Días Das Marcas Galegas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Xoán Carlos Caballero
Xoán Carlos Caballero – Mestre no CEIP de Salvaterra

Hai pouco, no bar que adoito frecuentar, entrou unha persoa que pediu unha Estrela. Non pronunciou outra palabra. Estrela, a secas, sen máis detalles. Chamoume a atención o acento e non puiden evitar xirar a cabeza. Dubidei entre se era un irlandés nacionalista do Sinn Féin ou un galés do Plaid Cymru comprometido coa lingua. Tras escoitalo quedei pensando un bo anaco e pasóuseme pola cabeza escribirlle unha misiva a Los Hijos de Rivera, explicándolles que non sería una mala idea comercializar a cervexa co nome en galego. Polo menos, en territorios anglófonos resultaríalle máis doado introducila, dada a incapacidade que alí teñen para pronunciar o fonema /ll/. Non ten sentido pedir unha Estrela no Reino Unido e que che sirvan unha Estrella. Sería un pequeno xesto, cara o país e cara a lingua, que unha marca punteira vendera o seu produto galeguizando o seu nome.

Algo semellante sucede no Brasil, onde viven dous centos millóns de habitantes e no que a cervexeira coruñesa ven de facer unha inversión de tres centos millóns de euros. Un brasileiro xamais pedirá unha Estrella, senón unha Estrela, para maridala cunha feixoada. Polo tanto, non sería máis razoable que pediran a cervexa no seu idioma para sentirse máis identificados coa mesma? Non tería a compañía máis doada a comercialización da marca ao outro lado do Atlántico?

Casos coma este repítense en tódolos sectores económicos, xa que vestímonos en Pull and Bear, viaxamos ao traballo en Seats Arosas, lemos La Voz de Galicia e El Correo Gallego, escoitamos a Los Suaves, comemos sardiñas en conserva El Puerto Gallego, cantamos o segundo himno, Miña Terra Galega, en castelán e a cidade de Orense aínda segue estando habitada.

Dende a política, sobre todo dende a Consellería de Educación, poderíanse tomar decisións que, sen dúbida, normalizarían o uso da fala, como por exemplo, comunicarse cos nenos en galego dende que se incorporan ao sistema educativo á idade de tres anos. Se houbese un mínimo de compromiso, poderíase potenciar o idioma, pero pouco se pode esperar cando tivemos un expresidente pontevedrés, que na vida se lle escoitou dicir unha palabra na nosa lingua e que pasa as vacacións nun lugar imaxinario chamado Sanjenjo. Non obstante, si creo que dende a empresa sería doado, se non houbera tanto complexo, facer un aceno que axudaría a colocar a Galiza e ó idioma no mapamundi. Xestos tan sinxelos como eliminar a letra “L” de Estrella serían suficientes e non creo que influíran nas ventas do produto.

A pesares de todo, abundan os que non renuncian ao pracer de tomar unha cervexa Lobishome cunhas Churrusquiñas en aceite de oliva, lendo A Nova Peneira, escoitando a Baiuca ou Tanxugueiras e abrigarse cun xersei do Reizentolo cando sopra o vento nas Rias Baixas.