Ucraína, a liberdade de Europa

Carlos Penela

Carlos Penela, escritor e tradutor galego residente en Viena

Cando o 24 de febreiro pasado os medios informaban de que as tropas rusas estaban a invadir Ucraína, a moitos atravesounos un arreguizo de fondo temor e de rabia. De temor, porque se reabrían novas e feridas nun territorio do leste europeo, Ucraína, que abondo padecera xa no pasado (guerras, Holodomor, deportacións, represión política…); e de rabia, porque a independencia dunha nación europea soberana era vulnerada do xeito máis terríbel que existe, mediante a invasión polas armas, cun reparto de forzas, para alén demais, absolutamente desigual, o cal fai da loita de resistencia do pobo ucraíno algo aínda máis dramático e máis heroico.

Se formos a feitos concretos e obxectivos, poderíamos dicir que:

En primeiro lugar, nin un só centímetro do territorio de soberanía rusa (e antes soviética) foi atacado ou invadido desde o ano 1942. Tampouco agora, en ningún caso. Ademais disto, se un observa sobre o mapa o territorio da OTAN que fai fronteira con Rusia, a proporción dese territorio é ridícula. Contodo, nin sequera formalmente Ucraína pertencía á OTAN ou a UE no momento de ser invadida por Rusia. Sexa como for, cuestionar se Ucraína podía entrar ou non na OTAN ou na UE é asumir, por medo e falta de liberdade, a retórica matonil do Kremlin. Con que dereito Rusia pode impedir os acordos en materia internacional que un país soberano decida establecer?

En segundo lugar, os problemas internos (territoriais ou étnicos) que poida haber na Ucraína son de competencia exclusiva dese país, en tanto que soberano, e se se deron extralimitacións que sexan obxecto de denuncia por parte do Dereito Internacional, daquela serán as instancias internacionais as que deberán mandar observadores aos puntos de conflito e certificar que alí se están producindo esas extralimitacións. E así foi que se fixo no Donbas, con observadores da OSC, os cales emitiron informes ao respecto, declarando que en ningún caso se estaba a producir unha limpeza étnica. Existía, si, un conflito armado entre insurxentes prorrusos e as forzas armadas de Kiev, pero na enxurrada de noticias torticeiras a fin de criminalizar o goberno lexítimo de Zelenski non se especificaba (como si se facía nos informes da OSCE) que porcentaxe dos mortos eran milicianos armados prorrusos – e mesmo soldados infiltrados por Moscova para acirrar máis a situación -. Así as cousas, o relato da realidade muda ostensibelmente. Os máis reputados xuristas do Dereito Internacional do Estado Español foron moi claros neste punto: desde o punto de vista do Dereito Internacional, a invasión vulnera de xeito claro ese Dereito.

En terceiro lugar, na linguaxe degradada dun individuo como Putin, a aseveración de que Rusia decidiu emprender esa guerra de invasión para “desnazificar” Ucraína pode significar calquera cousa menos iso. Se un le algún dos papers publicados nos últimos anos por un individuo como Aleksander Dugin, membro do máis sinistro fascismo internacional e asesor directo de Putin a respecto da Ucraína, esa pretendida “desnazificación” é apenas outra escusa máis, nacida do máis fondo cinismo. Esa suposta “liberación” que levarían a Ucraína as tropas rusas, non pasa de ser unha piada de mal gusto, tanto máis porque se evidenciou que a presenza do invasor foi respondida con total contundencia e valentía por parte da poboación civil ucraína (tamén pola rusófona) e que mesmo a numerosa comunidade xudía da Ucraína mostrou o seu apoio a Zelenski, alistándose ás tropas ucraínas membros desa comunidade.

Polo tanto, a que obedece esta brutal invasión ordenada por Putin? Eu diría que obedece á cega paranoia e autoritarismo dun dirixente como Vladimir Putin, a quen a xornalista do NY Times Masha Gessen, autora dalgúns dos textos máis lúcidos sobre o presidente ruso, vén a retratar no seu excelente libro, The Man without a Face: The Unlikely Rise of Vladimir Putin , como un simple criminal, rodeado por diversos grupos de poder, igualmente criminais. E obedece tamén a un país, Rusia, que tenta reavivar ciclicamente o seu afán expansionista e imperialista, cun desprezo secular mal disimulado en relación a outras nacións eslavas veciñas, cando menos desde tempos de Alaxandre II.

Nos primeiros días da invasión, nunha das numerosas concentracións e manifestacións que tiveron lugar na cidade onde resido, Viena, lembro que vin unha moza ucraína que mostraba en inglés a seguinte mensaxe: “Se Rusia deixa de loitar, remata a guerra, se o fai Ucraína, desaparecerá”. Nese apelo simple e dramático está contida unha mensaxe esencial: a supervivencia de Ucraína como tal depende da súa liberdade. E tamén a nosa.