A comisión cidadá pola verdade do 36 e o monumento en memoria das vítimas da represión

O Goberno de España asume o control de pago a provedores do Concello de Redondela ao medrar os impagos ata 3.370.184 euros
Foto de Demetrio Monteagudo
Helena Pousa

Sábado, 29 de xullo de 2024

Neste ano, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña leva realizados unha serie de actos en diversos lugares. En Monção, en abril, fixemos un acto en homenaxe a Amparo Alvajar soterrada no cemiterio de Moreiras. No local que nos prestou a freguesía, Xaque Lorenzo e Aurora Marco faláronnos da súa interesantísima vida como republicana activa e como recoñecidísima tradutora. Tamén deseñamos unha parte do roteiro do Sr. Afranio pola serra da Groba e do Argallo, no que Ramón F. Leal ía explicando aos camiñantes as peripecias da fuxida coma se fose Alonso Ríos de maneira teatralizada. O primeiro de maio recordamos a Guillermo Vicente de Santiago, derradeiro alcalde de Tui na II República. Lembrámolo xusto na data da súa morte na súa casa do barrio de Pintán (Salcidos-A Guarda). Nesa casa colocamos unha placa para lembralo a el como alcalde represaliado e a súa muller, María Álvarez, que conseguiu burlar a continua espionaxe dos falanxistas que andaron a buscalo tenazmente para capturalo. Ao mesmo tempo programamos dúas charlas no salón de plenos dos concellos da Guarda e de Tui para darmos a coñecer a súa vida, e recordar así a terrible doenza que sufría e non podía ser adecuadamente tratada polo seu médico Darío Álvarez Blázquez, e como a propia muller tivo que enterralo caladamente nun buraco no alboio. Nestas charlas participaron Victoriano Rodríguez, de Salcidos, e a neta, Begoña Vicente, que investigaron sobre a súa vida e a súa morte silandeira.

E o mes de xuño dedicámolo a conmemorar o 25 aniversario da colocación dun dos primeiros monumentos dedicados ás vítimas do 36, monumento que saíu das mans de Silverio Rivas, por encomenda da Comisión cidadá “Pola verdade do 36”.

Esta comisión cidadá formábana persoas afincadas no Baixo Miño. Nese grupo participaron Rafael Martínez (Lito Oliveira), Xulia Suárez (matrona do Rosal) e Mario Rodríguez (o pintor de Figueiró), xunto con Bieito Alonso, Antonio Lastres, Xosé Manuel Méndez, Ramón F. Leal e Esther Casal que contaron coa enorme axuda do pintor Xosé Luís de Dios. Esta comisión ideou como poder financiar o monumento a base de achegas económicas dos concellos, de bonos e da venda de cadros na que participaron, en 1997, 25 pintores solidarios, entre os que estaban Mario F. Granell, Xavier Pousa, Xaime Quessada, Elsa Pérez Vicente…

Para lembrar todo o traballo pioneiro en Galicia desa comisión cidadá, organizamos a Exposición “A nosa memoria silenciada”, que foi comisariada por Cuqui Piñeiro. Nesta exposición mostrábanse imaxes e documentos relativos ás actividades levadas a cabo durante varios anos ata o día da inauguración do monumento o 27 de xuño de 1999. Esta primeira parte estaba dedicada aos actos da comisión cidadá para sufragar algúns gastos do monumento así como outras iniciativas, entre as que destacan unhas xornadas sobre a represión no Baixo miño, recollidas no libro O Miño, unha corrente de memoria, e o documental Afranio.

Unha segunda sección dedicouse a expor cadros dos mesmos artistas solidarios que prestaron de novo unha obra para esta exposición temporal. Noutros paineis podíanse ler artigos da prensa sobre o día da inauguración, e o bo recibimento que tivo entre a xente que acudiu expectante o 27 de xuño á instalación do monumento nun dos lugares máis emblemáticos da represión.

O lugar escollido para a instalación do monumento foi a Alameda, un lugar sinistro en Tui porque alí, nas traseiras de Santo Domingo, o pelotón de artillaría pasaban polas armas a moitos condenados á pena de morte, despois de seren sometidos a un consello de guerra. Nestes falsos xuízos a sentenza xa estaba previamente escrita, e neles valíanse de falsas testemuñas, moitas veces pagadas con alcohol, para darlles tintes de “veracidade”. Un exemplo claro é o sufrido por Alejo Diz ao que acusaron de incendiar o edificio do Seminario de Tui, pero que non o conseguiu por non ter nese momento mistos.

Noutra sección podíanse ver os primeiros bosquexos e maquetas feitos por Silverio Rivas para a súa escultura, elaborada en granito de Zamora. E, nunha última sección podíase ler a lista dos nomes das vítimas mortais (executadas, paseadas ou con outro tipo de morte) no Partido Xudicial de Tui no 36. Despois de moitos anos de investigación a lista de vítimas mortais reflicte máis de 450 nomes, dado que se inclúen tanto persoas da zona como persoas de fóra que aquí morreron por estaren presos nos campos de concentración de Camposancos e Oia.

