Que si, que si. Sempre convén miralo todo, ter en conta todos os argumentos, comprender tamén o incrible, rexistrar o absurdo, chegar a todas partes. Porque o peor é esquecer, manipular, deixarse conducir intencionadamente, que nos leven. Convén acadar sempre o ton exacto, a oportunidade sen desbotar e rexeitar, con sibilina ciencia infusa, a verdade que se esconde e nos mira, unha vez máis, buscando onde nace o aire. Debemos facelo por hixiene, aínda a risco de non atopar as palabras xustas, as puntualizacións debidas, ou de non saber atender a todo este escenario que se nos presenta diante, adrede tan confuso. Claro que si, os cataláns prométense un referendo sobre a independencia, e se non é agora, será máis adiante. Os referendos son as prácticas, por excelencia, dentro das democracias que se precen de selo. Pero ese non é o tema, o problema é pensar como se puido chegar até aquí. Como é posible que alguén queira baixar do barco no medio da viaxe, no medio do mar, no medio deste temporal que parece ser un naufraxio de séculos, agardados para que nos leven. Pois non queren estar porque non se senten ben nin estimados, non os valoran nin atenden, porque non os deixan ser o que son, porque lles poñen limitacións lingüísticas, sociais, culturais, económicas de desenvolvemento e porque se cren estafados. Os problemas matemáticos, penso, se resolven nun encerado, pero os outros son de causa e tempo, quizais teñan que ver coa falta de emancipación e liberación, precisamente soberanía ou independencia dos poderes. Tamén poden ser causas de xustizas inxustas, é dicir leis pouco equilibradas, con tons arcaicos que olen a pasado, aquilo que un home baixiño e voz afrautada chamou “atado y bien atado”, colocando moitos herdeiros na casa das xudicaturas máximas coa fin de que a música sone ben, e a letra sexa a de sempre. En fin, que estamos no momento exacto para as consideracións. Quizais habería que darlle a volta á tortilla. E o mellor sería previr e prever, todo a un tempo. Quizais ao estado, en vez de estar coutando convíñalle deixar exercer as identidades que non son a súa identidade. Quizais é momento de auto-realizarse nos gobernos, de solicitar directamente sen someter a este recorrido de trampas aos que nos ten afeito. E ser xenerosos. Recorridos burocráticos e solapados, de dar dereitos e non dar cartos, de dar posibilidades a medias, de ter sempre a “sartén polo mango”, de pisar e poñer obstáculos. Que todos ben sabemos das artes que se empregaron e seguen a empregar. E isto si que non é absurdo nin incrible. Vémolo en nós mesmos, tamén en Euskadi. O estado quere medirnos en corto e está a afogarnos en formulacións inadecuadas, irrespectuosas. Quere igualdade para o castelán pero collen superioridade do uso seu, na Nosa casa. E nesas cuestións coma noutras esa é, ao final, a vara de medir inadecuada. Eles os que reparten o pastel, os que ditan como se ha de ensinar, canto tempo, en que materias, como se reparten as vacinas e se a pcr é nasal ou anal. E, chega un momento en que a corda rompe, vai rompendo a poucos, máis e máis, e agora chegados aquí, que non cause espanto. As cousas son así, se non reaccionan e, coma sempre, se deixan envolver en prexuízos e miserabilidades múltiplas, desas que xa dixen e que nos veñen afogando, a cambio de deixar de ser quen somos, pois que inventen outros horizontes sen abocarnos ao suicidio. Quizais sexa un soño e nada máis. Xa é algo! E os soños, soños son e como a fame, son da nosa propiedade! Non estaría mal un estado que se prece cun imaxinario que debera coidar máis os detalles e os fondos, as corruptelas e roubos, as caixasbé de bárcenas e cía, o reparto de fondos en porcentaxes ruíns, as salas da audiencia como xustizas paralelas e xuíces rancios, os militronchos perversos e villarejos, as sospeitas de non sermos democracia, as negativas a deixar ser quen somos, todo iso e moito máis debera ser motivo para estar máis atentos cos “periféricos”, estamos ata o gorro de tanto insulto á intelixencia, de tanto desprezo e neglixencia, de tanto embigo mal administrado que nos somete á sensación de indíxenas na propia casa.
Artigos relacionados
A solidariedade é feminina
Mucha, a da Praia, ten uns ollos redondos como plenilunios e brillantes como o salitre. Se fas o exercicio de concentrarte neles parece que os trasparentas, traspasándoos coma un catéter que ascende pola anatomía da humanidade deica chegar ao corazón. […]
16, 17 e 18 DE MARZO
16 de marzo:O día vai abrindo paso e os medios de (des)información comezan una sucesión de tertulias […]
Actos da memoria que seguen na memoria despois do tempo
29/11/2021
Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero
Artigos de opinión
Comentarios desactivados en Actos da memoria que seguen na memoria despois do tempo
Culminou un traballo, pequeno e grande á vez. Un traballo que suma moitas vontades, un traballo de esforzos. Tratábase de recuperar os restos de catro persoas que loitaron pola dignidade, pola legalidade. Pero iso hoxe, ben sabemos, non cotiza en bolsa e por iso ten pouca transcendencia. Anque en si, xa somos ben deles, sabemos que ten moita, moita importancia […]