Presentación de : “Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina”

"Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina"

Estamos aquí hoxe Sara Ashour, da AGA Jenin e Anxela Gippini da Asociación Galiza por Palestina en representación das organizacións que colaboran neste proxecto.

Hoxe informamos da publicación do libro Cantos de dor e liberdade, voces galegas por Palestina , 42 poemas e 12 ilustracións dalgunhas das máis relevantes poetas e artistas da cultura galega.

Como sabedes, as organizacións Galaico-Árabe Jenin, Galiza por Palestina, Mar de Lumes e Pallasos en Rebeldía somos organizacións cunha longa traxectoria de traballo na Galiza en defensa da Paz e da liberdade para a Palestina. Especialmente, desde outubro de 2023 tres destas organizacións estamos a impulsar, conxuntamente co BDS – Galiza, accións de resposta social ao xenocidio que a entidade sionista está a cometer contra o pobo de Gaza, mais tamén na Cisxordania

Hai meses, acordamos colaborar no proxecto de edición e publicación dun libro de poesía e ilustracións de artistas galegas cunha dobre finalidade: dar unha maior visibilidade á denuncia dos crimes do estado sionista e a reclamación dun alto o fogo inmediato e tamén recadar fondos para as causas solidarias co pobo palestino, neste caso eliximos á UNRWA , a axencia das Nacións Unidas para poboación refuxiada de Palestina.

A resposta da cultura galega foi abafante: nestes meses de traballo foron moitas as achegas e contactos para a preparación do proxecto, tantos e tantas que lamentamos se non puidemos atender todas as propostas. O resultado desta marea de solidariedade é a publicación deste libro, que publicamos en colaboración coa editorial Tempo Galiza. 54 artistas galegas e galegos, tanto poetas como ilustradoras colaboran neste proxecto creando e doando a súa obra á causa palestina.

Despois da súa publicación, estamos a traballar nunha axenda de presentacións nas principais vilas e cidades galegas, así como en distintos festivais culturais e xa temos confirmada a nosa presenza no Festival de Poesía do Condado, que este ano está adicado tamén á Palestina.

Permitídeme agora explicar por que a UNRWA é e entidade elixida para recibir os beneficios deste libro.

Orixinalmente concibida como unha organización temporal para un período de tres anos, a Axencia adaptou gradualmente os seus programas para satisfacer as cambiantes necesidades das refuxiadas durante máis de seis décadas.

Desde o inicio da brutal agresión en Gaza, a UNRWA e as súas traballadoras e traballadores permaneceron fieis aos principios da organización, mantendo ata o último alento a axuda á poboación de Gaza a pesar dos ataques ás súas sedes e o asasinato de moitas das súas traballadoras xunto cos civís que buscaban refuxio nas súas instalacións. A súa firme postura e as denuncias dos crimes de Israel tiveron como consecuencia unha terrible campaña de difamación que levou á perda de apoio de numerosos gobernos.

A UNRWA é moito máis que unha organización de axuda ás refuxiadas palestinas, é a proba e a memoria da diáspora e a expulsión de millóns de persoas dos seus fogares, unha memoria das refuxiadas que algúns queren eliminar.

Por todo isto, máis que nunca, desde os colectivos galegos de solidariedade con Palestina consideramos necesario reivindicar o seu traballo e colaborar no seu financiamento.

A directora da UNRWA, Raquel Martí, está informada do proxecto e envía a súa mensaxe de agradecemento pola solidariedade con Palestina, contamos con facerlle chegar non só a contribución económica das vendas do libro, senón algún exemplar do mesmo.

Xa para rematar, queremos deixar constancia de que este proxecto foi posible grazas á marabillosa rede de apoio social que existe no noso país. Agradecer especialmente á editorial Tempo Galiza o seu traballo e a solidariedade na publicación deste libro e tamén, o prólogo e colaboración o profesor Carlos Aymerich Cano e mencionar o magnífico traballo de Ana Martíns na recolección, corrección e organización desta escolma.

Primer comentario

Deixa a túa opinión