Ano de 2021, 25 de xullo, como cada ano, Día da M/Patria Galega. Día de celebración e sobre todo exercicio. Anque este debera ser todo o ano, celebrando así, nesta Lingua que nos ocupa, nesta Matria que nos envolve, nesta Historia que nos define, propietarios para gardar canto temos e enriquecelo en porvir de confianza, sendo críticos, esixindo o que é noso e sen cegarnos, sendo solidarios e xenerosos. Claro que o lado negativo da proclama tamén require esforzos e indica que temos uns deberes para con ela, que non se cumprimentan por veces, como non vendela a ningún amigo/inimigo de conveniencia, nin permitir que a vendan envoltos en envexas nin atropelos, sen permitir que a profanen traidores, hoxe moi ben gardados e aparentes por detrás de sorrisos compracentes. Sen deixar que nos asoballen dereitos, e facendo de Galiza unha terra de Liberdade, no orgullo e honra de ser quen somos e de repartir para todxs nesa paridade solidaria escrita en equidade. Volvendo por quen nos defendan, quen xestionan ben e buscan sen descanso solucións. Sinalando e castigando a quen nos danan e a quen veñan contra de nós, normalmente prometendo e sen ter creto.
Anque ao abrir os ollos vemos unha realidade triste e gris, asolagada na mediocridade. Perdoade, mais cada rúa é un lamento de urxencias, cada aldea unha illa que resiste afogando en ameazas de destrución. Matria onde os bancos, aínda despois de esquilmar aos contribuíntes, pegan coas portas nos narices dicindo “non” a calquera anceio de progreso ou de particular iniciativa. Patria onde as empresas son para beneficio da empresa e non para reparto entre traballadores e usuarios, onde gardan no caixón -e sen mirar- os currículos de quen pide traballo en dignidade. Como ousarían promover inversión en si mesmas? Matria onde todo se compra e toda a xente se vende, poñendo prezo, altísimo tamén, ao que é necesario (enerxía, saúde, aire, auga, paisaxe, natureza, cultura, educación, creación, investigación). Patria onde campa a corrupción e a mentira para falsear calquera realidade. Matria de moita máis tristura, agora coa pandemia e as olladas perdidas, con colas para comer e abeirar, para agardar nas moreas de lixo o momento da miseria e inmoralidade feita fames, buscando algo no medio da podremia. Mentres, invádenos a nube negra da incompetencia e a resolta mediocridade, envoltos en palabras, dos que din que nos gobernan e parlamentan solucións, axudados da lei que non repara nin corrixe senón que oculta, aínda máis, aos culpables. Neste intre, axudados de tantos virus, medos, ameazas, eres e ertes, paro, migallas laborais improvisadas e nefastas. Para remate feliz, as leis de transparencia serven para validar silencios e indultar opacidades que a eles mesmos deberían declarar, así tapan infectando de novo o benestar, obstaculizando e creando sombras que danan a vida social. No momento exacto en que os sectores públicos facilitan o cúmulo de porcalladas, de corrupción e indecencia que, tantas veces, habita no ámbito privado. Semella como que queren imitalos, retroceder na consideración e no trato. Patria que o primeiro que fai e salvagardar os intereses propios e familiares, incluíndo na nómina do estado aos parentes e “amizades”. Matria onde a hucha sempre está baleira e nunca dá para máis, onde as promesas son só un anuncio de campaña.
Antes dicían que viviamos por riba de nós, agora xa non o din pero obrígannos a vivir por baixo deles. E din que non hai para Sanidade, nin para Educación, nin para os pensionistas ou dependentes. Seica van vir moitos millóns, que logo pagaremos, de Europa para erguer a economía! Pagarémolos ben pagados, non hai dúbida. Entón é cando un se cabrea e chámalles de todo perdendo os estribos e a educación, pouca xa, ao acelerársenos o pulso. Patria na que escoitamos como nos falan de ir xuntos, nesa unidade que unifica sen ter en conta as valiosísimas peculiaridades que habitan a diferenza e que, evidentemente, son o mellor agasallo humano, xunto coa Xustiza e Liberdade. A súa unidade é un rolo que pisa todo, globalizando, uniformando para borrarnos do escenario. Empregan, levan séculos, métodos de insulto e menosprezo, de falta de equidade e dignidade, cara a nós e a nosa Lingua, a Nosa Cultura. Burla e apoucamentos. A unidade que eles proclaman, non hai que ir moi lonxe nin ser adiviño, é esta que vemos, a de mendigar traballos para que eles enchan satisfaccións e vivan á nosa costa relaxados, permitíndose o luxo de darnos clases de moral e ética. Celebraremos, un ano máis, as festas do consolo, agora esta da M/Patria Galega, anque deberiamos considerar arrepoñemos, mandar parar a desfeita. Cómpre outro Medulio onde ardan eles, quen non se quere nin ama a M/Patria, anque quizais nin sequera ardan! Por riba de todo, debemos gardar a esperanza sen permitir que nola rouben. Nosas son, mesmo as nosas fames!