Mulleres bravas hondureñas e galegas xuntas na defensa da terra e da vida

Nancy Escalante Honduras

Nancy Escalante, defensora da terra hondureña, convivirá con cinco labregas galegas e coas súas loitas durante este outono

Nancy Escalante, muller labrega e defensora da terra hondureña, visita Galicia dende este luns 14 de outubro ata o próximo 11 de novembro no marco do proxectoMulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio do Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e o financiamento da Xunta de Galicia.

O programa busca por en valor as loitas comunitarias lideradas por mulleres en Honduras e Galicia, dous territorios con retos ambientais moi similares. Respondendo a este obxectivo esta sexta xira de actividades trae unha novidade: Nancy Escalante convivirá varios días con cinco mulleres labregas galegas das comarcas de Santiago, Pontevedra, Allariz-Maceda, Betanzos eA Mariña. Con isto, o proxecto busca xerar intercambios de experiencias e saberes e vínculos máis profundos entre as mulleres bravas.

Axenda de actividades

A visita pola comunidade comezou onte cun roteiro feminista pola cidade da Coruña e un primeiro encontro coas bases sociais das entidades promotoras da iniciativa: Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteira. Hoxe Nancy Escalante comparte espazo con outras dúas mulleres bravas de Honduras e Perú nunha mesa redonda que se desenvolve ás 11h na Escola Politéctina Superior de Enxeñería de Lugo.

Mañá representantes da Xunta de Galicia e do Servizo de Participación e Voluntariado (SEPIU) da Universidade de Santiago recibirán a Nancy en sendas reunións. Dende o xoves, participará no encontro Plantámonos, un espazo no que se reunirán persoas e colectivos de todo o territorio español implicados na transformación do modelo agroalimentario para avanzar cara a soberanía alimentaria.

A partir da próxima semana, comezarán as convivencias de Nancy con mulleres labregas galegas.

As mulleres bravas construímos xuntas

Nancy Escalanteé unha labrega de referencia para as mulleres da súa comunidade (Huatales Abajo, na aldea San Judas, El Corpus, Choluteca, Honduras), ás que lles fala da importancia de cultivar e consumir alimentos libres de químicos, nutritivos e nativos e dos efectos negativos de consumir alimentos procesados e refrescos. Traballa parcelas de millo e frijol aplicando boas prácticas agroecolóxicas como a conservación do chan e auga e principios do método de cultivo biointensivo como o control ecolóxico de pragas e enfermidades e a producción artesanal de sementes nativas.

Nancy participa en numerosas redes comunitarias, procesos formativos e de incidencia política. Traballa temas ambientais, vinculados ao xénero e á soberanía alimentaria. É lideresa dun grupo de protección ambiental; secretaria da Caixa Rural Unión e Esforzo e da Reserva Estratéxica Comunitaria de Grans Básicos e Sementes; e promotora legal comunitaria para a atención e prevención da violencia de xénero. Ademais, Nancy volveu estudar e atópase agora mesmo cursando o primeiro ano de Bacharelato en Ciencias e Humanidades co fin de estudar Enfermería e poder brindar servizos básicos á súa comunidade.

Isabel Vilalba (gandeira, produtora de faba e Secretaria Xeral do SLG), María Ferreiro (gandeira e actual responsable da Secreataría das Mulleres do SLG), Pura Seoane (labrega de produción vexetal venda directa en mercados e cestas e membro da directiva do SLG) , Uxía de Buciño (labrega de produciónvexetal venda directa en mercados e membro da directiva do SLG) e Belén Fervenza (produtora de horta e flor agroecolóxica e integrante da Secretaría das Mulleres do SLG) son as cinco mulleres galegas que acollerán por uns días a Nancy Escalante nas súas casas en Lourenzá, Teixeiro, Vedra, Allariz e Pontevedra, respectivamente.

Honduras e Galicia, dous territorios con retos ambientais moi similares

Macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións. En ámbolos dous territorios, as mulleres lideran loitas contra estes proxectos que antepoñen o beneficio económico empresarial ante todo. As mulleres defenden a terra, os dereitos e a vida. Suman entre elas forzas de cambio e sembran os xermes de moitos movementos de resistencia que se mobilizan por garantir dereitos. Este labor orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das mulleres lideresas. En Honduras, mulleres son asasinadas por loitar por terras libres e sociedades xustas.