Alén da exposición, no día 29 de xuño, a Comisión tamén organizou un acto na Alameda de Tui, para rememorar a inauguración do Monumento á memoria dos represaliados, o 27 de xuño de 1999, moitos antes antes de ser aprobada a Lei da Memoria Histórica no 2007. O acto que foi presentado por Ramón Fernández Leal e Sabela Treinta, comezou coa intervención do escultor Silverio Rivas, quen explicou como ideou o monumento a partir das historias que oíra de novo no taller de costura da súa nai sobre as vítimas da represión en Ponteareas, aos que chamaban “rojos”. E a partir de moitas das súas lembranzas concibiu unha obra composta por un bloque de pedra que representa unha casa, a casa da que sacaron a moitas persoas para seren encarceradas, fusiladas, paseadas ou torturadas. E ao seu carón unha figura antropomorfa, que emerxe desa casa e deixa un oco. Con esta figura quixo representar todas esas persoas violentamente arrincadas do seu fogar que tiveron que buscar refuxio no exilio, así como a tristura e indefensión das súas familias. E escolleu para esta obra un granito de Zamora de cor vermella porque quería que esa cor representase o cualificativo “rojo” dado aos fieis á República.

A seguir falou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, que lembrou a importancia e necesidade de facer actos coma este e como ten o proxecto de sinalizar no concello de Tui varios Lugares da Memoria, un deles será a propia Alameda, por ser un lugar de fusilamento de moitas persoas fieis á República de toda a contorna. E despois recitaron textos poéticos Cristal Méndez, Cecilia Rimbaud, Pepe Cáccamo, quen nomeou os vitimarios tudenses que perseguiron a moitas familias, e Francisco Álvarez Koki. Tamén interviñeron Marga do Val e María Reimóndez e leuse un texto enviado por J. Viale Moutinho que non puido asistir ao acto.

Samuel Diz acompañou o acto cunha fermosa actuación musical con tres cancións populares lorquianas (“Café de chinitas”, “Cuatro muleros” e “La Tarara”) tocadas cunha guitarra copia da usada por Federico García Lorca, construída por José Ortega en Granada no ano 1906. Na segunda parte da súa intervención interpretou “Balada do cárcere” composta polo preso Daniel Fortea en Ocaña, en 1948, onde tamén estivo preso o folclorista Agapito Marazuela. Entremedias foi contando algunhas terribles historias de persoas afectadas pola represión franquista como a de Dolores Pastora, unha pianista de moita calidade, á que lle incautaron o seu piano porque o seu pai, o farmacéutico Ulpiano Piña foi represaliado ao que lle embargaron os bens, incluída a súa farmacia. Ela reclamou a devolución do seu piano e conseguiuno recuperar en 1941, pero xa estaba moi estragado. Finalizou coa interpretación “Berce” e “Española” de Rosita García Ascot, discípula predilecta de Manuel de Falla, casada con Bal y Gay en 1933. Ela coma moitos outros tivo que se refuxiara no exilio en México a onde chegou en 1939, máis alá lonxe tivo de abandonar a súa profesión musical.

Ao final fixemos unha ofrenda floral perante o monumento coa colaboración de familiares das vítimas mortais dos concellos do Partido Xudicial de Tui. Representando ás familias represaliadas en diferentes concellos participaron Darina Domínguez, filla de Taxota Domínguez Pacheco e Concha Andrés, neta de María da Luz Pacheco e sobriña de Ángel e Antonio Domínguez Pacheco, paseados na Guarda; Pablo Noya, neto de Juan Noya, e sobriño-neto de Manuel Noya, duramente torturado e paseado; Lidia e Ivone, por seren familiares de Laureano Dóniz Martínez, de Forcadela, un dos carabineiros fusilados o 16 de setembro do 36 na Alameda, xunto con 12 carabineiros máis e dous membros do Cabo Fradera, e Manuel Fernández, neto de Serafín Fernández Costas e sobriño de Julio Fernández Fernández, de Tui. Mais tamén estiveron nesta homenaxe moitas outras familias damnificadas pola barbarie vivida no 36, que aquí non podemos nomear.

Neste acto houbo moitos reencontros emotivos de persoas que xa estiveran na inauguración. Agradecemos a presenza do numeroso público que acudiu desde moitos lugares de Galiza para lembraren connosco esta parte da Historia que nos queren facer esquecer. Era un acto obrigado pois, como indicou certeiramente María Reimóndez, aínda que estamos no verán, «o traballo da memoria tampouco ten descanso, non colle vacacións», e á diferenza do verán do 36, hoxe deberiamos coñecer de xeito certeiro as consecuencias tráxicas deses meses quentes e aciagos .

Primer comentario

Deixa a túa opinión