II Torneo de Balonmán de veteranos solidario de Redondela

As sarillas

A principios deste mes de Xuño disputouse o segundo torneo de Balonmán Solidario. O torneo está organizado polas Sarillas, un equipo de mulleres relacionadas coa SAR que desbordan ilusión e talento polo deporte solidario e comprometido. Este un exemplo máis do marabilloso tecido asociativo que posúe a nosa vila, e nós non nos podiamos quedar sen conversar con elas

As Sarillas de balonmán amosan millas de talento e ilusión.

Falamos con Mar, Susi e Ángela.

Que son As Sarillas?

As Sarillas somos un grupo de nais que nos fixemos amigas e unha tarde aquí no pavillón, a muller de Pablo Couñago dixo que porque non facíamos un equipo de nais e, desta conversa entre Mari, Viqui, Lara e eu xurdiu todo. Eu dixen que quería ser a porteira e xa comezamos a xuntarnos para adestrar. Lara e Viqui son as nais dos primeiros adestradores que tivo o equipo, falaron con eles para que nos adestraran e o meu marido falou con Lito para conseguir espazo no pavillón. Desde entón aquí estamos. Tamén dicir que hai xente que comezou e xa non está, foi vindo xente nova, do inicio do equipo seguimos tres xogadoras. Temos claro que vimos aquí a desfrutar do adestramento e a pasalo ben.

Cantas xogadoras erades no primeiro equipo?

Somos 8 xogadoras as que estamos na primeira foto.

Pero agora sodes un grupo ben grande con máis de vinte xogadoras?

Si. Cando xogamos aquí si, cando marchamos a xogar fora xa imos máis xustiñas. Hai xente que vai e ven e xa pasaron 13 anos dos nosos inicios.

Sodes todas xogadoras que de mozas xogabades na Sar?

Non, a maioría nunca xogaran ao balonmán, somos nais de xogadores ou xogadoras do Sar. Animámonos polas ganas de facer deporte, xa coñeciamos as normas de xogo por ver a nosos fillos ou fillas. Si que eu e algunha máis fomos xogadoras pero poucas. Hoxe en día os demais equipos sorpréndense cando lle din que nunca xogaramos en equipos de balonmán antes. Hai xogadoras as que se lle da moi ben.

Ata xogades fóra de Galicia?

Si, imos a Portugal, Bilbao, Valladolid, Sevilla, Oviedo, Xixón…

Como vos financiades?

Cada unha paga o seu e, a maiores pomos unha pequena cantidade para pagar o da adestradora. Se compensa alugamos algunha furgoneta e se non movémonos nos nosos coches particulares. Durmimos en Hoteis e imos coa comida reservada. As veces, as viaxes para os torneos son 24 horas sen durmir, pero vimos coa experiencia vivida, as anécdotas ,as gañas de pasalo ben e maniotas tanto de xogar como de rir.

Por que estades xogando hoxe aquí?

Estamos a participar no segundo torneo de veteranos. Este é un torneo de balonmán solidario mixto co que comezamos o ano pasado. Esta edición é a favor de Andaina e gústanos traer equipos de fóra e facer algo especial na vila.

Que facedes durante o torneo?

Xogar, temos xantar, cea e logo baile. A parte de esgotarnos xogando tamén nos gusta facelo bailando.

Organizar un torneo así debe de levar moito traballo?

Si, leva moito esforzo, un traballo moi grande detrás. É a compañeira Ángela a que leva o 80% do traballo.

Cóntanos Ángela, como é argallar este encontro?

É difícil conseguir os cartos para sufragar os gastos. Temos que agradecerlle aos empresarios da vila, todos axudaron con partida económica ou aportando os agasallos das rifas benéficas que vendemos. O concello tamén aporta moito economicamente, senón os gastos serían inasumibeis. Tamén ao Club Sar e a súa directiva, sempre están aquí botando unha man, mentres nos xogamos, eles están atendendo aos equipos e aportando a súa experiencia, sen a súa axuda o resultado non sería o mesmo. Tamén dicir que todas colaboramos co que podemos, senón non sería posible, pois son moitas cousas das que nos temos que encargar.

E este tamén foi máis complicado organizalo, pois ao ter categorías masculino e feminina precisabamos de vestiarios para cada categoría.

Como fostes capaces de implicar aos equipos masculinos para que participaran no torneo?

Basicamente porque temos dúas compañeiras que os seus maridos xogan no equipo masculino e na celebración dun aniversario comezamos a dicirlles que se animaran a montar un equipo e participar para que así se animaran máis equipos masculinos. Así comezou todo, pouco a pouco, conseguiron montar o equipo para competir hai só catro meses.

Houbo un xogador ao que non lle foi moi ben e lesionouse verdade?

Si, no primeiro adestramento rompeu o talón de Aquiles, pódelle pasar a calquera xogador ou xogadora. Desde aquí mandámoslle moito ánimo para recuperarse e que se poña a tope para o ano que ven.

Cantos equipos hai competindo este torneo?

11 equipos en total, cinco masculinos e seis femininos.

Son todos equipos galegos?

En masculino temos un equipo de Portugal e outro de Xixón, os demais son xa de Galiza. Está un de Culleredo e outro de Rasoeiro e, o Sarillas masculino, claro.

Os equipos femininos son Risca (Xixón), Asturies, Ferrolterra, Famaliçao, Baltar e, por suposto, as Sarillas.

Para rematar, As Sarillas e os Sarillos, veñen para quedarse?

Pensamos que mentres o corpo aguante si, eu mesma teño unha prótese de cadeira e adestro e xogo sen problema.

Esperemos que eles o desfruten tanto como o desfrutamos nós e sigan xogando.

Xa vós podo asegurar eu que si.

So lles falta xogar un torneo fóra para que vexan o ben que o pasamos e así xa se van convencer de todo para seguir. Isto é unha terapia de grupo que dura toda a fin de semana.

Moitas grazas e moita sorte na vosa andaina deportiva.

Primer comentario

Deixa a túa opinión