Un golpe no taboleiro lo

Marta Rodríguez Márquez Secretaria do PP de A Cañiza
Marta PP A Cañiza

Se algo acaban de deixar claro os electores, é que a política nacional non é máis ca unha partida macabra ao parchís. Botamos fichas e dados sobre a mesa e despois vemos como van quedando os resultados: Sánchez segue perdendo e resistindo pedindo prestadas as fichas dos demais, o Partido Popular segue levando vantaxe, e parece que cada vez ten máis fichas preto da meta. Abascal resiste na partida coas súas fichas, a Yolanda Díaz coméronlle as catro e tivo que marchar para a casa (aínda que segue vendo a partida desde o balcón do veciño), e un novo xogador entra no reparto de casillas, Alvise. Éste fixo algo parecido a Pablo Iglesias, salvando a distancia ideolóxica, co movemento 15-M, pero sen tendas de campaña, e empregando internet para lograr un nicho que xa quixeran os de sumar.

Pero non. A festa non rematou, e non ten moita pinta de que vaia rematar. O presindete da nación segue tentando gobernar mentres anda de “after” e non atina. Facelo entrar en razón e pretender que se centre non vai con el. O socialismo actual, que nada ten que ver co socialismo pre-zapatero, está afastando a moita xente que xa non se identifica cos valores nin coa folla de ruta dun partido que xa se atopa moi lonxe da constitucionalidade, nin cos intereses ególatras dun belo durminte que espera para espertar, o bico dun cabaleiro exiliado.

Pola contra, Feijóo ten papeletas para poder dar un golpe no taboleiro e darlle a volta á partida, pero debe ser un golpe contundente, sen medias tintas. Os electores están fidelizados non importa como se chamen os comicios, as papeletas entran igual nas urnas, pero temos que ter en conta que os cidadáns están fartos de tanta lea, cansos de que lle vaian ao peto constantemente e defraudados porque non se cumpre a palabra dada, nunca. Precisan que o panorama mude e que o faga para retomar a cordura, a responsabilidade na xestión e o compromiso coa xente e co país.

Sen esquecer ademais, que a política nacional, aínda se replica nalgúns Concellos e os seus ediles levan o mesmo percorrido. Non hay máis que pola vista no noso. Na Cañiza os resultados non poden ser máis elocuentes: o Partido Popular segue mantendo a porcentaxe de votos que ven sacando nos últimos anos, pero sen embargo, empeza a verse cada vez máis claro o final da decadencia do rexedor local, que novamente ve reducidos os seus votantes, porque lonxe de estar fidelizados, son máis fluctuantes ca nunca, sendo capaz de absorber o BNG boa parte do voto da esquerda.

Os números vaticinan o fracaso do goberno socialista, porque a realidade é que o equipo de goberno non é quen de manter os resultados dos últimos comicios municipais. En parte, porque a xente comezou a identificar as cortinas de fume que encubrían as promesas electorais, e tamén empeza a ser consciente de que a xestión municipal prioriza centrarse en alimentar o ego dunha soa persoa, por enriba das necesidades dos veciños, deixando sen partida presupuestaria asuntos prioritarios para poder invertir en banalidades. Esta é a ventaxa de non aprobar presupostos: que podes facer o que che pete. E en parte tamén, porque, non podemos obviar que o BNG está collendo cada vez máis presenza na nosa vila, cun equipo novato pero que está conseguindo, paso a paso, ter un oco e unha representación moito máis que digna se temos en conta o último reconto de papeletas.

En canto asoma outra forza, os socialistas perden fuelle enseguida, mentres os populares, son quen de manter aos seus.

Primer comentario

Deixa a túa opinión