeran da cultura galega, chegando mesmo a tal obxecto a organizar un Padroado. No 1950 prestou axuda para a primeira edición do libro “As cruces de pedra na Galiza” de A. D. R. Castelao.Tamén de Castelao financiou no 1961, a segunda edición do “Sempre en Galiza”, libro chamado Biblia do Galeguismo.Costeou no 1962, os dous primeiros tomos da voluminosa obra “Historia de Galiza”, dirixida por Otero Pedrayo. 15

O 25 de xullo de 1950, fíxose socio da Edit. Galaxia, tiña as accións 380 – 389, contribuindo directa e indirectamente a súa fundación.16

Foi socio de honra dos Centros galegos de Ourense e de Pontevedra. En 1956 foi o Presidente da comisión organizadora do Primeiro Congreso da Emigración Galega a carón do Secretario e máximo impulsor do acto, Antón Alonso Ríos. Tratou este Congreso presidido por Jesús Canabal, empresario galego radicado en Montevideo, de darlle unha visión global da Galiza e dos séus emigrantes, e una afirmación da identidade histórica da nosa Terra a través das comunidades galegas na diáspora.

Manuel Puente e Jesús Canabal, emprenderon conxuntamente diversas tareas a prol da causa galeguista, como a do sostemento de Castelao durante súa estadía na América. Ámbolos dous foron os baluartes do mecenazgo galeguista.

O Consello da Galiza trataba, fundamentalmente, de manter viva a representavidade eleitoral lexítima dos deputados no exilio e, o mesmo tempo, traballar nas institucións da República para consolidar o proceso autonómico iniciado. Trala morte de Castelao, foi difícil manter a unidade, viñeron as desavenencias e en 1960, Puente abandonou.17

En 1968, auspiciou e organizou os Xogos Froraes do Idioma Galego, celebrados o 31 de agosto dese ano en Bos Aires. Alén da defensa do idioma galego e do asunto literario, foron uns Xogos reivindicativos da defensa da identidade galega. Acompañárono nesta tarefa Antonio Alonso Ríos, como Mantedor X. Lois Méndez Ferrín e destacaron poetas como Celso Emilio Ferreiro, Xosé Sesto López, Manuel María Fdez. Teixeiro, etc.

Rematou o acto coa intervención maxistral de Jorge Luís Borges. 18

Menos de dous anos despois, o 24 de marzo de 1970, unha doenza acabou en Bos Aires coa vida dun galego BO E XENEROSO.

Rosa Puente Foglia, súa filla, dirixe dende entón a fundación que leva séu nome, tentando recuperar a memoria e a tarefa do séu pai.19

Remato apuntando a miña preocupación polos fondos documentais que conserva esa fundación, dada a avanzada idade da depositaria, que carece de descendentes que poidan continuar a laboura.

FONTES:

1.- LIBRO DE BAUTIZADOS DA PARROQUIA DE OLEIROS.

2, 14, 17, 19.- La Emigración Gallega al Río de la Plata, Cristiña Samuelle Lamela.

3, 6, 13 .- Arquivo propio do autor.

4.- Libro de matrimonios da parroquia de Oleiros.

5.- Xornal El Pueblo Gallego, 29-06-1928, Páx. 2

7.- Xornal El Tea, 23/07/1928, PÁX. 2 -3.

8.- Rev. 25 Aniv. Soc. U. P. del Distrito de Salvatierra, pág. 5, 1946

9.-Xornal El Eco del Condado, nº 119 e 120, páx. 2.

10.-Lois Pérez Leira. Galegos na Arxentina.

11.- Revista Memoria y Balance Sociedad Unión Progresista, 1925 – 1927.

12, 15.- LOS GALLEGOS EN LA ARGENTINA, ALBERTO VILANOVA RODRÍGUEZ, TOMO II.

1 6.- Madygal, Revista de Estudios Gallegos.

18.- XOGOS FRORAES DO IDIOMA GALEGO, EDIT. NOS, BOS AIRES 1969.