O deputado Uxío Benítez destacou hoxe na reunión de traballo con representantes de 43 municipios que en zonas de convivencia de coches e peóns a velocidade deberá reducirse ata os 10 km/h
A secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, ofreceu colaboración para a implantación da sinalización e campañas de divulgación adaptadas a cada concello
Os ‘Concellos Ágora’ da provincia pasarán a seguir os principios das ‘Cidades 30’ de xeito inmediato. Así o manifestou o deputado de Mobilidade e Espazo Público, Uxío Benítez, que hoxe presidiu unha reunión de traballo para implementar o cambio de sinalización da velocidade dos núcleos urbanos das vilas da provincia a un máximo de 30 quilómetros por hora.
O encontro, segundo as palabras do deputado nacionalista, foi “un rotundo éxito” posto que contou coa participación de 43 dos 49 municipios adheridos á ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público’ e de 75 persoas entre alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras e persoal técnico.
Sobre a mesa estaba a organización e a implementación das ‘Cidades 30’, é dicir, a limitación da velocidade a 30 kilómetros por hora en todas as rúas dos núcleos urbanos dos municipios, cuestión xa respaldada e obrigada a medio prazo polo novo Regulamento de Circulación da Dirección Xeral de Trafico. O deputado destacou que aínda que a nova lei entrará en vigor o 11 de maio “nós queremos ir por diante e cambiar de inmediato”.
Alén diso, o deputado subliñou que coa adhesión á Rede Ágora os concellos comprometéronse de facto a ir un paso máis alá: a que todas as plataformas únicas de convivencia de coches e peóns teñan unha velocidade de máximo 10 kilómetros por hora, dando cumprimento ao principio número 6 do ‘Decálogo Ágora’, referido aos espazos seguros. Insistiu en que este principio é especialmente importante e sensible nas contornas escolares, polo que instou aos Concellos a modificar as ordenanzas de mobilidade e incluír esta velocidade de forma específica.
“A nova lei di 20 km/h para zonas de convivencia, pero nós defendemos os 10 km/h e aspiramos a que a futuro se recolla tamén así na normativa. Queremos simplificar e que nas nosas vilas só teñamos 30 e 10 de velocidades máximas”, destacou.
O responsable de Mobilidade da Deputación tamén subliñou que é moi importante que os concellos comecen a efectivizar e a visualizar de inmediato que son ‘espazos a 30’ e nas plataformas únicas máximo a 10, motivo polo que puxo a disposición dos concellos ao persoal técnico de Ágora, e tamén o da Rede de Cidades que Camiñan, á que está adherida a Deputación.
Foi a propia secretaria técnica de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, a que fixo unha explicación polo miúdo sobre en que deben consistir as ‘Cidades 30’ e cales deben ser os pasos para chegar a elas. Destacou que a rede colaborará con todos e cada un dos concellos da provincia para realizar a nova sinalización e tamén campañas de divulgación adaptadas.
O encontro de hoxe foi o primeiro da ‘Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público’, unha iniciativa da Deputación que xa conta con 49 concellos adheridos e que ten como obxectivo implementar o espazo público para as persoas na provincia no horizonte de 2023. “Ademais de ter unha filosofía importante, con Ágora queremos resultados medibles e cuantificable, que en 2023 poidamos dicir que na provincia se aumentaron equis metros cadrados de superficie ou unha porcentaxe de espazo destinado ás persoas, e demostrar que o modelo de recuperación do espazo público é adaptable a calquera vila, cidade ou concello”, insistiu.
Neste sentido, Benítez lembrou que existe “un escenario interesante de inercias globais” que favorece a recuperación do espazo público. Citou a aposta da Unión Europea na loita contra o cambio climático, e subliñou que se darán oportunidades e axudas de financiamento para proxectos de recuperación de espazos para a mobilidade natural, polo que anunciou que a Deputación estará do lado dos concellos para acadar fondos europeos cos que facer obras, ademais de proporcionar fondos provinciais.
LISTADO DE CONCELLOS ÁGORA
CONCELLO TOMIÑO
CONCELLO VILAGARCIA DE AROUSA
CONCELLO NIGRAN
CONCELLO MEAÑO
CONCELLO PONTEAREAS
CONCELLO PAZOS DE BORBEN
CONCELLO COVELO
CONCELLO PONTEVEDRA
CONCELLO ROSAL
CONCELLO SALCEDA DE CASELAS
CONCELLO POIO
CONCELLO A GUARDA
CONCELLO CRECENTE
CONCELLO VILABOA
CONCELLO CATOIRA
CONCELLO A ESTRADA
CONCELLO SILLEDA
CONCELLO MORAÑA
CONCELLO BUEU
CONCELLO FORCAREI
CONCELLO MEIS
CONCELLO MARIN
CONCELLO CAMBADOS
CONCELLO MONDARIZ
CONCELLO SANXENXO
CONCELLO CALDAS DE REIS
CONCELLO TUI
CONCELLO BAIONA
CONCELLO ILLA DE AROUSA
CONCELLO SALVATERRA DE MIÑO
CONCELLO MOAÑA
CONCELLO CERDEDO-COTOBADE
CONCELLO PONTE CALDELAS
CONCELLO O GROVE
CONCELLO A LAMA
CONCELLO SOUTOMAIOR
CONCELLO O PORRIÑO
CONCELLO RIBADUMIA
CONCELLO GONDOMAR
CONCELLO AS NEVES
CONCELLO MOS
CONCELLO LALIN
CONCELLO PORTAS
CONCELLO VILA DE CRUCES
CONCELLO ARBO
CONCELLO FORNELOS DE MONTES
CONCELLO BARRO
CONCELLO A CAÑIZA